DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 9 de novembro de 2023 Páx. 61722

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 10 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o cuarto trimestre do exercicio orzamentario 2023 (código de procedemento MR302A).

A Resolución do 10 de agosto de 2023 (publicada no DOG do 21 de agosto) estableceu as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e convocounas para o cuarto trimestre do exercicio orzamentario 2023.

O artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, prescribe o inicio de oficio das convocatorias de axuda en réxime de concorrencia competitiva, e establece os contidos mínimos para incluír nas convocatorias, e, particularmente, o prazo de resolución e concesión. O artigo 14.5 da Resolución do 10 de agosto de 2023 (instrución e resolución), indícase que a xustificación dos gastos efectuados da anualidade corrente que será determinada na resolución de concesión non superará a data límite do 9 de novembro. Dificultades sobrevidas na instrución do procedemento exixen o atraso desta data ata o 29 de decembro para garantir o seu cumprimento.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do punto 5 do artigo 14 da Resolución do 10 de agosto de 2023

Modifícase o punto 5 do artigo 14 da Resolución do 10 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o cuarto trimestre do exercicio orzamentario 2023, que queda redactado do seguinte xeito:

«5. A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente, indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos realizados, que será polo menos posterior en cinco días á finalización da realización da actividade subvencionada segundo o calendario presentado e, en calquera caso, sen superar a data límite do 29 de decembro no que se refire á anualidade do ano corrente e o 1 de abril para a anualidade seguinte».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2023

José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria