DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 16 de novembro de 2023 Páx. 63284

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, dunha instalación eléctrica no concello do Grove (expediente IN407A 2022/318-4).

Expediente: IN407A 2022/318-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: RBT no lugar de Estonllo-San Martiño.

Concello: O Grove.

Feitos:

Primeiro. O 9 de agosto de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada RBT no lugar de Estonllo-San Martiño.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade o soterramento dun van de 39 metros de cable XZ1 da rede de baixa tensión do centro de transformación 36AE09, para adecuar o tramo da liña de media tensión aérea (LMTA) VLG802. Ademais, instálase un apoio HV 630/11 e reténsase o van da liña aérea de baixa tensión existente de cable RZ. As instalacións están situadas no lugar de Estonllo-San Martiño, no concello do Grove (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Grove e a Deputación Provincial de Pontevedra.

Os organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade co proxecto da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 5 de maio de 2023, esta xefatura territorial notificou a solicitude da declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de San Martiño, que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

A parcela con referencia catastral 36022A021010690000EX, de titularidade da CMVMC de San Martiño, presenta as seguintes afeccións:

Cultivo

Apoio

Afeccións

m2

ml aér.

ml sub.

m2 aér.

m2 sub.

Rústico

1

0,64

23,74

28,84

87,29

37,11

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 5 de maio de 2023, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 31 de maio de 2023.

– Faro de Vigo: 19 de xuño de 2023.

– Taboleiro de anuncios do Concello do Grove.

– Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A Instrución 2/2012, do 22 de maio, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ditan as normas para a autorización da posta en servizo das instalacións eléctricas e para os procedementos de tramitación administrativa das instalacións de distribución de baixa tensión, dispón que na tramitación administrativa das instalacións de distribución de baixa tensión só será preciso o rexistro da instalación no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria. De ser necesario, para as instalacións obxecto deste proxecto, debería solicitar unicamente a declaración de utilidade pública.

Terceiro. Neste expediente someteuse a información pública a petición de declaración de utilidade pública, en concreto, e a urxente ocupación que leva implícita, de acordo co título IX da na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e co capítulo V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica RBT no lugar de Estonllo-San Martiño, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación proxectada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 20 de outubro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra