DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2023 Páx. 59141

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade á encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia para o desenvolvemento do VII Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2023.

De conformidade co artigo 8.1.b) da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade á encomenda de xestión da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades á Fundación Semana Verde de Galicia, coas seguintes características:

• Resolución do 26 de outubro de 2023, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pola que se encarga á Fundación Semana Verde de Galicia o desenvolvemento do VII Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2023.

• Actividade: apoio nos labores de organización, montaxe, loxística e servizos xerais do VII Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2023, de conformidade cos requirimentos técnicos que se detallan na devandita resolución, relativos ás obrigas da Fundación, ás directrices de execución e ao cronograma das actividades que se van desenvolver.

• Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión a medios propios ao ter a Fundación Semana Verde de Galicia a consideración de medio propio instrumental da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento do establecido nos artigos 10 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

• Prazo de vixencia: a vixencia desta encomenda rematará cando a súa actuación estea totalmente finalizada e debidamente acreditada pola Fundación Semana Verde de Galicia ante a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en todo caso, o 27 de outubro de 2023, data de finalización do VII Campionato Galego de Formación Profesional.

• Orzamento: 283.517,68 euros (IVE incluído do 21 %).

• Financiamento: tramítase con cargo á aplicación orzamentaria 10.07.422M.640.12 dos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o ano 2023.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades