DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 18 de outubro de 2023 Páx. 57557

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 5 de outubro de 2023 pola que se modifica a Orde do 1 de agosto de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio de 2023 (código de procedemento TR332E).

O día 23 de agosto de 2023 publicouse no número 159 do Diario Oficial de Galicia a Orde do 1 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio de 2023 (código de procedemento TR332E).

Unha vez publicada a orde da convocatoria e durante o seu proceso de instrución, detectouse a necesidade de engadir un punto 5 ao artigo 4 (actuacións subvencionables) relativo á posibilidade de que as entidades beneficiarias da subvención poidan subcontratar as actividades de formación incluídas no artigo 4.1.c) e 4.1.d) e ata o límite do 40 % do custo final da actividade subvencionada, dada a importancia da formación nestes programas.

Por todo o exposto, procédese á modificación da orde e sen que implique a modificación do prazo de presentación de solicitudes que permanece aberto ata o día 16 de outubro de 2023.

En consecuencia co exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 4. Actuacións subvencionables

Engádese un punto 5 ao artigo 4 da Orde do 1 de agosto de 2023 pola que se aproba a convocatoria e pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023 (código de procedemento TR332E), que queda redactado do seguinte xeito:

«5. Poderán ser obxecto de subcontratación unicamente as accións previstas nas alíneas c) e d) do punto 1 deste artigo.

a) Entenderanse por subcontratación os gastos derivados da contratación con terceiros da execución da formación dirixida ás persoas desempregadas participantes no programa nos termos establecidos nesta orde. Cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación, deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Non se considera subcontratación a contratación directa por parte da entidade beneficiaria do persoal docente para a impartición da formación subvencionada. Por contratación de persoal docente enténdese exclusivamente a contratación de persoas físicas (por conta propia ou allea).

c) Poderán ser obxecto de subcontratación unicamente as actividades de formación incluídas no artigo 4.1.c) e 4.1.d) e ata o límite do 40 % do custo final da actividade subvencionada.

d) A/as entidade/s subcontratada/s deberán presentar unha declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do No Significant Harm-DNSH) no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, segundo o anexo V da orde de convocatoria.

En todo caso, a entidade beneficiaria asume a responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade