DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 22 de novembro de 2023 Páx. 64261

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de novembro de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos en materia de asistencia sanitaria durante a folga convocada para o día 23 de novembro de 2023 no ámbito territorial do concello das Pontes de García Rodríguez.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa traballadora o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación de asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo exercicio lexítimo do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a determinación do persoal preciso para a súa prestación.

A organización sindical CIG comunicou a convocatoria dunha folga xeral que afectará todas as actividades desempeñadas polos/as traballadores/as de empresas privadas e polos/as empregados/as do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito do concello das Pontes de García Rodríguez, e que se desenvolverá o día 23 de novembro de 2023 desde as 11.00 horas ata as 15.00 horas. No entanto, naquelas empresas, administracións e organismos que teñan quendas de tarde, a folga terá lugar nas catro primeiras horas desa quenda. Naquelas empresas, administracións e organismos que teñan quendas de noite, a folga será nas catro primeiras ou nas catro últimas horas da dita quenda, aínda que esta se prolongue despois das 00.00 horas do día 24 de novembro de 2023.

Con base no que antecede e unha vez outorgada audiencia ao Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde, circunscrita ao ámbito da asistencia sanitaria pública. Neste ámbito, a folga afecta un centro dependente do Servizo Galego de Saúde (o Centro de Saúde/Punto de Atención Continuada das Pontes), o transporte sanitario competencia da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e as empresas privadas que realizan tarefas de servizos contratados pola Área Sanitaria de Ferrol en relación co dito ámbito, que, neste caso, se cingue ao servizo de limpeza.

Os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para manter a cobertura adecuada do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía no que atinxe ás persoas doentes e usuarias asistidas nos devanditos servizos. Ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito, así como a atención urxente e permanente que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde, conducen á adopción dos seguintes criterios reitores para a determinación dos servizos esenciais nos centros e dispositivos sanitarios públicos afectados pola folga no ámbito territorial do concello das Pontes de García Rodríguez:

A) No ámbito funcional do transporte sanitario:

1º. Unha cobertura do 100 % das unidades respecto da atención urxente prestada a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e do transporte de enfermos/as que se atopen nunha situación de urxencia que implique risco vital ou dano irreparable para a saúde, así como o traslado ao centro hospitalario das patoloxías tempo-dependentes que, de non ser tratadas nun curto prazo de tempo, poden poñer en risco a vida do/da paciente ou o seu estado funcional posterior, como por exemplo Plan Ictus, Código Sepse ou Progaliam, ademais de pacientes críticos, como politraumatizados ou neurocirúrxicos.

2º. O 100 % dos servizos de transporte para enfermos/as que requiran tratamentos continuados de oncoloxía, o que inclúe a aplicación de radioterapia e diálise, así como as consultas externas urxentes e as probas diagnósticas urxentes.

B) Na asistencia sanitaria do Centro de Saúde/PAC das Pontes:

1º. Unha cobertura do 100 % da actividade urxente no punto de atención continuada.

É imprescindible a cobertura do 100 % da asistencia urxente, tendo en conta que non cabe prever con antelación as necesidades, por non tratarse dunha tarefa programable, e que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata, polo que ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia para os dispositivos de atención continuada.

2º. Os servizos mínimos que se fixan no tramo ordinario de atención da unidade e servizo de atención primaria das Pontes prestarán a asistencia urxente ou inaprazable da unidade, calquera que sexa a modalidade da prestación.

A atención sanitaria urxente no horario ordinario é desenvolvida polos/as profesionais dos servizos de atención primaria, polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e tratamento dos procesos inaprazables neste ámbito asistencial, no que o traballo é levado a cabo por un grupo interdisciplinar de profesionais que desempeñan cadansúas funcións (tanto as especificamente sanitarias como as de soporte administrativo de xestión e información) de xeito coordinado.

En consecuencia, establécese a seguinte dotación mínima nos tres colectivos profesionais existentes neste centro, isto é, persoal licenciado sanitario, persoal sanitario diplomado e de formación profesional e persoal de xestión e servizos:

– Nos colectivos con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

– Nos colectivos con cinco ou máis profesionais: 2 efectivos.

C) No ámbito funcional do servizo de limpeza:

Cómpre establecer o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e a prestación de limpeza habituais, agás nas zonas onde se requira unha limpeza urxente (salas de extraccións, curas e actividades de cirurxía menor), nas cales se determinará o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestacións de limpeza habituais.

Artigo 2

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar suficientemente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse adecuadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro ou da entidade con antelación ao comezo da folga.

Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllese o número de efectivos necesarios para garantir a totalidade da actividade urxente ou inaprazable que cabe prever nas quendas a que afecta a folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola Dirección da correspondente institución e notificada aos/ás profesionais designados/as.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

a) UAP/SAP das Pontes:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Persoal licenciado sanitario

2

1

Persoal sanitario diplomado e de formación profesional

2

1

Persoal de xestión e servizos

1

1

b) PAC das Pontes:

Servizos mínimos

Tarde

Noite

Persoal médico de familia PAC

1

1

Persoal de enfermaría

1

1

Celador/a e persoal de servizos xerais de PAC

1

1

c) Empresas contratadas. Área Sanitaria de Ferrol:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Limpeza

1

1

d) Bases e número de recursos asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB) ou de soporte vital avanzado (AA-SVA) do 061 precisas para cubrir os servizos mínimos durante a folga: ambulancia asistencial de soporte vital básico (AA-SVB), é dicir, ambulancia tipo B concertada pola FPUSG-061 para a base das Pontes con dous técnicos/as de emerxencias sanitarias (TES). O horario de servizo é de 24 horas.