DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 29 de novembro de 2023 Páx. 65914

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 16 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 16 de novembro de 2023 relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñales en man común Aceveda ou Coto de Castiñeira e o de Vilariño, no concello de Vilariño de Conso.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Aceveda ou Coto de Castiñeira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Castiñeira, e máis o MVMC de Vilariño, pertencente á CMVMC de Vilariño, no concello de Vilariño de Conso, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 8 de xullo de 2022 a CMVMC de Castiñeira presentou un escrito (Rexel 2022/1794982) no cal solicitan a aprobación do deslindamento entre o MVMC Aceveda ou Coto de Castiñeira (CMVMC de Castiñeira) co MVMC de Vilariño.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Vilariño de Conso.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 9 de marzo de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento parcial do perímetro estremeiro entre o MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMVMC de Castiñeira, e o MVMC de Vilariño, pertencente á CMVMC de Vilariño, desde o vértice 1 (o situado máis ao S) ata o vértice (auxiliar) 4 (o situado máis ao N).

Logo de analizar os vértices e a súa localización, conclúese que os puntos que se van aprobar son os comprendidos entre o 1 e o 3, xa que o 4 se corresponde, pola súa vez, co punto 2 do deslindamento entre a CMVMC de Castiñeira e mais a de Vilariño, tendo (o punto 4) simplemente a condición de punto auxiliar que permite definir a dirección da liña de deslindamento a partir do vértice 3.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación dos puntos 1 e 3 avinzados, tendo o vértice 4 a consideración de punto auxiliar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Aceveda ou Coto de Castiñeira, pertencente á CMVMC de Castiñeira, e mais o MVMC de Vilariño, pertencente á CMVMC de Vilariño, no concello de Vilariño de Conso.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do ContenciosoAdministrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 16 de novembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense