DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 16 de outubro de 2023 Páx. 57168

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude, pola que se declara de interese galego a Fundación Dynami: Refuerzos de Autonomía Personal e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Dynami: Refuerzos de Autonomía Personal, e vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

Primeiro. O 24 de febreiro de 2023, Jesús Penedo Pallas, secretario da fundación, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Dynami: Refuerzos de Autonomía Personal foi constituída por Fundación de Adultos Discapacitados da Coruña, representada por Rebecca Samathanam Ramanathan, Ramón de Uña Piñeiro, Jesús Penedo Pallas, José Manuel García Pérez e Margarita María Lourdes Barrera Vázquez, en escritura pública outorgada na Coruña o 16 de febreiro de 2023, ante o notario Manuel Mariño Vila, co número 659 do seu protocolo, emendada por outra outorgada na mesma localidade e ante o mesmo notario o 22 de xuño de 2023, co número 2.570 do seu protocolo.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto o impulso de medidas de apoio para o exercicio da capacidade xurídica das persoas que o precisen e facilitar a inclusión social de persoas en risco de exclusión ou discriminación, e favorecer calquera medida que facilite o máximo a autonomía persoal.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (Diario Oficial de Galicia número 242, do 19 de decembro), a dotación inicial, os estatutos e a identificación e aceptación dos membros do padroado.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o obxecto e as actividades, o domicilio e o ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da fundación está formado por Ramón de Uña Piñeiro, como presidente; Jesús Penedo Pallas, como secretario, e Margarita María Lourdes Barrera Vázquez e José Manuel García Pérez, como vogais.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na reunión do día 4 de setembro de 2023, elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese social da Fundación Dynami: Refuerzos de Autonomía Personal, consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e de conformidade co establecido no artigo 47 da dita lei; no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social e Xuventude.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 14 de setembro de 2023, clasificouse como de interese social a Fundación Dynami: Refuerzos de Autonomía Personal e adscribiuse á Consellería de Política Social e Xuventude para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Dynami: Refuerzos de Autonomía Personal, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. En vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe da idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Xuventude, da Fundación Dynami: Refuerzos de Autonomía Personal, polo que,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar fundación de interese galego a Fundación Dynami: Refuerzos de Autonomía Personal.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Dynami: Refuerzos de Autonomía Personal no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Xuventude.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Política Social e Xuventude.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Política Social e Xuventude, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Xuventude