DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 27 de novembro de 2023 Páx. 65395

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Moaña (expediente IN407A 2023/197-4).

Expediente: IN407A 2023/197-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: substitución dos apoios 74, 75, 76, 77, 80, 81, 82 e 83 da LAT 66 kV Ponte Sampaio-Cangas II.

Concello: Moaña.

Feitos:

Primeiro. O 23 de marzo de 2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica substitución dos apoios 74, 75, 76, 77, 80, 81, 82 e 83 da LAT 66 kV Ponte Sampaio-Cangas II.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na desmontaxe dos apoios 74, 75, 76, 77, 80, 81, 82 e 83, por deterioración, e na instalación de novos apoios 75N, 77N, 79N, 80N e 83N. Como consecuencia, será necesario o tendido e regulado da liña trifásica en simple circuíto LA-180 entre os apoios 77N e 80N. As actuacións están previstas na liña de alta tensión (LAT) 66 kV Ponte Sampaio-Cangas II ao seu paso polo concello de Moaña (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Moaña, Augas de Galicia, a Axencia Estatal Española de Seguridade Aérea (AESA), a Axencia Galega de Infraestruturas, o Servizo do Patrimonio Cultural e o Servizo de Montes. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos pola Axencia Galega de Infraestruturas e por AESA.

O Servizo de Montes informou que as obras proxectadas afectan a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Meira, polo que será necesaria a solicitude de declaración de utilidade pública das parcelas afectadas.

O 21 de setembro de 2023, UFD achegou unha copia do acordo acadado coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Meira, aclarando que non será necesaria a declaración de utilidade pública das parcelas afectadas polas obras proxectadas.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Substitución dos apoios 74, 75, 76, 77, 80, 81, 82 e 83 da LAT 66 kV Ponte Sampaio-Cangas II polos novos apoios 75N, 77N, 79N, 80N e 83N e tendido de condutor Pigeon LA-180 desde o apoio 73 ata o apoio 83N, cunha lonxitude de 1.660 metros. A instalación está situada no concello de Moaña (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada substitución dos apoios 74, 75, 76, 77, 80, 81, 82 e 83 da LAT 66 kV Ponte Sampaio Cangas II (expediente IN407A 2023/197-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 3 de novembro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra