DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 19 de outubro de 2023 Páx. 57841

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2023 pola que se convoca o Curso superior sobre o Plan Xeral de Contabilidade.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo); os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia, recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública, polos que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto; e aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2023 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio,

RESOLVO:

Convocar o Curso superior sobre o Plan Xeral de Contabilidade, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos e contidos

Este curso superior ten por obxecto adquirir ou, se é o caso, actualizar os coñecementos do alumnado no Plan Xeral de Contabilidade, prestando especial atención ás normas de rexistro e valoración.

De acordo con estes obxectivos, neste curso superior abordaranse, entre outros, os seguintes contidos:

• Marco conceptual da contabilidade. Contas anuais.

• Inmobilizado.

• Instrumentos financeiros.

• Existencias. Moeda estranxeira.

• Ingresos por ventas e prestación de servizos. Subvencións.

• Impostos.

• Provisión e outros pasivos.

• Combinacións de negocios, negocios conxuntos e operacións entre empresas do grupo.

• Cambios en criterios contables, erros e estimacións contables. Feitos posteriores ao peche do exercicio.

Segunda. Persoas destinatarias

O curso diríxese ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; das entidades locais de Galicia; e das universidades do Sistema universitario de Galicia, con coñecementos básicos de contabilidade, que se encadre nalgunha das seguintes categorías:

• Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

• Grupos I e II do persoal laboral.

Terceira. Desenvolvemento

Modalidade de impartición: mixta.

Duración: 40 horas lectivas; 3 horas presenciais (das 11.30 ás 14.30 horas) no primeiro día do curso e 37 horas de teleformación.

Datas de desenvolvemento: do 30 de outubro ao 4 de decembro de 2023.

Proba de avaliación final en liña: o día 4 de decembro de 2023, ás 17.00 horas.

Cuarta. Número de prazas

Cincuenta (50).

Quinta. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos nas bases segunda e sétima respectivamente desta convocatoria.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (réxime xurídico e actividade contable das administracións públicas) e despois seleccionar en nome do curso: Curso superior sobre o Plan Xeral de Contabilidade.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 25 de outubro de 2023.

6. Ao tratarse dunha actividade impartida tamén na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

• Un ordenador con conexión á internet.

• Un navegador web actualizado.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico:

novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sexta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

A admisión levarase a cabo de acordo cos criterios indicados para as persoas destinatarias na base segunda desta convocatoria. A orde de selección virá determinada pola data e hora de inscrición.

Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas para participar neste curso superior, en reserva, no caso de que o número de solicitudes fose superior ao número de prazas, e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección. Renuncia. Asistencia. Seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada o máis axiña posible e, se é o caso, como máximo o día 27 de outubro, ata as 12.00 horas, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

• 3. Asistencia e seguimento:

a. É obrigatoria a asistencia á sesión presencial da actividade formativa e a puntualidade.

b. Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c. As faltas de asistencia á sesión presencial non poden superar, en ningún caso, o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días, contados a partir do día da sesión presencial. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

d. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade formativa será necesario cumprir os seguintes requisitos:

a) A adecuada realización de todas as actividades que os/as titores/as propoñan. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame ou proba final en liña.

b) A superación dunha proba de avaliación final en liña.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na aula virtual do curso e a información da proba de avaliación final en liña.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

Unha vez finalizado o curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento desta actividade, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que teñan superado esta actividade formativa de acordo co establecido na base décima e sempre que a súa asistencia á sesión presencial fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa: a modalidade de impartición, o contido, a carga lectiva, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública