DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 17 de novembro de 2023 Páx. 63556

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2023/090-4).

Expediente: IN407A 2023/090-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: soterramento LMT DC BAL705, CS e substitución CT Monte da Serra (36CEA0).

Concello: Vigo.

Feitos.

Primeiro. O 16 de febreiro de 2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Soterramento LMT DC BAL705, CS e substitución CT Monte da Serra (36CEA0).

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións no lugar de Portoloureiro, na parroquia de Castrelos, no concello de Vigo:

– Retirada do centro de transformación compacto Monte da Serra (36CEA0) de manobra exterior 2L1P con envolvente prefabricada de formigón de 250 kVA.

– Instalación dun novo centro de transformación de 250 kVA compacto de manobra exterior 2L1P telecontrolado con GPRS/FO en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT na parcela con referencia catastral 54057A093001130000AE.

– Instalación dun centro de seccionamento compacto de manobra exterior 3L+TT con dúas celas de saída telecontroladas vía GPRS/3G en envolvente prefabricada de formigón na parcela con referencia catastral 54057A093001130000AE. Estará conectado á rede na cela de saída do CT proxectado e nos tramos SDM7070989 e BAL7050005.

– Retirada dun total de 903 metros de liña de media tensión aérea (LMTA), dous apoios de formigón, cinco de celosía e os XS (36HU45) existentes no apoio 9WRPFMDF (que será retirado). Concretamente desmóntanse os tramos da liña de media tensión LMTA BAL7050015, BAL7050006, BAL7050011 e BALYYY (actualmente sen servizo) desde o apoio C-9000/18 ata o apoio C-9000/16 que substitúe o apoio 9WUD8QOA//D13. Tamén se retiran os tramos BAL7050012 e parte do tramo BAL7050005 desde o apoio existente 9WRI0MW8 (que será retirado) ata o apoio proxectado C-2000/14. Reténsanse os vans.

– Retirada do tramo de liña de media tensión subterránea (LMTS) BAL7050008 que alimenta o CT Monte da Serra (36CEA0).

– Instalación dunha LMTS de 690 metros de lonxitude.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, Augas de Galicia e a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Vigo e por AESA.

Augas de Galicia non emitiu o condicionado técnico e, en consecuencia, enténdese a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 21 de marzo de 2023 esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 21 de marzo de 2023 publicada nos seguintes medios:

Diario Oficial de Galicia (DOG): 18 de abril de 2023.

– Xornal Faro de Vigo: 26 de abril de 2023.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo: desde o 29 de marzo ata o 15 de maio de 2023, segundo o certificado emitido polo propio concello.

– Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Quinto. O 28 de abril de 2023, Alba Fernández Caride, titular dunha das parcelas afectadas, manifestou que acepta as afeccións impostas e solicitou a retirada da liña de media tensión que atravesa a súa propiedade.

Sexto. O 10 de maio de 2023, UFD comunicou que chegou a un acordo con Alba Fernández Caride e, polo tanto, solicita a declaración de utilidade pública unicamente para dúas parcelas (54057A095000100000AW e 54057A096002840000AL). Coa solicitude, UFD presentou copia do acordo acadado.

Sétimo. Non houbo máis alegacións presentadas neste expediente.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación a este expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 690 metros en catro actuacións. A primeira é de 164 metros de lonxitude, con orixe no empalme coa LMTS existente no camiño do Carro e final no centro de transformación (CT) proxectado, que substitúe o centro de transformación Monte da Serra (36CEA0). A segunda é de 23 metros de lonxitude, con orixe no centro de transformación proxectado e final no centro de seccionamento (CS) proxectado. A terceira é de 343 metros de lonxitude, con orixe no centro de seccionamento e final no apoio proxectado C-9000/16, mediante paso aéreo subterráneo, na LMT existente no camiño do Monte da Serra. A cuarta é de 160 metros de lonxitude, con orixe no centro de seccionamento proxectado e final no apoio proxectado C-2000/14, mediante un paso aéreo subterráneo na LMT existente.

– Centro de transformación compacto, a 250 kVA, con R.T. 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 54057A093001130000AE, na rúa de Portoloureiro.

– Centro de seccionamento, 3L 2TC, con celas compactas e corte en SF6, situado na parcela con referencia catastral 54057A093001130000AE, na rúa de Portoloureiro.

– Retensado dos vans aéreos contiguos aos apoios proxectados (177 e 62 metros).

A instalación está situada en Portoloureiro, parroquia de Castrelos, no municipio de Vigo (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Soterramento LMT DC BAL705, CS e substitución CT Monte da Serra (36CEA0), expediente IN407A 2023/090-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 26 de outubro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra