DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 10 de novembro de 2023 Páx. 62209

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 26 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se lles comunican aos posibles titulares de dereitos e intereses os acordos adoptados por este xurado, relativos á revisión do esbozo do expediente 50/75 e cinco máis.

Como consecuencia da entrada en vigor da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e coa finalidade de levar a cabo o establecido na disposición transitoria décimo terceira con respecto á revisión de esbozos de montes veciñais en man común, o Xurado, na reunión que tivo lugar o 17.9.2012, acordou solicitar, ao Servizo de Montes a realización de propostas de revisión e elaboración de cartografías actualizadas dos montes veciñais da provincia, susceptibles de tal adecuación.

En relación con isto, na sesión realizada polo Xurado Provincial o día 9.10.2023 figuran os seguintes acordos:

– MVMC Cornide e Veliñas (exp. 50/75), pertencente aos veciños da parroquia de Barxa de Lor, concello da Pobra do Brollón.

O 10.12.2021 tivo entrada unha solicitude da Comunidade de Barxa de Lor para que se revise o esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achegan. O 23.8.2023 a solicitude foi mellorada de acordo co requirimento que lles foi enviado.

O 29.8.2023 o Servizo de Montes elaborou unha memoria co novo esbozo (2021_46) na cal se recolle que a superficie do monte de Cornide e Veliñas pasa a ser de 164,25 ha.

Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e incorporar o novo esbozo ao expediente.

O novo esbozo correspóndese co plano do anexo I, ao final deste anuncio.

– MVMC Salgueiros (exp. 77/76), pertencente aos veciños do lugar de Salgueiros, na parroquia de Berbetouros, no concello de Palas de Rei.

O 7.1.2022 e o 1.6.2022 tiveron entrada dúas solicitudes da Comunidade de Salgueiros para que se revise o esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achegan.

O 2.8.2023 o Concello de Palas de Rei presentou un escrito de alegacións respecto da parcela catastral 9008 do polígono 119, da cal é titular, onde manifesta que se trata dun camiño público do Catálogo de bens municipais, polo que debe respectarse a súa titularidade.

O 28.9.2023 o Servizo de Montes elaborou unha proposta co novo esbozo (2022_27), na cal tivo en conta as alegacións presentadas polo concello e na cal se recolle que a superficie do monte de Salgueiros pasa a ser de 31,82 ha.

Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e incorporar o novo esbozo ao expediente.

O novo esbozo correspóndese co plano do anexo II, ao final deste anuncio.

– MVMC Campa e Ferreiriños (exp. 122/75), pertencente aos veciños de Arxubín e Barxa, na parroquia do Hospital, no concello de Quiroga.

O 23.9.2022 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Arxubín e Barxa para que revise o esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achegan. Tras os requirimentos oportunos, os días 10.5.2023 e 16.6.2023 presentaron as emendas de solicitude correspondentes.

O 30.6.2023 o Servizo de Montes elaborou unha proposta de novo esbozo (2022_112) na cal se recolle que a superficie do monte de Campa e Ferreiriños pasa a ser de 539,61 ha.

Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e incorporar o novo esbozo ao expediente.

O novo esbozo correspóndese co plano do anexo III, ao final deste anuncio.

– MVMC Prados (exp. 11/81), pertencente aos veciños do lugar de Prados, na parroquia de Cereixedo, no concello de Cervantes.

O 27.9.2022 tivo entrada unha solicitude da Comunidade de Prados para que se revise o esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achegan. O 22.9.2023 a solicitude foi mellorada tras o requirimento oportuno.

O 25.9.2023 o Servizo de Montes elaborou unha proposta de novo esbozo (2022_151) na cal se recolle que a superficie do monte de Prados pasa a ser de 206,03 ha.

Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e incorporar o novo esbozo ao expediente.

O novo esbozo correspóndese co plano do anexo IV, ao final deste anuncio.

– MVMC Serra de Férveda, Marco e Pedreda (exp. 30/78), pertencente aos veciños da parroquia de Tórdea, no concello de Castroverde.

O 5.9.2022 tivo entrada unha solicitude da Comunidade de Pedrafita (mellorada o 21.9.2023) para que se revise o esbozo do monte veciñal, conforme a proposta que achegan.

O 27.9.2023 o Servizo de Montes elaborou unha proposta de novo esbozo (2022_65) na cal se recolle que a superficie do monte de Serra de Férveda, Marco e Pedreda pasa a ser de 109,97 ha.

Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e incorporar o novo esbozo ao expediente.

O novo esbozo correspóndese co plano do anexo V, ao final deste anuncio.

– MVMC Brancio e Candelos (exp. 15/81), pertencente aos veciños de Brancio e Candelos, da parroquia de San Martín de Arroxo, no concello da Fonsagrada.

O 29.9.2022 tivo entrada unha solicitude da Comunidade de Brancio e Candelos para que se revise o esbozo do monte veciñal, conforme a proposta que achegan.

O 29.9.2023 o Servizo de Montes elaborou un informe en que se fai referencia diferenciada a dúas parcelas catastrais afectadas pola revisión, coas seguintes indicacións:

– Parcela 27018A32700027 (a nome dun particular): desta parcela incorpórase ao monte unha pequena parte dela porque o resto xa estaba clasificado.

– Parcela 27018A29800115 (a nome de MVMC Ervellais): déuselle trámite de audiencia á CMVMC Ervellais e non presentaron alegacións. Así mesmo, esta parcela quedou definida polo deslindamento acordado entre as comunidades (Ervellais con Brancio e Candelo) respecto á liña que divide os seus montes.

O informe inclúe unha proposta de novo esbozo (2022_260) en que se recolle que a superficie do monte de Brancio e Candelos pasa a ser de 139,31 ha.

Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e incorporar o novo esbozo ao expediente.

O novo esbozo correspóndese co plano do anexo VI, ao final deste anuncio.

Contra estes acordos, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 26 de outubro de 2023

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo

ANEXO I. Esbozo do MVMC Cornide e Veliñas (A Pobra do Brollón).

ANEXO II. Esbozo do MVMC Salgueiros (Palas de Rei).

ANEXO III. Esbozo do MVMC Campa e Ferreiriños (Quiroga).

ANEXO IV. Esbozo do MVMC Prados (Cervantes).

ANEXO V. Esbozo do MVMC Serra de Férveda, Marco e Pedreda (Castroverde).

ANEXO VI. Esbozo do MVMC Brancio e Candelos (A Fonsagrada).

ANEXO I

missing image file

ANEXO II

missing image file

ANEXO III

missing image file

ANEXO IV

missing image file

ANEXO V

missing image file

ANEXO VI

missing image file