DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 19 de outubro de 2023 Páx. 57805

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 10 de outubro de 2023 pola que se modifican os prazos de execución do Programa I. Emprendemento Plus Investimento establecidos na Orde de 13 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Emprendemento Plus para apoiar o investimento e a creación de emprego co obxectivo de fortalecer e consolidar iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (apoio ao investimento) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR880B).

O 17 de xullo de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 135 a Orde do 13 de xullo pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Emprendemento Plus para apoiar o investimento e a creación de emprego co obxectivo de fortalecer e consolidar iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (apoio ao investimento) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR880B).

No artigo 20.7.a) da mencionada Orde do 13 de xullo de 2023 denominado Xustificación e forma de pagamento, establecíanse os prazos de xustificación desta convocatoria para cada un dos programas obxecto da axuda, así como os períodos de emisión de facturas e de realización de pagamentos dos gastos executados. Concretamente para o Programa I. Emprendemento Plus Investimento sinalábanse os seguintes prazos:

Primeira anualidade 2023:

• Desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2023.

• Presentación da documentación xustificativa, ata o 31 de outubro de 2023.

Tendo en conta a demora na resolución destas axudas, motivada pola complexidade do proceso de avaliación, e dado que se non causa prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación para a anualidade 2023 establecido no artigo 20.7.a) da devandita Orde do 13 de xullo de 2023 co fin de que as empresas beneficiarias teñan un período de marxe para a execución e xustificación dos gastos elixibles e en consecuencia procede modificar tamén o prazo de emisión e pagamento de facturas.

Ademais, atendendo ao prazo máximo de presentación de solicitudes, que foi o 17 de agosto de 2023, segundo o descrito no artigo 30 da convocatoria, e que a modificación de ampliación de prazo para a presentación da xustificación de gastos da anualidade 2023 vai desde o 31 de outubro ata o 17 de novembro de 2023, conclúese que a dita modificación non excede a metade do prazo orixinal, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En consecuencia, logo dos informes favorables da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación do artigo 20.7.a) da Orde do 13 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Emprendemento Plus

O punto 7.a) do artigo 20 queda redactado da seguinte maneira:

a) Programa I. Emprendemento Plus Investimento.

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade 2023:

• Desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 17 de novembro de 2023.

• Presentación da documentación xustificativa, ata o 17 de novembro de 2023.

Segunda anualidade 2024:

• Desde o 18 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024.

• Presentación da documentación xustificativa, ata o 31 de outubro de 2024.

Disposición adicional única. Prazo de presentación de solicitudes

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade