DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2023 Páx. 59378

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Meira (expediente IN407A 2023/045-2).

Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:

Solicitante: Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.

Domicilio social: Área Central, polígono As Fontiñas, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación: rede eléctrica de alta tensión para a ampliación do parque empresarial de Meira. Polígono C (Lugo).

Situación: concello de Meira.

Características técnicas:

– Liña de media tensión aérea en dobre circuíto (Meira 1 e A Pontenova), coa orixe no apoio existente número 1 e final no apoio proxectado número 2 tipo C-7000-18, cunha lonxitude de 105 metros, en condutor existente 2 (LA-110).

– Liña de media tensión aérea en dobre circuíto (Meira 1 e A Pontenova), coa orixe no apoio proxectado número 4 tipo C-7000/20 e final no apoio existente número 5, cunha lonxitude de 112 metros, en condutor proxectado tipo 2 (LA-110).

– Liña de media tensión soterrada A Pontenova, coa orixe nun PAS realizado no apoio proxectado número 2 e final noutro paso aéreo a soterrado realizado no apoio proxectado número 4, cunha lonxitude de 385 metros, en condutor tipo RHZ1-240 mm.

– Liña de media tensión soterrada Meira 1, coa orixe nun PAS realizado no apoio proxectado número 2, entra e sae no CT proxectado e remata noutro paso aéreo a soterrado realizado no apoio proxectado número 4, cunha lonxitude de 414 metros, en condutor tipo RHZ1-240 mm.

– Centro de transformación en edificio prefabricado, no cal se instalan dúas celas de liña, dúas de protección e unha de interruptor automático, cunha potencia proxectada de 630 kVA e unha potencia inicial de 160 kVA, cunha relación de transformación de 20.000/400-230V.

Finalidade da instalación : aumento de potencia.

Orzamento: 212.884,21 euros.

Documentación que se xunta:

– Separata para o Concello de Meira.

– Separata para a Deputación Provincial de Lugo.

– Separata para a Compañía Distribuidora (Begasa).

Esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, o Decreto 49/2023, do 19 de maio, polo que se modifica o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,

RESOLVE:

En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción das ditas instalacións sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:

Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberán cumprir as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.

Lugo, 27 de setembro de 2023

Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo