DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 31 de outubro de 2023 Páx. 60387

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 16 de outubro de 2023 de notificación colectiva polo que se emprazan os interesados para seren notificados por comparecencia dos importes de canon da auga e coeficiente de vertedura declarados como impagados polas entidades subministradoras de auga.

Con data do 13 de outubro de 2023, a directora de Augas de Galicia ditou unha resolución cuxa parte resolutiva dispón:

«Primeiro. Aprobar o padrón cobratorio que contén a relación de debedores e os importes de canon da auga e coeficiente de vertedura declarados como impagados polas entidades subministradoras de auga nos modelos de autoliquidación dos anos 2020 e 2021.

Segundo. Expoñer ao público, para a súa notificación colectiva, na Área de Réxime Económico-Financeiro de Augas de Galicia, con enderezo na praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9 en Santiago de Compostela, o referido padrón polo prazo dun mes a partir do día seguinte ao da inserción do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia. Os debedores, ou os seus representantes, deberán comparecer no dito prazo no citado enderezo das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres.

Transcorrido o mencionado prazo sen se efectuar a comparecencia, a notificación entenderase producida desde o día seguinte ao do vencemento do prazo sinalado para comparecer.

Advertencias.

Recursos:

Contra as liquidacións que figuran no indicado padrón de debedores os interesados poderán interpoñer, alternativamente, recurso de reposición, ante a directora de Augas de Galicia, ou ben reclamación económico-administrativa, ante a Xunta Superior de Facenda (Consellería de Facenda), no prazo dun mes a partir do día seguinte a aquel en que se notifiquen por comparecencia as liquidacións ou, de ser o caso, desde que se entenda notificada por falta de comparecencia.

En calquera dos casos anteriores, o escrito de interposición dirixirase á directora de Augas de Galicia.

Lugar e prazo de pagamento:

O pagamento das liquidacións deberá realizarse en calquera das oficinas de Abanca nos prazos seguintes en función da data en que se notifique por comparecencia ou, de ser o caso, se entenda notificada a liquidación por non comparecencia:

– Polas liquidacións notificadas ou que se entendan notificadas entre os días 1 e 15 de cada mes, ata o día 20 do mes seguinte.

– Polas liquidacións notificadas ou que se entendan notificadas entre os días 16 e último de cada mes, ata o día 5 do segundo mes posterior.

No caso de que o último día de pagamento non for hábil, estenderase o prazo de pagamento ata o inmediato hábil seguinte.

Unha vez transcorridos os ditos prazos, procederase á recadación en vía executiva.

Forma de pagamento:

Aqueles contribuíntes que comparezan dentro do prazo sinalado poderán efectuar o pagamento mediante a carta de pagamento que se lles entregará no momento de comparecer.

Aqueles contribuíntes que non comparezan dentro do prazo sinalado poderán efectuar o pagamento mediante a carta de pagamento que recibirán no seu domicilio. No caso de que non reciban a carta de pagamento no seu domicilio, ou a extravíen, poderán dirixirse a Augas de Galicia para solicitar a carta de pagamento para poder efectuar o seu pagamento».

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia