DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2023 Páx. 56862

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 9 de outubro de 2023 pola que se modifica o artigo 15 da Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 11, do 17 de xaneiro) (código de procedemento PR487A).

Mediante a Orde do 29 de decembro de 2022 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (DOG núm. 11, do 17 de xaneiro), que se tramitou como expediente anticipado de gasto.

No artigo 15.2 da devandita orde establécese que as entidades beneficiarias terán de prazo ata o 15 de outubro de 2023 para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados.

Unha vez instruídos os procedementos iniciados en virtude da orde, o prazo inicial de execución e xustificación establecido nesta resulta de difícil cumprimento polas entidades beneficiarias. Xa que logo, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, resulta conveniente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 7 de novembro de 2023 co fin de facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación de prazo ampárase no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Segundo este precepto regulamentario o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda da metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

De acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en relación co previsto na disposición transitoria primeira do Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e co disposto na Orde do 29 de decembro de 2022 que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite fixada no artigo 15.2 das bases reguladoras para executar o proxecto subvencionado e presentar a documentación xustificativa, para ampliala ata o 7 de novembro de 2023.

Segundo. Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes