DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 10 de outubro de 2023 Páx. 56451

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ponteceso (expediente IN407A 2022/174-1).

Expediente: IN407A 2022/174-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Instalación: regulamentación LMTA BRT803. Substitución de apoio 9QEP952S//77-63-A-7-CT.

Concello: Ponteceso.

Feitos:

1. O día 18.5.2022 a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, e que abrangue os seguintes documentos:

1º. Proxecto de execución denominado regulamentación LMTA BRT803. Substitución de apoio 9QEP952S//77-63-A-7-CT, asinado por Alberto Blanco Penas, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número de colexiado 3.165 de Santiago de Compostela, o 19.4.2022. Segundo consta nesta xefatura territorial, a especialidade do proxectista quedou acreditada mediante o certificado emitido polo COETI-Delegación de Santiago de Compostela o 16.3.2023, no cal se indica que Alberto Blanco Penas é enxeñeiro técnico industrial e ten a especialidade eléctrica.

2º. Anexo, asinado por Javier Fernández Mitre, enxeñeiro industrial, número de colexiado 15.670 de Madrid, o 7.6.2022.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un Acordo do 24 de abril de 2023, publicado nos seguintes medios:

• Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

• DOG: 22.5.2023.

• BOP: 2.5.2023.

• Xornal La Voz de Galicia: 16.5.2023.

• Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 23.5.2023.

3. Durante o período durante o cal o proxecto estivo sometido a información pública non se recibiron alegacións.

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Ponteceso e Patrimonio Cultural.

No día desta resolución non consta no expediente resposta dos organismos afectados á solicitude de informe.

5. O día 25.8.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia; e o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).

2. Lexislación de aplicación:

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

• Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño). 

3. Características técnicas:

As instalacións están no lugar das Minas, parroquia de Tallo, no concello de Ponteceso, e as súas características técnicas son as seguintes:

– Substitución do apoio nº 9QEP952S//77-63-A-7-CT da LMT BRT803 (IN407A 2016/2253-1), no tramo con matrícula BRT8032506 (IN407A/2253-1), por un novo apoio de celosía metálica de tipo C14/3000 con cruceta tipo H35. Reinstalación do CTI Pardiñas 2, Mezquita (15AMC7) no novo apoio proxectado. Retensado do condutor existente tipo LA-30 mm2 Al.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.

A Coruña, 7 de setembro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña