DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2023 Páx. 59347

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 23 de outubro de 2023 pola que se regula o procedemento para participar no programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás citadas áreas de rehabilitación integral e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento VI408Q).

BDNS (Identif.): 723375.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións:

a) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

b) As agrupacións de persoas propietarias.

c) As persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de edificios ou vivendas.

Segundo. Obxecto

1. Estas subvencións están dirixidas a financiar ás actuacións de rehabilitación ou renovación nas ARI dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra (código de procedemento VI408Q).

2. As actuacións obxecto de financiamento deberán contar coa correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada polo IGVS.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Resolución do 2 de outubro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 22 de marzo de 2022 pola que se acorda ampliar ata o 30 de xuño de 2025 o prazo para presentar as solicitudes de cualificación provisional e de cualificación definitiva para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan de vivenda 2018-2021 (códigos de procedemento VI408F, VI408G, VI408L e VI408M), e pola que se regula o procedemento para participar no programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás citadas áreas de rehabilitación integral e se procede a súa convocatoria para o ano 2023 (Códigos de procedemento VI408O, VI408P e VI408Q).

Cuarto. Crédito orzamentario e contía das axudas

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.3, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, por un importe total de 6.617.000 euros, coa seguinte distribución por ARI:

ARI Camiños de Santiago

5.472.000 €

ARI P. Nacional das Illas Atlánticas

12.000 €

ARI Ribeira Sacra

1.133.000 €

Total

6.617.000 €

3. No suposto de existir remanente nalgunha das ARI, poderase utilizar para financiar solicitudes das outras ARI, de acordo co previsto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes de axuda

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no DOG e rematará no momento do esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo