DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 31 de outubro de 2023 Páx. 60179

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 27 de outubro de 2022 pola que se modifica a Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2022 (IN541A).

O día 26 de xaneiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2022 (IN541A).

No artigo 22 das súas bases establécese que, para cobrar a subvención, os concellos beneficiarios terán como prazo para presentar a documentación xustificativa da subvención ata o 31 de outubro de 2023, para a contía de subvención concedida con cargo á anualidade de 2023.

Tendo en conta a problemática existente nestes momentos na subministración de materiais de construción, que lles ocasiona atrasos ás empresas construtoras na execución das obras, e por tanto a necesidade de adecuar o ritmo de execución destas ao de abastecemento dos materiais, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación establecido na orde de referencia. Así, co fin de facilitar a viabilidade dos procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase ata o día 27 de novembro de 2023 (inclusive) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención con cargo á anualidade de 2023, ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2022 (IN541A).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2023

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación