DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 3 de outubro de 2023 Páx. 55569

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2023, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación e para a formalización de actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús, AC/22/050.06, de Carballo, Culleredo, Ponteceso, Arteixo e Cerceda.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

O 9 de marzo de 2023 a Xunta de Galicia aprobou o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia nas rutas de acceso polo oeste á cidade da Coruña, de clave AC/22/050.06, nos concellos de Carballo, Culleredo, Ponteceso, Arteixo e Cerceda, publicado no Diario Oficial de Galicia do 24 de marzo de 2023 (DOG núm. 59).

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, puideren aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017, sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG nº 179, do 20 de setembro de 2017, resolveu convocar os/as titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de Carballo, Culleredo, Ponteceso, Arteixo e Cerceda, para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Carballo:

Lugar: Salón de Plenos do Concello de Carballo.

Data: 6 de novembro de 2023, das 10.15 ás 10.30 horas.

Termo municipal de Culleredo:

Lugar: Salón de Plenos do Concello de Culleredo.

Data: 6 de novembro de 2023, das 12.15 ás 12.55 horas.

Termo municipal de Ponteceso:

Lugar: Salón de Plenos do Concello de Ponteceso.

Data: 7 de novembro de 2023, ás 10.00 horas.

Termo municipal de Arteixo:

Lugar: Salón de Plenos do Concello de Arteixo.

Data: 7 de novembro de 2023, ás 12.00 horas.

Termo municipal de Cerceda:

Lugar: Salón de Plenos do Concello de Cerceda.

Data: 7 de novembro de 2023, ás 13.00 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente; estarán expostos nos concellos de Carballo, Culleredo, Ponteceso, Arteixo e Cerceda e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer, nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña), e publicarase no seguinte enlace da páxina web da consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Conselleria6/Avisos/resolucions/aviso_0338.html

Así mesmo, realizarase a convocatoria para os/as interesados/as no levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir as persoas titulares afectadas persoalmente ou ben representadas pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e xuntarán os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria. Poderán facerse acompañar, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, este servizo, unha vez levantadas as actas previas á ocupación, e habilitado o crédito oportuno, pagará, mediante transferencia bancaria, o importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto convócase ao acto de formalización das actas de ocupación, o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e na data que se indican:

Termo municipal de Carballo:

Lugar: Salón de Plenos do Concello de Carballo.

Data: 24 de xaneiro de 2024, das 10.15 ás 10.30 horas.

Termo municipal de Culleredo:

Lugar: Salón de Plenos do Concello de Culleredo.

Data: 24 de xaneiro de 2024, das 12.15 ás 12.55 horas.

Termo municipal de Ponteceso:

Lugar: Salón de Plenos do Concello de Ponteceso.

Data: 25 de xaneiro de 2024, ás 10.00 horas.

Termo municipal de Arteixo:

Lugar: Salón de Plenos do Concello de Arteixo.

Data: 25 de xaneiro de 2024, ás 12.00 horas.

Termo municipal de Cerceda:

Lugar: Salón de Plenos do Concello de Cerceda.

Data: 25 de xaneiro de 2024, ás 13.00 horas.

No mesmo acto ofertaránselles aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

O presente acordo faise público, para xeral coñecemento, e advírteselles aos titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, e non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, e deberán achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros. Así mesmo, deberán identificarse co documento nacional de identidade.

A Coruña, 13 de setembro de 2023

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña