DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 3 de novembro de 2023 Páx. 60599

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de outubro de 2023 pola que se crea e regula o Consello Técnico Asesor en Intelixencia Artificial e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde de Galicia e se establece a súa composición, organización e funcionamento.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, no artigo 131 establece que a Administración sanitaria promoverá a investigación biosanitaria, especialmente na súa vertente traslacional, como un instrumento para a mellora da saúde da poboación tendo en conta as prioridades marcadas polos plans de investigación e innovación vixentes en cada momento. Todos os centros e servizos sanitarios estarán en disposición de favorecer e desenvolver a investigación, e promoverán a cultura científica, tecnolóxica e de innovación.

Igualmente, esta lei, no seu artigo 94, inclúe entre as funcións atribuídas ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e control da consellería competente en materia de sanidade, a introdución de novas técnicas e procedementos diagnósticos e terapéuticos, logo de avaliación en termos de eficacia, seguridade, custo e impacto desde o punto de vista bioético.

Dentro do sistema sanitario público, as prioridades na mellora do servizo baséanse na innovación tecnolóxica e de xestión, así como na formación e investigación científica. Neste sentido, a Consellería de Sanidade seleccionou e deu prioridade ao fomento da innovación para transformar a sanidade pública, como proxecto estratéxico desta e, por tal motivo considerou oportuno crear o Consello para a Innovación en Materia Sanitaria, como órgano de carácter permanente e consultivo, no cal participasen persoas de relevancia en materia de innovación en saúde e cuxa finalidade é a promoción da innovación na Consellería de Sanidade e no Servizo Galego de Saúde.

De conformidade co exposto, mediante o Decreto 22/2013, do 24 de xaneiro, creouse o Consello para a Innovación en Materia Sanitaria e estableceuse a súa composición, organización e funcionamento. Nesta norma está recollida a posibilidade de que este consello poida acordar a creación de comisións para o estudo de temas concretos.

Aínda que non hai unha definición precisa da intelixencia artificial (IA), está comunmente recoñecido que as tecnoloxías de IA abarcan un rango de tecnoloxías que inclúen a aprendizaxe automática, a robótica e os sistemas automatizados de toma de decisións, empregados coa finalidade de optimizar as operacións e a asignación de recursos, así como para a prestación de servizos personalizados.

Neste momento a intelixencia artificial forma parte do noso día a día e está a transformar a nosa forma de vida, facilitando a resolución dalgúns dos maiores desafíos a que nos enfrontamos. Tres elementos clave permitiron dar un salto cualitativo do dato común ao dato intelixente: a dispoñibilidade de cantidades inxentes de datos coñecido como Big Data, o incremento exponencial na capacidade de procesamento das computadoras e de almacenamento destas cantidades masivas de datos, e o desenvolvemento de algoritmos de aprendizaxe por computador capaces de atopar patróns e dar sentido a estas cantidades de datos.

Co obxectivo de converter Galicia nunha rexión intelixente, que contribúa á soberanía dixital da Unión Europea, aprobouse a Estratexia galega de intelixencia artificial para a vixente década (EGIA 2030) que despregará en Galicia unha intelixencia artificial de vangarda, ética, segura e centrada nas persoas. Para acadar os seus obxectivos esta estratexia impulsará a adopción da intelixencia artificial no sector público, promoverá a economía do dato adaptada ao marco legal e integrará Galicia no espazo europeo de datos no camiño da soberanía dixital da UE fronte a outros competidores, e investirá de maneira eficiente recursos públicos e privados en beneficio da sociedade galega.

No ámbito da sanidade as solucións baseadas en sistemas de intelixencia artificial terán cada vez maior importancia na mellora do diagnóstico e da prevención das enfermidades. Programas de innovación desenvolvidos no Servizo Galego de Saúde, como Innovasaúde, Hospital 2050 ou Código 100, contribuíron xa ao desenvolvemento de solucións que melloran a atención ao paciente, tanto dentro dos centros sanitarios como nos fogares.

Dentro das medidas previstas no eixe 1 da Estratexia galega de intelixencia artificial recóllese a constitución do Nodo galego de intelixencia artificial –nodo galicIA– como estrutura de cooperación público-privada conformada por universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos, tecido empresarial, provedores TIC e administracións públicas e a creación dun comité asesor de alto nivel, composto por profesionais relevantes do ámbito económico, político e social tendo en conta o principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes. A Consellería de Sanidade é membro fundador do nodo galicIA e integran a súa Comisión de Seguimento a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e a Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información.

Especificamente, no ámbito da saúde, para seguir avanzando nestes campos considérase necesario crear un consello asesor, de carácter eminentemente técnico, que se encargue de asesorar no desenvolvemento en intelixencia artificial e espazo de datos e desde o que poidan, así mesmo, trasladarse as súas propostas e recomendacións non soamente ao Consello para a Innovación en Materia Sanitaria, senón tamén ao comité previsto na Estratexia galega de intelixencia artificial.

Esta orde crea o Consello Técnico Asesor en Intelixencia Artificial e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde de Galicia e regula o seu obxecto, adscrición, composición, funcións e réxime económico, actuando de conformidade cos principios de boa regulación, en concreto, os de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia recollidos no artigo 37.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

En consecuencia, de conformidade coas facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a creación do Consello Técnico Asesor en Intelixencia Artificial e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde de Galicia, así como regular a súa composición, funcións, constitución, réxime de funcionamento e coordinación.

Artigo 2. Natureza e réxime xurídico

1. O Consello configúrase como un órgano colexiado, no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia, para o asesoramento aos órganos da Consellería de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde e dos seus entes instrumentais, no deseño e na proposta das políticas en materia de intelixencia artificial e xestión do espazo de datos.

2. O Consello depende organicamente da persoa titular da Consellería de Sanidade e funcionalmente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS).

3. Para o mellor desenvolvemento das súas funcións o Consello poderá elaborar un regulamento interno de funcionamento.

4. O Consello adecuará o seu funcionamento ao previsto nesta orde; ao establecido respecto dos órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e ao regulamento interno de funcionamento que, de ser o caso, se elabore.

Artigo 3. Funcións do Consello Técnico Asesor

O Consello desenvolverá, no seu ámbito de actuación, as seguintes funcións:

a) Asesorar no desenvolvemento e consolidación de propostas dentro da política da Consellería de Sanidade en materia de intelixencia artificial e xestión de datos.

b) Asesorar sobre as medidas que se adoptarán para garantir un uso seguro e ético da intelixencia artificial e da xestión dos datos, en colaboración coas liñas de traballo establecidas no Nodo galego de intelixencia artificial –nodo galicIA.

c) Apoiar o Nodo galego de intelixencia artificial –nodo galicIA– desde o ámbito sanitario.

d) Coordinar iniciativas presentes e futuras, identificar focos de interese e impacto e elaborar mapas de demanda temperá nesta materia, no Sistema público de saúde de Galicia.

e) Coñecer as estratexias de aplicación da intelixencia artificial.

f) Coñecer as propostas de gobernanza de datos.

g) Propoñer accións nesta materia que contribúan á consolidación da competitividade das empresas TIC galegas a través das actividades de I+D no conxunto das tecnoloxías habilitadoras dixitais, como a internet das cousas e as redes 5 G, a biometría, a computación na nube, o blockchain, a ciberseguridade ou a propia intelixencia artificial.

h) Impulsar e apoiar a participación en convocatorias nacionais e internacionais nestas materias.

i) Valorizar e divulgar as iniciativas postas en marcha nesta materia entre os profesionais sanitarios e outros axentes.

j) Aqueloutras que lle sexan encomendadas.

Artigo 4. Composición do Consello Técnico Asesor

1. O Consello estará composto por un/unha presidente/a, e ata un máximo de dezaseis (16) vogais con formación en materia de intelixencia artificial e ámbitos conexos (dereito sanitario, bioética, entre outros), coa finalidade de que poida desenvolver axeitadamente as súas funcións.

2. A presidencia do Consello corresponderalle á persoa titular da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade ou á persoa en que aquela delegue.

3. Serán vogais deste consello:

a) Unha persoa proposta pola Universidade de Santiago de Compostela.

b) Unha persoa proposta pola Universidade da Coruña.

c) Unha persoa proposta pola Universidade de Vigo.

d) Unha persoa que forme parte do Consello de Bioética de Galicia.

e) Unha persoa con formación xurídica en dereito sanitario e ética.

f) Unha persoa en representación da fundación Cesga.

g) Unha persoa proposta pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

h) Unha persoa proposta pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS).

i) A persoa que exerza a presidencia do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIm-G), ou a persoa en quen delegue.

j) Unha persoa proposta polo Clúster TIC Galicia.

k) Unha persoa proposta polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).

l) A persoa que exerza como delegado/a de protección de datos do Servizo Galego de Saúde.

m) A persoa responsable do espazo de datos e IA da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade.

n) A persoa titular do centro directivo do Servizo Galego de Saúde con competencias en materia de asistencia sanitaria.

ñ) Unha persoa en representación dos colexios de profesionais sanitarios/as proposta pola persoa titular da Consellería de Sanidade.

o) Unha persoa proposta pola persoa titular da Consellería de Sanidade entre persoas expertas e profesionais de recoñecido prestixio e experiencia nas distintas áreas de coñecemento da intelixencia artificial e a xestión de datos.

4. Actuará como secretario/a do Consello unha persoa designada pola persoa titular da Consellería de Sanidade que, no caso de non formar parte do Consello, actuará con voz, pero sen voto.

5. Na composición do Consello procurarase o respecto ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.

6. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos, salvo que as súas normas específicas prevexan outras maiorías.

Artigo 5. Funcións da presidencia do Consello Técnico Asesor

Son funcións da Presidencia do Consello:

a) Dirixir, promover e coordinar a actuación do Consello, manter a súa continuidade e adoptar as disposicións necesarias para o seu adecuado funcionamento e para a execución dos seus acordos.

b) Desempeñar a representación institucional do Consello.

c) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así como a determinación da orde do día das sesións, tendo en conta as propostas e peticións formuladas polas persoas que o integran.

d) Convocar e presidir as sesións do Consello, moderar o desenvolvemento dos debates, suspendelos por causas xustificadas e dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.

e) Aprobar o calendario de reunións.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos do Consello.

g) Solicitar en nome do Consello a colaboración que considere necesaria a institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións ou particulares, así como convidar a participar no pleno ou nos grupos de traballo e subcomisións que, de ser o caso, se poidan crear, a persoas expertas de recoñecida competencia nos asuntos de que se trate.

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a do Consello.

Artigo 6. Funcionamento do Consello Técnico Asesor

1. O Consello reunirase, con carácter ordinario, cada catro meses. Con carácter extraordinario poderá reunirse, cantas veces sexa necesario, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, por iniciativa da presidencia do Consello ou por iniciativa da terceira parte das persoas que o integran.

2. O Consello quedará validamente constituído cando asistan, ademais das persoas que exerzan a Presidencia e a Secretaría, polo menos a metade das persoas que o integran. O/a secretario/a poderá ser substituído por unha persoa suplente, de existir, ou por outra persoa do Consello, designado para o acto de que se trate polas persoas que integran o Consello.

3. De cada reunión que se realice elaborarase unha acta que especificará necesariamente as persoas que asisten, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que tivo lugar os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

As actas do Consello aprobaranse ao rematar a sesión ou na seguinte sesión, e poderase facer de forma telemática; non obstante, a persoa que exerza a Secretaría do Consello poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se tivesen adoptado, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta.

Nas certificacións dos acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

4. Ás sesións do Consello poderán asistir, con voz e sen voto, as persoas que se consideren necesarias por razón da súa especialidade.

5. Poderán constituírse grupos de traballo especializados de carácter temporal para o estudo de asuntos concretos. Estes grupos de traballo estarán presididos por unha persoa que forme parte do Consello, designada pola persoa titular da Presidencia. Os seus informes non terán carácter vinculante.

6. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) facilitará os medios necesarios para o mantemento das reunións.

Artigo 7. Subcomisións

O Consello poderá contar coas subcomisións sectoriais que sexan necesarias para o desenvolvemento dos seus fins. A composición destas e o seu funcionamento serán acordados polo Pleno do Consello.

Artigo 8. Uso de medios electrónicos

1. De conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro:

a) O Consello poderá constituírse e adoptar acordos a distancia utilizando medios electrónicos, respectando os trámites esenciais establecidos nos artigos 17 e 18 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

b) As convocatorias ás reunións do Consello poderán efectuarse por medio de correo electrónico sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 21.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

c) Nas sesións que realice a distancia o Consello, as persoas que o integran poderán atoparse en distintos lugares coa condición de que se asegure por medios electrónicos, considerándose tamén tales os telefónicos e audiovisuais, a súa identidade ou a das persoas que os suplan, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre elas en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos, o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

2. As notificacións no marco da intervención do Consello poderán facerse por medios electrónicos, de maneira que se acredite a data e a hora en que se produza a posta á disposición das entidades ou persoas interesadas da notificación realizada, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación entenderase efectuada para todos os efectos legais.

Artigo 9. Deber de confidencialidade

As persoas que integran o Consello, aínda despois do cesamento no seu cargo, así como as persoas que asisten ás súas reunións, deberán gardar o segredo da información de carácter confidencial que nel se trate, estando obrigados a gardar reserva de todos os datos que coñezan como consecuencia do exercicio dese cargo ou da asistencia ás súas reunións.

Artigo 10. Réxime económico

1. As persoas que integran o Consello non percibirán ningunha remuneración polo exercicio das súas funcións no devandito consello.

2. As medidas incluídas nesta norma non poderán supoñer incremento de dotacións nin de retribucións nin doutros gastos de persoal, salvo en canto aos gastos de desprazamento ou manutención que, de ser o caso, sexan necesarios para o normal funcionamento do Consello.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade