DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 10 de outubro de 2023 Páx. 56477

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 28 de setembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 28 de setembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Castromil, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Castromil, no concello da Mezquita.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Castromil, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Castromil, no concello da Mezquita, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 23.9.2022 a CMVMC de Castromil presentou unha solicitude (REXEL núm. 2022/2337230) de revisión de esbozo do MVMC de Castromil, no concello da Mezquita.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 4.6.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 26 de decembro de 2022 en relación coa citada solicitude. No mesmo se indica que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares.

A superficie provisional do MVMC de Castromil, unha vez revisado o esbozo, sería de 573,86 ha fronte ás 566 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 1,4 %. Porén, tendo en conta os procedementos concorrentes de deslindamento co MVMC Montes de Dehesa, Castelo e Zureira e máis co MVMC Monte de Cádavos, a superficie axustada do monte quedaría finalmente en 500,19 ha.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente revisión do esbozo do MVMC de Castromil.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo coa mesma, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que esixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 26 de decembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC de Castromil, pertencente á CMVMC de Castromil, no concello da Mezquita.

Ourense, 28 de setembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense