DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 10 de outubro de 2023 Páx. 56479

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de setembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 28 de setembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Foral ou Revolta, Costa e Outeiro da Veiga, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Farnadeiros, no concello de Muíños.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Foral ou Revolta, Costa e Outeiro da Veiga, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Farnadeiros, no concello de Muíños, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 23.9.2022 a CMVMC de Farnadeiros presentou unha solicitude (REXEL núm. 2022/2346102) de revisión de esbozo do MVMC Foral ou Revolta, Costa e Outeiro da Veiga, no concello de Muíños.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 17.1.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 29 de decembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Foral ou Revolta, Costa e Outeiro da Veiga, unha vez revisado o esbozo, resulta de 98,485 ha fronte ás 100 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución respecto da superficie clasificada dun 1,5 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente revisión do esbozo do MVMC Foral ou Revolta, Costa e Outeiro da Veiga.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 29 de decembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Foral ou Revolta, Costa e Outeiro da Veiga, pertencente á CMVMC de Farnadeiros, no concello de Muíños.

Ourense, 29 de setembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense