DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 29 de setembro de 2023 Páx. 55193

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Noia (expediente IN407A 2023/48-1).

Expediente: IN407A 2023/48-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: renovación da LMTS TA2801 entre o CT 15CEK2 e o CS 15PVF2.

Concello: Noia.

Feitos:

1. O día 6 de febreiro de 2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de mellorar a calidade de subministración eléctrica e incrementar a capacidade de transporte das liñas da contorna da rúa de Sosfreixos, avenida Vizconde de San Alberto e rúa Manuel Murguía, da parroquia de Noia (San Martiño), concello de Noia. Proxéctase deixar fóra de servizo dous treitos soterrados da liña de distribución LMT TA2801 Noia, 1, procedente da subestación Tambre II e instalar unha nova liña soterrada en canalización paralela á existente.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, e que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: renovación da LMTS TA2801 entre o CT 15CEK2 e o CS 15PVF2, asinado o 30 de novembro de 2022 por Tito Arias Santos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, co número colexial LE-1010.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte na que a instalación puidera prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica corrrespondente. Solicitóuselles o preceptivo informe ao Servizo do Patrimonio Cultural-Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Coruña; Deputación da Coruña e o Concello de Noia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado establecido polo organismo afectado, a saber, Patrimonio Cultural.

4. O 24 de agosto de 2023 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).

2. Lexislación de aplicación:

a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

d) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

e) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

f) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Características técnicas:

As instalacións atópanse na rúa de Sosfreixos, avenida Vizconde de San Alberto e rúa Manuel Murguía, parroquia de Noia (San Martiño), no concello de Noia.

– LMTS a 20 kV de 128 metros, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, coa orixe no CT Sofreixos (15CEK2) existente e remate nos empalmes que se van realizar na LMT TA2801 Noia, 1, procedente da subestación Tambre II, na esquina da avenida Vizconde de San Alberto coa rúa Manuel Murguía. A liña proxectada discorrerá canalizada no interior de tubaxe de polipropileno de 160 mm de diámetro en gabia de dimensións de 0,40 metros de largo e de 0,80 metros de profundidade na parte da traza que discorra polas beirarrúas e de 0,40 metros de largo e de 1,00 metros de profundidade na parte da traza que discorra pola calzada, instalando dúas tubaxes de idénticas características.

– Posta fóra de servizo os treitos seguintes: TA28014128 (condutor UNI-Al-150-RHV) e TA28014129 (condutor UNI-Al-240-RHZ1-2OL).

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 7 de setembro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña