DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 18 de outubro de 2023 Páx. 57534

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 6 de outubro de 2023 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

Mediante Resolución do 14 de xuño de 2021 (DOG do 25 de xuño), fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o consello social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77.2 da citada Lei 6/2013 establece que son membros natos do consello social o/a reitor/a da universidade, o/a secretario/a xeral e o ou a xerente da universidade. Así mesmo, serán membros un profesor ou unha profesora, un ou unha estudante e un ou unha representante do persoal da administración de servizos, elixidos/as polo consello de goberno das universidades. A duración do mandato dos membros do consello social sinalados neste punto será establecida polos estatutos da universidade.

O Consello Social da Universidade da Coruña comunica á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que o Consello de Goberno da Universidade da Coruña, na sesión do 19 de xullo de 2023, acordou aprobar a designación de Gema Castro Andrade como representante do alumnado no consello social, en substitución de Alejandro Esteban Martínez, e a Javier López Domínguez como representante do persoal de administración e servizos en substitución de Alicia María Cantarero Roldán. Xúntase declaración xurada de compatibilidade dos novos membros do consello social.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

A condición de persoa membro do consello social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear a Gema Castro Andrade como representante do alumnado no Consello Social da Universidade da Coruña, en substitución de Alejandro Esteban Martínez.

Artigo 2

Nomear a Javier López Domínguez como representante do persoal de administración e servizos no Consello Social da Universidade da Coruña, en substitución de Alicia María Cantarero Roldán.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades