DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 9 de novembro de 2023 Páx. 61794

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 26 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución dos recursos de reposición presentados contra a revisión do esbozo do monte veciñal de Pedrafita (Guitiriz) (expediente 36/75).

Na sesión celebrada polo xurado provincial o día 9.10.2023 figura o seguinte acordo:

MVMC Pedrafita (expediente 36/75), pertencente aos veciños da parroquia de Pedrafita, concello de Guitiriz.

O 14.6.2023, o xurado ditou resolución pola que aprobou a revisión do esbozo do MVMC Pedrafita por instancia da comunidade propietaria.

Contra este acordo presentáronse os seguintes recursos:

− 12.7.2023. Federico Yáñez Ulla alega que os actuais recintos f e g da parcela catastral 33 do polígono 327 son de titularidade particular. Achega nota simple da súa inscrición no Rexistro da Propiedade de Vilalba como parcela 36 do mesmo polígono.

− 21.7.2023. A CMVMC de Pedrafita expón o seu desacordo coa resolución, debido a que deixa fóra do monte a parcela denominada Campo, correspondente ás subparcelas aa e parte da ab da parcela 2 do polígono 369. Alega que o predio non está suficientemente identificado na documental achegada e reclaman a súa propiedade, por entender que está acreditada a súa natureza veciñal.

− 27.7.2023. Cristina González Fernández manifesta ser propietaria da subparcela h da parcela 13 do polígono 326. Para xustificar a propiedade presenta unha executoria xudicial da Audiencia Provincial de Lugo e unha escritura de doazón. Así mesmo, presenta un informe do Servizo de Montes sobre a localización da parcela respecto do perímetro do MVMC.

− 7.8.2023. Julia Ramil Piñeiro e dúas persoas máis alegan seren propietarias dunha superficie de 40.568 m² de acordo cunha certificación catastral do 4.7.2023, correspondente á parcela 21 do polígono 363 de Guitiriz. Porén, os terreos que solicitan que se exclúan do esbozo coinciden cos terreos que forman as subparcelas a, b e d da actual parcela 14 do polígono 363. Para xustificar a propiedade presentan unha escritura de aceptación e adxudicación parcial de herdanza.

− 7.8.2023. Carmen e Mª Angelina Río Iglesias, e dúas persoas máis, alegan seren propietarias dunha superficie de 43.817 m² que conforma un todo unido delimitado por unha gabia e fitos. Sería o terreo identificado na parcela 4 do polígono 363, segundo a certificación catastral gráfica emitida o 4.7.2023. Porén, os terreos que solicitan que se exclúan do esbozo coincidirían coas subparcelas f, i e h da parcela 14 do polígono 363. Para xustificar a propiedade presentan unha escritura de aceptación e adxudicación parcial de herdanza, así como un testamento de 1988.

Examinados o devanditos recursos de reposición, o xurado, por unanimidade, acorda estimar o recurso presentado por Federico Yáñez Ulla e desestimar os recursos presentados polos demais recorrentes, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 26 de outubro de 2023

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo