DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 27 de novembro de 2023 Páx. 65356

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 22 de novembro de 2023 pola que se amplía o crédito orzamentario existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 28 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2023 (código de procedemento TR880A).

A Orde do 28 de xuño de 2023, publicada no DOG número 127, do 5 de xullo, refírese á concesión de axudas para as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, e as sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego, previstos no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, que cumpran os dous requisitos seguintes: que se constituísen ou que se desen de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2021 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica, á súa competitividade e, en definitiva, ao mantemento de empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 5 de novembro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.

As subvencións reguladas nesta orde fináncianse con cargo á aplicación orzamentaria 11.31.322C.770.2 (proxecto 2022 00087), cun crédito inicial de sete millóns de euros (7.000.000,00 €).

No artigo 4.4 da Orde do 28 de xuño recóllese expresamente a posibilidade de ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria, de conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do seu regulamento. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Dado o elevado volume de solicitudes de subvención presentadas, e coa finalidade de facer partícipe da subvención o maior número de beneficiarios posible, cómpre ampliar o importe do crédito destinado á concesión das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento.

Consecuentemente con todo o anteriormente exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito

1. Amplíase o importe total do crédito destinado ás subvencións que se concederán ao abeiro da Orde do 28 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2023 (código de procedemento TR880A).

O importe total do crédito, que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 11.31.322C.770.2, é de oito millóns cincocentos cincuenta mil cincocentos cincuenta e sete euros con sesenta e nove céntimos (8.550.557,69 €). Corresponden ao código de proxecto 2023 00117 tres millóns cento sesenta e nove mil seiscentos oitenta e tres euros con noventa e nove céntimos (3.169.683,99 €), e cinco millóns trescentos oitenta mil oitocentos setenta e tres euros con setenta céntimos (5.380.873,70 €) ao código de proxecto 2022 00087.

2. A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade