DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 8 de novembro de 2023 Páx. 61524

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Porto do Son (expediente IN407A 2023/113-1).

Expediente: IN407A 223/113-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: renovación LMTS PDS803 entre CT 15CGXZ e CT 15CHLL.

Concello: Porto do Son.

Feiros:

1. O día 7.3.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica. Co obxecto de atender os aumentos de demanda de enerxía no Camiño Novo (AC-550), concello de Porto do Son, proxéctase deixar fóra de servizo un tramo soterrado da liña de distribución de media tensión LMT PSD803, procedente da subestación Porto do Son, e instalar un novo condutor en nova canalización paralela á existente.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan memoria, planos e orzamento co proxecto de execución denominado renovación LMTS PDS803 entre CT 15CGXZ e CT 15CHLL, asinado o día 1.12.2022 por Tito Arias Santos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico con número de colexiado LE-1010.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, trasladóuselles unha separata do proxecto ás entidades afectadas, na parte en que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo. A separata contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Así, solicitouse o informe preceptivo a: concello de Porto do Son, AXI e Patrimonio Cultural.

A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes presentados polos ditos organismos no prazo outorgado para ese efecto.

4. O día 8.9.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio) consonte coa disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño).

2. Lexislación de aplicación:

a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

d) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

e) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

f) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Características técnicas:

As instalacións atópanse no Camiño Novo (AC-550), no concello de Porto do Son, e as súas características técnicas son as seguintes:

– LMTS a 20 kV, de 89 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, con orixe no CT 15CHLL existente e remate en empalme proxectado ao comezo do tramo PDS8032482 en Camiño Novo (AC-550).

– Posta fóra de servizo dos tramos da LMT PSD803, procedente da subestación Porto do Son, seguintes: PDS8032478 (RHV 12/20KV 1×150 KAL), entre o CT 15CHLL e o tramo con matrícula PDS8032482.

No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

Planimetría as built da instalación eléctrica en formato Shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 28 de setembro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña