DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 9 de novembro de 2023 Páx. 61597

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 30 de outubro de 2023 pola que se clasifica de interese sociolaboral a Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo con domicilio na avenida das Américas, número 5-7, en Lugo.

Feitos:

1. O 27 de xuño de 2023, Diego Estévez García, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo constituína a entidade Atlas Montajes e Ingeniería, S.L.U., representada polo seu administrador único José Luis Villasante Carrera, mediante escritura pública outorgada o 23 de xuño de 2023, ante o notario de Lugo José Manuel López Cedrón, co número de protocolo 885.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «favorecer o emprego e a integración sociolaboral das persoas con discapacidade a través da súa participación en centros especiais de emprego de iniciativa social, así como a innovación no ámbito social e medioambiental, contribuíndo a unha mellora do emprego e da empresa en xeral a través dunha aposta decidida pola integración social, a iniciativa social e as tecnoloxías da información e comunicación».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Luis Villasante Carrera, como presidente; María Jesús Fernández Pita, como vicepresidenta; e Manuel Osorio Díaz, como secretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese sociolaboral da Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese sociolaboral e a súa adscrición á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta vicepresidencia primeira e consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 16 de outubro de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese sociolaboral a Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo e adscribila ao protectorado da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes