A Orde do 29 de decembro de 2022 (publicada no DOG nº 18, do 26 de xaneiro de 2023) pola que se convocan para o ano 2023 as axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, establece no artigo 22 que o prazo máximo para presentar a correspondente licenza municipal de obras ou calquera outro permiso administrativo finaliza 30 de setembro de 2023.
Tendo en conta o elevado número de solicitudes, a complexidade urbanística e sectorial dos expedientes de solicitude de licenza ou permiso administrativo que dificultan a finalización dos devanditos procedementos de autorización, a petición de diferentes colectivos e que unha ampliación do prazo de presentación dos permisos administrativos de quince días non prexudica dereitos de terceiras persoas.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de permisos administrativos
Amplíase o prazo establecido no artigo 22 da Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR404A, MR405A e MR405B) ata o 15 de outubro de 2023.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023
José González Vázquez
Conselleiro do Medio RuralJ