DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 24 de outubro de 2023 Páx. 58420

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 140/2023, do 11 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol da Deputación Provincial da Coruña da vía municipal do Concello do Pino que conecta o final da estrada provincial DP-6603 coa estrada nacional N-547.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Xunta de Goberno local do Concello do Pino, na sesión do 13 de decembro de 2022, acorda por unanimidade solicitar á Deputación Provincial da Coruña a aceptación da transmisión do viario municipal entre a estrada provincial DP-6603 e a estrada nacional N-547.

Con data do 24 de febreiro de 2023, o Pleno da Deputación Provincial da Coruña aproba o cambio de titularidade proposto polo concello da vía municipal que conecta o final da estrada provincial DP-6603 (que coincide no límite do termo municipal do concello de Touro) coa estrada nacional N-547, duns 2,891 km.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que a vía municipal que se pretende transferir é prolongación da estrada provincial DP-6603, desde o límite entre os concellos de Touro e O Pino, ata conectar coa estrada estatal N-547. Esta vía conta cunhas características xeométricas e de trazado moi semellantes á DP-6603, que dá continuidade ao tráfico procedente desde ou cara a esta última.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), indica que «os cambios de titularidade de estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídas no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo de acordo entre as administracións afectadas». Polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de outubro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol da Deputación Provincial da Coruña da seguinte vía do Concello do Pino:

Denominación

Inicio. Coordenadas UTM29 (ETRS89)

Fin. Coordenadas UTM29 (ETRS89)

Lonx. (km)

Vía municipal que conecta o final da estrada

provincial DP-6603 coa estrada nacional N-547

X = 549.251

Y = 4.748.197

X = 549.494

Y = 4.750.461

2,891

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación.

Artigo 3

Correspóndelle á Deputación Provincial da Coruña, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de outubro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade