DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 13 de novembro de 2023 Páx. 62709

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción do proxecto de almacenamento eléctrico BESS Sanxenxo e a súa liña de evacuación, no concello de Sanxenxo (IN408A 2023/008-4).

Para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, sométese a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que se describe:

Solicitante: Soner Sorolla, S.L.U.

Denominación: sistema de almacenamento de 5 MW BESS Sanxenxo e LSMT 20 kV BESS Sanxenxo.

Concello afectado: Sanxenxo.

Potencia máxima de funcionamento: 5 MW.

Orzamento de execución material: sistema de almacenamento de 5 MW BESS Sanxenxo: 6.535.363,82 € e LSMT 20 kV BESS Sanxenxo: 192.416,78 €.

Características técnicas recollidas no proxecto:

– 8 contedores destinados a albergar as baterías baseadas na tecnoloxía Lithium Iron Phosphate (LFP) en modalidade Stand-alone, cunha capacidade de enerxía utilizable de 2,75 MWh cada un (limitada a 2,5 MWh). Cada contedor de baterías componse por 8 bastidores (racks) (cada bastidor (rack), pola súa vez, por 6 módulos de baterías) e catro inversores do tipo DC/DC, modelo SD175HV.

– Inversor/transformador Sungrow SC5500UD-MV de 5,50 MW (limitado a 5,00 MW). Transformador de potencia aparente de 5,5 MVA con relación de transformación 0,55/20 kV.

– A planta BESS Sanxenxo conectarase á rede de distribución mediante unha liña subterránea de 20 kV ata a subestación SE Sanxenxo, punto de conexión propiedade de UFD Distribución Electricidad, S.A., mediante cable illado RHZ1-OL 12/20 1×240 mm2 KAL + H16 Cu, dunha lonxitude de 1.346 metros.

Órgano competente para autorizar o proxecto: a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

Procedemento de avaliación ambiental: o proxecto da referida instalación eléctrica está suxeito a avaliación de impacto ambiental segundo o establecido no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e no Real decreto 445/2023, do 13 de xuño, polo que se modifican os anexos I, II e III da Lei 21/2013, do 9 de decembro.

O anterior faise público, de conformidade cos artigos 115 e 125 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e co artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan examinar a documentación e presentar as súas alegacións, no prazo de trinta días, contados desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

A documentación estará á disposición das persoas interesadas na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Industria e Innovación (avda. Mª Victoria Moreno, nº 43, 5º, 36071 Pontevedra), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, teléfono de consultas: 986 80 52 25. Tamén se poderá consultar no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da seguinte ligazón:

https://ceei.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion

Pontevedra, 30 de outubro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra