DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 19 de outubro de 2023 Páx. 57808

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 9 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a realización de actividades de interese agrario, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR321A).

A Lei 1/2006, de 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, recoñece o papel que as organizacións profesionais agrarias cumpren na vertebración social e profesional do sector primario. A súa achega para artellar mecanismos eficaces de participación directa do sector agrario coa Administración e asegurar a presenza dos intereses dos produtores agrarios nos procesos de avaliación e decisión das políticas agrarias, así como o constante traballo a prol dunha garantía de rendas dignas para os agricultores e da mellora da calidade de vida no medio rural, contribuíron ao recoñecemento dos poderes públicos da súa lexítima representatividade como interlocutores sociais no eido agrario e mesmo tamén pola sociedade civil como entidades representativas do sector agrario de Galicia.

Por outra banda, a Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, recoñece a importancia do fenómeno asociativo, como instrumento de integración na sociedade e de participación nos asuntos públicos. Resulta patente que as asociacións agrarias representan os intereses dos agricultores e desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento do sector agrario.

En concordancia con esa función vertebradora da trama social do medio rural, cómpre impulsar medidas de apoio institucional ás organizacións profesionais agrarias e ás asociacións agrarias. Esta orde establece o marco regulador das subvencións ás organizacións representativas do sector agrario en Galicia co obxectivo de fortalecer a súa implantación e consolidación.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 14 que os órganos concedentes establecerán as bases reguladoras aplicables ás subvencións antes da disposición dos créditos. Esta orde adáptase a esa norma e ten en conta os principios recollidos no seu artigo 5.2.

En consecuencia, consonte o artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para conceder axudas, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, para realizar actividades de interese agrario (procedemento administrativo MR321A), e convocalas para o exercicio orzamentario 2023.

2. A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é realizar actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias legalmente constituídas e con implantación en Galicia e dos agricultores galegos en xeral.

CAPITULO I

Bases reguladoras

Artigo 2. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia polo sistema de rateo.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas que se regulan nesta orde as seguintes entidades:

a) As organizacións profesionais agrarias.

b) As asociacións agrarias.

Artigo 4. Requisitos das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As organizacións profesionais agrarias deben cumprir o seguinte:

a) Ter máis de cinco representantes da parte produtora e non asociada a cooperativas nas eleccións para renovar os órganos de Goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario, convocadas pola Orde do 7 de novembro de 2022, pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario.

b) Ser unha entidade colaboradora da Política Agrícola Común (PAC) e ter tramitado, polo menos, o 1% das solicitudes únicas da PAC 2023.

3. As asociacións agrarias deberán cumprir o seguinte:

a) Ter ámbito de actuación provincial ou autonómico, legalmente constituídas de acordo coa Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, con código de actividade «811 Agricultura, gandaría, silvicultura, caza, pesca» consonte o Real decreto 949/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.

b) Polo menos, dúas das seguintes condicións:

i. Ter representación da parte produtora e non asociada a cooperativas nas eleccións para renovar os órganos de Goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario, convocadas pola Orde do 7 de novembro de 2022 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario.

ii. Estar inscrita no Rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia e ter realizado algún servizo de aconsellamento ou xestión durante o ano 2023.

iii. Ser unha entidade colaboradora da Política Agrícola Común (PAC) e ter tramitado, polo menos, o 1 % das solicitudes únicas da PAC 2023.

iv. Ser unha entidade colaboradora da Consellería do Medio Rural para prestar servizos de formación agroforestal e ter prestado algún servizo de formación durante o ano 2023.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables os custos derivados das seguintes actividades realizadas entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023:

a) Funcións e actuacións que lles son propias conforme a normativa legal.

b) Funcións ordinarias de xestión interna.

c) Representación perante as institucións.

d) Participación nos órganos colexiados constituídos pola Administración galega para a defensa dos intereses dos seus representados (mesas, comisións, etc.).

e) Formación dos asociados e dos seus familiares en actividades agrarias ou no sector agroalimentario.

f) Fomento do asociacionismo agrario.

2. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O IVE será subvencionable se concorren as circunstancias previstas no artigo 29.9 desta lei.

Artigo 6. Contía e tipo de axuda

1. Os fondos dispoñibles para pagar as subvencións asignaranse en dúas partidas:

a) Partida 1: para subvencionar as organizacións profesionais agrarias, dotado co 79 % do crédito.

b) Partida 2: para subvencionar as asociacións agrarias, dotado co 21 % restante do crédito.

Porén, os fondos asignados poderán transvasarse parcialmente dunha partida á outra, se é que nunha delas non se consumen completamente.

2. A contía das axudas consistirá nunha prima base de 20.000,00 €, que se incrementará consonte os seguintes valores, en tanto non se esgote o orzamento da partida correspondente:

a) Organizacións profesionais agrarias que tramitaron máis do 2 % de solicitudes PAC de Galicia da campaña 2023 e asociacións agrarias que tramitaron máis do 1 % destas solicitudes: 50 € por cada solicitude tramitada a partir destes limiares, ata un máximo de 150.000,00 €.

b) Entidades con máis dun representante nos consellos reguladores de Galicia: 5.000,00 € por cada representante a partir do sexto no caso das organizacións profesionais agrarias e do primeiro no caso das asociacións agrarias, ata un máximo de 100.000,00 €.

c) Entidades con máis dunha oficina de atención permanente ao público en Galicia (cinco días á semana durante un ano no período do artigo 5): 10.000,00 € por cada oficina adicional, ata un máximo de 50.000,00 €. As oficinas situadas no mesmo concello terán a consideración dunha única oficina para os efectos desta orde.

Ao resto dos fondos dispoñibles aplicarase o rateo ata esgotar o orzamento. O rateo consistirá en aplicar a mesma porcentaxe sobre os custos elixibles non cubertos pola prima base e os incrementos.

3. Cada unha das partidas do punto 1 deste artigo terá un rateo independente.

4. O importe das axudas non poderá ser superior ao custo das actividades subvencionables.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuadas electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Tramitación e resolución das axudas

1. O Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos necesarios para a proposta de resolución do procedemento.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Verificado o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, o órgano colexiado aplicará os criterios de repartición para que a persoa titular da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias formule a proposta de resolución. Este órgano estará presidido pola persoa titular do Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario e integrado por tres persoas funcionarias dese mesmo servizo con categoría non inferior a xefe/a de negociado, un dos cales actuará como secretario/a.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, en virtude da Orde do 17 de novembro de 2015 de delegación de competencias, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de un mes contado a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións de concesión e de denegación, o que producirá os efectos da notificación.

Artigo 12. Recursos administrativos

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo para resolver.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Incompatibilidade das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda para os mesmos obxectivos e gastos.

2. As entidades solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas. Esta declaración está recollida no recadro de declaracións do anexo I.

Artigo 14. Reintegro da axuda

Consonte á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, reintegrarase o total do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención co falseamento das condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro ou ben o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo da concesión da subvención.

d) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos conceptos subvencionados.

e) Incumprimento das obrigas impostas ás entidades beneficiarias ou dos compromisos por elas asumidas, por mor da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos que fundamentan a concesión da subvención.

Artigo 15. Infraccións e sancións

Ás entidades beneficiarias destas axudas aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 16. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles solicite calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvención están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Capítulo II

Convocatoria

Artigo 18. Prazo de solicitude da axuda

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 19. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se fose o caso).

b) Memoria das actuacións coas actividades realizadas e os resultados obtidos.

c) Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

I. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, coa identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e, se é o caso, a data de pagamento. Esta relación presentarase nun arquivo de folla de cálculo editable, para axilizar a revisión da documentación correspondente.

II. As facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

• Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento, a identificación da persoa beneficiaria que paga e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

• Se o pagamento se fai mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.).

• No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

• No caso dunha factura xustificada mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á que se imputa o pagamento, e acompañarase dunha relación de todos os documentos do pagamento e os importes acreditativos do pagamento desa factura.

• No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento as facturas que se imputan ao proxecto.

• No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

• Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos verificables por terceiros na sede electrónica da entidade bancaria.

III. Certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles.

IV. Os documentos acreditativos dos gastos de persoal realizados con medios ou recursos propios (nóminas e xustificante bancario do pagamento desas nóminas).

V. Os tres orzamentos que deba ter solicitado a persoa beneficiaria en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

d) No caso de entidades con máis dunha oficina de atención permanente ao público en Galicia, documentación que acredite a dispoñibilidade da oficina a nome da entidade (propiedade, cesión ou alugueiro) e a titularidade das subministracións e servizos a nome da entidade (electricidade, teléfono, etc.).

e) No caso de solicitantes ás que lles sexa de aplicación o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro (subvencións de importe superior a 30.000,00 €):

Declaración responsable nos termos previstos no artigo 26 do Regulamento xeral de subvencións. De ser o caso, certificación emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que acredite o seu cumprimento polo solicitante, con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora. Para ese efecto, se do informe de auditoría das últimas contas anuais, dedúcese un cumprimento do 100 % dos prazos de pagamento a provedores por parte do solicitante, bastará un certificado emitido polo auditor que indique que no seu traballo de auditoría realizou procedementos para obter evidencia da corrección do contido da memoria das contas anuais como certificación de cumprimento do requisito do artigo 13.3.bis. No caso de que non sexa posible emitir tal certificado (por non existir contas anuais auditadas ou porque estas reflictan unha porcentaxe de cumprimento de prazos de pagamento a provedores inferior ao 100 %), presentarase certificación, baseada nun informe de procedementos acordados, que acredite que a persoa solicitante no momento de presentación de solicitude de axuda non ten ningunha factura pendente de pagamento na que se superaron os prazos legais de pagamento. A dita certificación non poderá ter en ningún caso unha antigüidade superior a un mes anterior á data de presentación da solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de xeito presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

e) Concesión de subvencións e axudas.

f) Vida laboral da empresa.

g) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

h) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

i) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación os documentos correspondentes.

Artigo 21. Xustificación e pagamento das subvencións

De acordo coa natureza e fins das axudas reguladas nesta orde, non se precisa de prazo de xustificación da subvención das entidades beneficiarias, xa que todos os datos necesarios son achegados polas entidades na súa solicitude de axuda. O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria á conta indicada pola entidade na súa solicitude.

Artigo 22. Financiamento das axudas

As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.712C.481.1 (proxecto 2013.00635) por un importe de 600.000,00 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

A dita aplicación orzamentaria poderase incrementar, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

Nos aspectos non recollidos nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira. Protección de datos

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en agricultura, gandaría e industrias agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file