DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 4 de outubro de 2023 Páx. 55701

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2023 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes determinado na Resolución do 30 de decembro de 2022, pola que se regula a xestión en Galicia do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, para promotores públicos e privados, distintos deste instituto e se procede á súa convocatoria (código de procedemento VI406J).

O 7 de febreiro de 2023 publícase no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 30 de decembro de 2022, pola que se regula a xestión en Galicia do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, para promotores públicos e privados distintos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e se procede á súa convocatoria (código de procedemento VI406J).

O ordinal noveno da devandita resolución determina que as axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o primeiro día hábil seguinte ao da súa publicación no DOG ata o 6 de outubro de 2023, agás que, con anterioridade a esa data se tivese esgotado o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Tendo en conta o número de solicitudes presentadas, procede ampliar o prazo inicialmente establecido, coa finalidade de que podan beneficiarse da axuda o maior número posible de entidades.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar o prazo para a presentación de solicitudes de axudas á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, previsto no ordinal noveno da Resolución do 30 de decembro de 2022, ata o 30 de novembro de 2023, agás que, con anterioridade a esta data, se tivese esgotado o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Segundo. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo