DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 21 de novembro de 2023 Páx. 63827

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 145/2023, do 9 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Ponteareas dun treito antigo da estrada provincial EP-4006 Ponteareas-As Neves, denominado avenida Sarmiento Rivera.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Ponteareas solicita á Deputación Provincial de Pontevedra, segundo o establecido no convenio de colaboración asinado entre concello e deputación para a execución do Proxecto de humanización da avenida Sarmiento Rivera (EP-4006) entre a avenida de Rosalía de Castro e a rúa Redondela, o inicio da transferencia de titularidade dos seguintes treitos da estrada provincial EP-4006:

Treito de 50 metros lineais da EP-4006 Ponteareas-As Neves, entre o p.q. 0+000 e 0+050.

Treito antigo de 323 metros lineais, avenida Sarmiento Rivera, situado no p.q. 0+000 da estrada provincial EP-4006 Ponteareas-As Neves.

A estrada EP-4006 Ponteareas-As Neves constitúe o itinerario principal entre as capitalidades municipais de Ponteareas e As Neves. Ten o seu comezo nunha glorieta situada na zona sueste da periferia do núcleo urbano de Ponteareas. Non é posible transferir os primeiros 50 metros desta estrada sen romper a continuidade deste itinerario que se inicia na antedita glorieta.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de novembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Ponteareas do treito antigo da EP-4006 Ponteareas-As Neves, denominado avenida Sarmiento Rivera polo rueiro municipal, cunha lonxitude de 323 metros:

Denominación

p.q.

Lonx. (km)

Treito antigo da estrada provincial EP-4006 Ponteareas-As Neves (avenida Sarmiento Rivera)

0+000 da EP-4006

0,323

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ponteareas deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega do ben formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Ponteareas, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade