DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 27 de novembro de 2023 Páx. 65452

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 30 de outubro de 2023, da Xerencia Municipal de Urbanismo, da aprobación inicial do proxecto de expropiación por taxación conxunta para a execución da actuación illada número 2 (AA2) da modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana 1993 para a reordenación do barrio do Cura (expediente 282/413).

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo, na sesión ordinaria do 20 de outubro de 2023, adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. Prestar aprobación, con carácter inicial ao proxecto expropiatorio do inmoble sito na rúa Santa Marta núm. 36 de Vigo, correspondente á actuación illada núm. 2 (AA2) da modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana do Concello de Vigo para a reordenación do barrio do Cura, que inclúe a documentación técnica inserida no rexistro electrónico da Xerencia Municipal de Urbanismo con data do 3.8.2023 (cód. sol.: W954410-921; doc. núm. 230263195), redactada conxuntamente pola avogada Carmen María Abuín Fernández (colexiada núm. 2942 do Colexio de Avogados de Vigo) e o arquitecto César Álvarez Arines (colexiado núm. 2295 do Colexio de Arquitectos de Galicia), do 2 de agosto de 2023, que inclúe o informe técnico de valoración elaborado polo arquitecto Germán Carballeira Martín o 23 de xaneiro de 2023 (colexiado núm. 2747 do Colexio de Arquitectos de Galicia).

Segundo. Someter á información pública o presente expediente, con toda a documentación integrante del, polo prazo dun (1) mes, mediante a publicación de cadanseu anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación da provincia, para que aquelas persoas que poidan resultar interesadas formulen as observacións e/ou reclamacións que consideren convenientes, en particular no relativo á titularidade ou valoración dos seus respectivos dereitos; o remate do referido prazo computarase desde a data da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia e a secretaría xeral que ten atribuída a competencia dilixenciará a documentación exposta.

Terceiro. Notificarlles as taxacións de xeito individual a todas aquelas persoas que aparezan como titulares de bens e dereitos no expediente, mediante traslado literal das correspondentes follas de valoración e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formulen as alegacións que coiden convenientes no prazo dun mes a partir da súa debida notificación.

Cuarto. O contido íntegro do proxecto inicialmente aprobado estará dispoñible no seguinte enderezo electrónico:

https://hoxe.vigo.org/movemonos/urbanismo_pxom2.php?lang=gal#/, e no portal de transparencia.

Para os efectos de dar cumprimento ao punto segundo da parte dispositiva deste acordo, a documentación íntegra aprobada inicialmente, logo de disociación dos datos persoais, de conformidade co previsto no artigo 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e na normativa sobre protección de datos persoais, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://hoxe.vigo.org/movemonos/urbanismo_pxom2.php?lang=gal#/ na epígrafe de Xestión/execución do planeamento e no Departamento de Información de Urbanismo, sito na planta baixa do edificio da Xerencia de Urbanismo (praza do Rei, s/n, Vigo), para a súa consulta e a presentación de cantos documentos ou escritos de alegacións consideren convenientes.

* Poden poñerse en contacto co Departamento de Información de Urbanismo, para solicitar cita previa ou para resolver calquera dúbida ao respecto, no teléfono 986 81 03 49.

* Para presentar documentos ou escritos de alegacións poden solicitar, preferentemente, cita previa no Rexistro de Urbanismo, no teléfono 986 81 03 44.

Ante a eventualidade de que puideran existir interesados descoñecidos neste procedemento, se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puider efectuar, a publicación do presente anuncio servirá de notificación co alcance e a finalidade previsto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo da perceptiva publicación no Boletín Oficial del Estado.

Vigo, 30 de outubro de 2023

O alcalde
P.D. (Resolución 4.7.2023)
María José Caride Estévez
Concelleira delegada da Área de Goberno de Urbanismo e Vivenda