DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2023 Páx. 59178

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade da addenda de modificación do punto quinto da Resolución do 14 de decembro de 2021, de encomenda de xestión a Galaria Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., como medio propio personificado, para o deseño e a posta en marcha dun centro de produción de CAR-T en Galicia.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da Resolución do 9 de outubro de 2023, pola que se modifica o punto quinto da Resolución do 14 de decembro de 2021, de encomenda de xestión a Galaria Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., como medio propio personificado, para o deseño e a posta en marcha dun centro de produción de CAR-T e outras terapias celulares en Galicia.

1. Actividades: o deseño e posta en marcha dun centro de produción de CAR-T e outras terapias celulares en Galicia, para acadar unha mellora substancial nos tratamentos oncolóxicos mediante novas estratexias terapéuticas.

Este proxecto comprenderá, entre outras, as seguintes actuacións, sen prexuízo de calquera outra que lle sexa atribuída expresamente:

– A elaboración do proxecto de reparación e posta en marcha das instalacións destinadas á fabricación de terapias celulares avanzadas (CAR-T).

– A adquisición dos materiais e do equipamento que se vai empregar na posta en marcha das instalacións.

– A realización de todas as xestións necesarias para a posta en marcha do centro.

2. Alcance da modificación da encomenda de xestión: o 26.11.2021, a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro emitiu un informe de conformidade da operación no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que incorpora o financiamento Feder React-UE.

Unha vez realizada a análise para a elaboración do estudo de viabilidade e de determinación de necesidades de investimento e de traballos de adaptación, actualización e reforma das instalacións cedidas pola Universidade de Santiago de Compostela, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que incorpora o financiamento con fondos Feder React-UE, indica que o importe do investimento que se vai realizar ata finais de 2023 ascende a tres millóns de euros, polo que cómpre axustar a cláusula da encomenda ao importe real do investimento que se vai realizar.

3. Prazo de vixencia: a vixencia da encomenda mantense tal e como inicialmente estaba prevista, desde o 1 de xaneiro de 2021 ata a finalización de todas as actuacións necesarias para a posta en marcha do centro.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde