DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 9 de outubro de 2023 Páx. 56294

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 28 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter ao procedemento de información pública e audiencia ás persoas interesadas o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, nos concellos de Laxe e Vimianzo.

O espazo natural dos Penedos de Pasarela e Traba, compartido polos concellos de Laxe e Vimianzo (provincia da Coruña), foi declarado paisaxe protexida mediante o Decreto 294/2008, do 11 de decembro, ao abeiro da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e da entón vixente Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

O artigo 27 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece que as paisaxes protexidas son aqueles espazos que polos seus valores naturais, estéticos e culturais, e de acordo co Convenio da paisaxe do Consello de Europa, son merecedoras dunha protección especial.

O mesmo artigo indica tamén que nas paisaxes protexidas se procurará o mantemento das prácticas tradicionais que contribúan á preservación dos seus valores e recursos naturais, e á conservación das relacións e dos procesos, tanto naturais como socioeconómicos, que contribuíron á súa formación e fan posible o seu mantemento.

Segundo indica o artigo 59 desta mesma lei, cada paisaxe protexida contará cun plan de xestión propio como instrumento de planificación específico do espazo protexido. O plan de xestión establecerá o réxime de usos e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo, xunto coas medidas para a conservación dos hábitats e das especies.

O artigo 61 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, establece que a tramitación do plan de xestión lle corresponde á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, e a súa aprobación realizarase consonte o disposto nos artigos 40 e 41 da propia lei.

Segundo o recollido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a tramitación dos plans de xestión en espazos naturais protexidos declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, que carezan dos citados instrumentos de planificación e que non iniciasen a súa tramitación con anterioridade á data de entrada en vigor desta lei, realizarase tras o acordo de inicio da persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, mediante o procedemento sinalado no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, axustándose o contido do instrumento de planificación ao previsto no artigo 60.1, no caso dos plans de xestión.

O instrumento de planificación aprobarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Dado que este espazo foi declarado paisaxe protexida mediante o Decreto 45/2007, do 1 de marzo, unicamente corresponde desenvolver a tramitación e aprobación do seu instrumento de planificación específico.

Como paso previo para a elaboración do seu plan de xestión redactouse unha memoria inicial que foi sometida á participación pública en virtude do establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, e no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O dito documento expúxose ao público na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda durante un período dun mes.

Visto o anterior e en virtude do establecido no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto; no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, así como no artigo 9 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de información pública do proxecto de decreto polo que se aprobará o plan de xestión deste espazo protexido, durante o prazo dun mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o proxecto de decreto na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion

Así como na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_General_Conservacion_Naturaleza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas tamén poden enviar as súas alegacións:

Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba».

Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural