DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 6 de novembro de 2023 Páx. 60865

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Abegondo.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Abegondo, mediante a Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 19 de outubro de 2023, que figura como anexo.

Unha vez inscrito o dito plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2324&_aaeTipology_WAR_aae_id=2324

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal
do concello de Abegondo (A Coruña)

O Concello de Abegondo o 23 de decembro de 2022, remite o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) xunto co expediente administrativo; e o 23 de xaneiro de 2023 e o 15 de setembro de 2023 achega documentación complementaria, co obxecto da súa aprobación definitiva (AD) consonte o previsto no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes e tramitación.

1. O Concello de Abegondo non conta con planeamento xeral vixente tras as anulacións xudiciais do PXOM aprobado definitivamente o 14.9.2012 (DOG do 26 de setembro), e anteriormente das normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 27.12.1996 (DOG do 22 de xaneiro de 1997).

2. Ao abeiro da Lei 2/2017, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (LMFAO), o 28.3.2019 aprobouse definitivamente o instrumento de ordenación provisional (IOP) do concello de Abegondo (DOG do 5 de abril). Asemade, constan:

• 7 Delimitacións de núcleo rural, redactadas ao abeiro da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG): A Igrexa (Folgoso) AD-09/06/2011, Hermide (Figueiroa) AD 19.4.2010, O Igrexario (Cabanas) AD 5.10.2009, Xuanzo (Cullergondo) AD 5.10.2009, Beade (Abegondo) AD 5.10.2009, Fontao (Meangos) AD 20.5.2009 e Tras da Igrexa (Quendes) AD 21.10.2008.

• Plan especial de infraestruturas PE/D3 do enlace SX/VIG2 do PXOM-2012, AD 21.2.2014.

• Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) para centro de saúde, AD 26.2.2021.

• Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) do tanatorio Golpe, AD 30.5.2022.

3. Abegondo está afectado polos seguintes instrumentos de ordenación do territorio:

• Directrices de ordenación do territorio (DOT) aprobadas definitivamente polo Decreto 19/2011, do 10 de febreiro (DOG do 22 de febreiro).

• Directrices da paisaxe de Galicia, aprobadas definitivamente polo Decreto 238/2020, do 29 de decembro (DOG do 1 de febreiro de 2021).

• Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020, do 13 de xaneiro de 2011, e con actualización vixente desde decembro de 2016.

• Plan sectorial eólico de Galicia, vixente desde o 1 de outubro de 1997, e as súas posteriores modificacións.

• Plan sectorial hidroeléctrico concas hidrográficas Galicia-Costa (AD 29.11.2011; DOG do 7 de xaneiro de 2002).

• Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal (AD 2.5.2013; DOG do 17 de xuño).

• Programa coordinado de actuación, Plan forestal de Galicia cara á neutralidade carbónica 2021-2040, aprobado definitivamente o 30 de setembro de 2021 (DOG do 25 de outubro).

• Plan director do Aeroporto da Coruña, revisado o 22 de setembro de 2022.

• Plan director da Rede Natura 2000, aprobado polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo (DOG do 31 de marzo).

• Plan hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027, aprobado polo Real decreto 48/2023, do 24 de xaneiro (BOE do 10 de febreiro).

• Plan sectorial hidroeléctrico das concas hidrográficas de Galicia-Costa, aprobadas definitivamente o 12 de decembro de 2001 (DOG do 7 de xaneiro de 2002).

• Proxecto sectorial do gasoduto Vilalba-Tui (AD 26.9.1996, DOG do 23 de outubro).

• Proxecto sectorial do gasoduto Mugardos-Betanzos-Abegondo-Sabón (tramos I e II) e ramal á C.C.C. de Meirama (AD 24.5.2007, DOG do 29 de xuño), e a súa modificación do 28 de abril de 2011.

• Proxecto sectorial do ramal APA posición I-015 Betanzos-Miño e a súa addenda I (AD 24.4.2008, DOG do 9 de xuño).

• Proxecto sectorial para ampliación da posición I-016 para PEGN (AD 9.7.2009, DOG do 27 de agosto).

4. O Concello remitiu ao órgano ambiental o 4 de febreiro de 2020 a solicitude para iniciar o procedemento ordinario de avaliación ambiental estratéxica do PXOM, achegando borrador e documento inicial estratéxico. O 25 de xuño de 2020 iniciouse período de consulta pública de dous meses ás administracións afectadas, persoas interesadas e Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo que emite o 7 de setembro de 2020 o informe ao borrador.

5. O 22 de setembro de 2020 o órgano ambiental formula o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico. O Concello elabora o estudo ambiental estratéxico (EAE) e o documento do PXOM.

6. O 2 de xullo de 2021, e logo dos informes dos servizos técnicos e xurídicos municipais, o Concello Pleno aprobou inicialmente o PXOM, e sométese a información pública por dous meses, mediante os anuncios no Diario Oficial de Galicia do 5 de agosto de 2021, e nos xornais El Ideal Gallego do 5 de agosto, La Opinión de A Coruña do 5 de agosto e La Voz de Galicia do 5 de agosto de 2021.

7. Segundo establece o artigo 60.7 da LSG, o Concello traslada a dita documentación a esta dirección xeral o 20 de xullo de 2021, para realizar o trámite de consultas previstas no documento de alcance do EAE, dar audiencia aos concellos limítrofes, e solicitar os informes sectoriais autonómicos. O 17 de febreiro de 2022 emítese informe resultado do trámite 60.7 da LSG, resultando:

a) Audiencia aos concellos de: Bergondo, Cambre, Betanzos, Carral, Ordes, Mesía e Oza-Cesuras (o 13.9.2021 e o 14.9.2021). Recíbese informe de Bergondo (o 25.10.2021), Ordes (o 22.10.2021) e Mesía (o 18.10.2021), todos eles en relación coa incorrecta delimitación nos lindes municipais.

b) Solicitude de informes sectoriais e consultas a: Dirección Xeral de Patrimonio Natural; Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal; Instituto de Estudos do Territorio (IET); Axencia Galega de Infraestruturas (AXI); Augas de Galicia; Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático; Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural; Dirección Xeral de Emerxencias e Interior; Deputación Provincial da Coruña; Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; Dirección Xeral de Mobilidade; Dirección Xeral de Defensa do Monte; Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias agroalimentarias; Sociedade Galega de Historia Natural; Adega; e comunicación á Consellería de Facenda.

c) Recíbense informes de: Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (16.9.2021, sen afección); Dirección Xeral de Mobilidade (17.9.2021, con observacións); Deputación Provincial da Coruña (17.9.2021, con observacións); Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (14.10.2021, con observacións); Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (25.10.2021); Augas de Galicia (23.11.2021 e 17.2.2022, desfavorables; e o 27.7.2022, favorable-condicionado); Instituto de Estudos do Territorio (3.12.2021, condicionado); Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (13.12.2021, desfavorable; e o 15.7.2022, favorable-condicionado); Axencia Galega de Infraestruturas (10.12.2021, desfavorable; e 12.9.2022 favorable-condicionado); Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (22.12.2021, condicionado); Dirección Xeral de Patrimonio Natural (14.2.2022, condicionado); Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias agroalimentarias (17.2.2022 sen afección); Consellería de Facenda (8.4.2022, con alegacións).

d) Non consta resposta de: Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural; Dirección Xeral de Defensa do Monte; Sociedade Galega de Historia Natural; e Adega. Enténdense emitidos con carácter favorable.

8. De acordo ao establecido polo artigo 60.8, o Concello solicitou os demais informes sectoriais: no DAE e no informe do secretario municipal do 30 de novembro de 2022, constan:

a) Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana:

– Dirección Xeral de Estradas (18.5.2021, favorable condicionado).

– Dirección Xeral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria (16.3.2021, favorable condicionado).

– Dirección Xeral de Aviación Civil (16.10.2020 e 19.1.2021, favorable condicionado).

– ADIF (28.7.2020 e 4.3.2021 ambos favorables con condicións; e Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (16.3.2021 informativo e con condicións).

b) Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital-Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (9.9.2022, favorable).

c) Delegación do Goberno en Galicia (18.10.2021, sen afección).

9. O 21.10.2021 o Concello achega ao órgano ambiental a documentación para a declaración ambiental estratéxica (DAE). A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emite Resolución pola que se formula a declaración ambiental estratéxica do Plan xeral de ordenación municipal o 18 de novembro de 2022 (DOG do 9 de decembro).

10. Logo dos informes técnicos e xurídicos municipais, o Concello Pleno do 7 de decembro de 2022 aproba provisionalmente o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM). O 17 de abril de 2023 o concello solicita á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo a suspensión do prazo para resolver sobre a aprobación definitiva. Logo de novos informes técnicos e xurídicos municipais, o Concello Pleno do 14 de setembro de 2023 aproba provisionalmente o Plan xeral de ordenación municipal por segunda vez.

II. Análise e consideracións.

Analizada a documentación achegada púidose comprobar o seu axuste e cumprimento en xeral da normativa urbanística e sectorial vixente. Porén, cómpre formular as seguintes observacións:

II.1. Estrutura xeral e orgánica, e modelo de ordenación.

1. Segundo se establece no artigo 107 do Regulamento da Lei do solo de Galicia, o PXOM establecerá os elementos fundamentais da estrutura xeral e orgánica do territorio. Tendo en conta o modelo xustificado na memoria xustificativa (MX) e vista a proposta, convén sinalar as seguintes eivas:

– Respecto do sistema xeral viario: os sectores SUB-T1 e SUB-T2 delimitan a obtención de solo para a súa conexión coa estrada AC-542 como sistema local, cando deben considerarse pertencentes ao sistema xeral viario como a propia AC-542. A dita cuestión trasladarase tamén ás fichas do solo urbanizable. Revisarase o seu deseño, xa que é diferente nos planos e nas fichas.

– No plano 01-EX_4OUT deberán sinalarse as afeccións sectoriais do sistema de infraestruturas de redes de servizos cando existan.

2. Nos planos de ordenación e xestión do solo aparece na cartela como clasificación de solo a delimitación dun plan especial de protección (PEP) que é unha figura de desenvolvemento do Plan xeral de ordenación municipal, neste caso no solo rústico, polo que situarase noutro apartado.

3. Deberá verificarse a correcta visualización na superposición das distintas categorías de solo.

II.2. Clasificación e determinacións en solo urbano consolidado.

1. Falta unha aliñación en San Tirso ao noroeste, no linde co núcleo 1109 Lamansián.

2. En San Marcos, o viario lindeiro co núcleo 1111 A Chichorra (ao oeste) non ten sección suficiente; a lo menos acadará a separación ao eixe da aliñación do núcleo rural, cun mínimo de 4 m.

3. Deberanse eliminar dúas API no plano de ordenación do solo urbano consolidado que carecen de sentido por teren sido asumida a súa ordenación polo Plan xeral de ordenación municipal.

II.3. Determinación do solo de núcleo rural.

O PXOM delimita un total de 137 núcleos. Faltan as fichas dos núcleos 0602, 1104, 1110, 1304, 1507 e 1602 no grupo de arquivos 02F; corrixirase a escala do plano da ficha 1003 para incluír a totalidade do núcleo; na ficha do núcleo 1607 non se sinala a actuación illada AI-02 que ven no plano de ordenación e xestión do solo.

II.4. Adecuación ás normas técnicas de planeamento.

O PXOM deberá adaptarse integramente ás determinacións das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (ordes do 10.10.2019 e do 8.4.2022).

II.5. Sormativa urbanística.

1. No artigo 213 completaranse as determinacións da normativa sectorial aeronáutica sinaladas polo informe sectorial do 13 de xaneiro de 2021, respecto das novas construcións e instalacións e o procedemento abreviado de autorización.

2. A redacción do artigo 164 «edificacións e instalacións fóra de ordenación» axustarase ao establecido pola Lei do solo de Galicia vixente. Neste senso, revisarase tamén o disposto polo artigo 227 respecto ás edificacións e usos existentes no solo urbano.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Abegondo, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.