DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 14 de novembro de 2023 Páx. 63002

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 30 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se somete a información pública o expediente de extinción do convenio de Ouviaña, número de elenco 2717548, do concello de Ribeira de Piquín (expediente 12/2022).

O 30 de maio 1995 asinouse o convenio de Ouviaña, 2717548, subscrito entre a Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes e Francisco Fernández Méndez, Ignacio Cabanas López e Ovidio Toimil García, en virtude dos poderes notariais outorgados en Bilbao o 17 de novembro de 1993 e en Meira o 18 de xaneiro de 1994. A superficie conveniada foi de 158 ha.

Nos poderes notariais figuran como apoderados Francisco Fernández Méndez, Ignacio Cabanas López e Ovidio Toimil García e como poderdantes Obdulia Méndez Fernández, Anselmo Rico López, Luis Pardo López, José Fernández Díaz, Cecilio Fernández Rico, Anibal Fernández Pardo, Julio García López, José Fernández Toimil, Francisco López Osorio, Manuel Rico López, José Antonio Rico López, Jaime Alonso Couso, Eliseo Fernández Rodríguez, Pedro Villar Pérez, Dulcinio Rico López, Sergio Rico López, Elena Rico López e José Antonio Ares Fernández.

O 16 de febreiro de 2005 o xefe do Servizo de Montes deu a súa conformidade coa proposta de permuta de Francisco Fernández Méndez entre dúas parcelas da súa propiedade, incorporando un novo plano ao expediente do convenio de Ouviaña, 2717548.

O 28 de decembro de 2018 tivo entrada no Rexistro Xeral de Xunta de Galicia un escrito de Francisco Fernández Méndez no cal solicita a extinción do convenio de Ouviaña, 2717548. Neste escrito manifesta que actúa como representante dos propietarios incluídos no convenio, segundo o acordado na reunión do 20 de decembro de 2018. Xunta a este escrito as solicitudes individuais de Noelia Cabanas Cancio, Sandra Cabanas Cancio, Daniel Cabanas Cancio, Celia Fernández Gómez, Placeres López Quintana, Argelina Rico Gómez, Ana Mª López Rico, Ursino Fernández Fernández, Manuel López Osorio e José Antonio Ares Fernández.

O 13 de marzo de 2019 tivo entrada no Rexistro Xeral de Xunta de Galicia un escrito de Mª Isabel Rico López e Carmen Rico López no cal solicitan a extinción do convenio de Ouviaña, 2717548.

O 9 de decembro de 2020 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia un escrito de Marina Toimil Fernández no cal expón a súa desconformidade coa solicitude de extinción do convenio de Ouviaña, 2717548, e solicita comparecer no procedemento e que sexan tidas en conta as alegacións e a documentación que se achega.

O 14 de setembro de 2023 o técnico do Distrito X, A Terra Chá, emite un informe sobre o estado forestal do ámbito deste convenio.

En aplicación da disposición transitoria cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o 20 de setembro de 2023 o xefe do Servizo de Montes de Lugo certifica que o convenio de Ouviaña, con número de elenco 2717548, non presenta saldo debedor.

A Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, derrogou a disposición transitoria novena da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e regulou na disposición transitoria cuarta (modificada no seu número 1 polo artigo 17 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas) a cancelación e finalización dos consorcios e convenios de repoboación forestal existentes no momento da súa entrada en vigor:

«Disposición transitoria cuarta. Montes con consorcios ou convenios coa Administración

1. Os consorcios ou convenios de repoboación coa Administración forestal existentes nos montes no momento da entrada en vigor desta lei serán obxecto de:

a) Cancelación de oficio nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2023, nos casos seguintes:

– Montes que non presenten saldo debedor na data de entrada en vigor desta lei ou en calquera momento dentro do prazo máximo estipulado.

(...)

b) Finalización nun prazo que terminará o 31 de decembro de 2023, momento en que deberá asinarse un contrato temporal de xestión pública que substitúa o consorcio ou o convenio finalizado».

Á solicitude de extinción resúltalle de aplicación ratione temporis (STS núm. 703/2019, do 27 de maio de 2019, da Sala do Contencioso-Administrativo, rec. casación núm. 2825/2018) o disposto na disposición transitoria cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, na súa redacción anterior á modificación desta norma pola disposición derradeira sétima da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Tal e como se estableceu na súa redacción orixinal, a mencionada disposición transitoria cuarta dispuxo a cancelación e finalización dos consorcios e convenios de repoboación forestal existentes no momento da súa entrada en vigor, eliminado o requisito de aprobación previa pola Administración dun instrumento de ordenación ou de xestión con carácter previo á extinción dos ditos consorcios e convenios.

Por todo o anterior, vaise propoñer á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal a extinción do convenio de Ouviaña, 2717548.

De acordo co establecido no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sométese a información pública o expediente de extinción do convenio de Ouviaña, número de elenco 2717548, do concello de Ribeira de Piquín (Lugo). O acto adoptouno a xefa territorial.

Durante o prazo de vinte (20) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a documentación deste expediente está dispoñible ao público, para a súa consulta, no Servizo de Montes de Lugo (rolda da Muralla, nº 70, baixo 2º, 27071 Lugo), das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres, e na páxina web da Consellería do Medio Rural (https://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/anuncios).

Durante o prazo sinalado, as alegacións, suxestións ou observacións serán dirixidas á Xefatura Territorial de Lugo da Consellería do Medio Rural a través de calquera rexistro previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lugo, 30 de outubro de 2023

María Olga Iglesias Fontal
Xefa territorial de Lugo