DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 8 de novembro de 2023 Páx. 61498

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 2 de novembro de 2023, de modificación da Orde do 16 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do programa de comercio circular e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300D).

Mediante a Orde do 16 de agosto de 2023 (DOG núm. 171, do 8 de setembro) establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do programa de comercio circular e procédese á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300D).

O artigo 19.1 das bases reguladoras dispón que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 8 da convocatoria e ata o 15 de novembro de 2023, dunha copia da documentación indicada no propio artigo 19.1.

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede ampliar o período subvencionable e o prazo de presentación da documentación xustificativa por parte das persoas beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo I da Orde do 16 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do programa de comercio circular e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300D)

Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 19.1 do anexo I da referida orde, que queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 8 da convocatoria e ata o 27 de novembro de 2023, dunha copia da seguinte documentación:»

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación