DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 21 de setembro de 2023 Páx. 53758

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de setembro de 2023 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polo Comité de Empresa de Avincis Aviation Technics, S.A.U.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental dos traballadores en defensa dos seus intereses o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionada ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma. O artigo 3 deste decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o Comité de Folga.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece, no seu artigo 9, que a consellería con competencias en materia forestal definirá épocas de perigo alto, medio e baixo, que condicionarán a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia, e que establecerá as datas correspondentes á época de perigo alto. A consellería establece estas épocas de perigo a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga):

– Época de perigo alto:

Na cal a despregadura dos medios de extinción e alerta deberán ser os máximos, en función da avaliación do risco e a vulnerabilidade. Comprende con carácter xeral os meses de xullo, agosto e setembro, máis un período adicional de aproximadamente un mes en función das condicións meteorolóxicas e de risco.

– Época de perigo medio:

Na que os medios de detección e extinción permanecerán en alerta cunha despregadura reducida.

A época de perigo medio comprende, con carácter xeral, os meses de febreiro, marzo, abril, maio, xuño e outubro, ben que calquera destes meses pode pasar a formar parte doutra época de perigo distinta cando as circunstancias así o requiran.

A competencia na prevención e defensa dos incendios forestais correspóndelle á Consellería do Medio Rural, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española. Así, concretamente á Dirección Xeral de Defensa do Monte correspóndelle o exercicio das competencias inherentes ás medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais e a vixilancia de incumprimentos cara ao establecemento desas medidas preventivas.

A folga comunicada polo Comité de Empresa da compañía Avincis Aviation Technics, S.A.U. afecta todo o persoal dos centros de traballo de todas as provincias. A dita compañía presta os seus servizos á Consellería do Medio Rural a través do contrato de servizo de medios aéreos destinados á prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026. Lote 2: helicópteros de coordinación. A prestación do servizo correspondente á anualidade de 2023, comezou o 1 de xullo de 2023 e rematará o 14 de outubro de 2023.

O obxecto deste contrato é o do servizo de medios aéreos destinados á prevención e defensa contra incendios forestais en Galicia durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026. Para que as aeronaves poidan levar a cabo as misións encomendadas cada unha delas necesita estar dotada dunha tripulación mínima dun piloto e un mecánico ou técnico de mantemento, ademais do técnico coordinador e o técnico analista.

A necesidade de contar con medios aéreos de coordinación das operacións aéreas vén establecida no Protocolo de regulación de operacións aéreas en incendios forestais do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que no seu artigo 7 establece a obriga de despacho de aeronaves de coordinación das operacións aéreas cando se atopen operando simultaneamente nun incendio cinco aeronaves ou ben se teñan despachado sete aeronaves ao incendio.

Igualmente, deben garantirse na súa integridade as subministracións asistenciais para as aeronaves e o seu mantemento, a posta a punto e reparación, co obxecto de poder facer fronte, coas debidas garantías, ás emerxencias que poidan xurdir nas zonas a que se refire o ámbito do contrato da prestación do servizo, polo que deberá preservarse o servizo de mantemento habitual nos talleres centrais da compañía, xa que deles depende a operatividade da base e do medio aéreo.

O número medio de incendios forestais, a afección a bens e persoas e a simultaneidade na súa incidencia fan que a Administración necesite dotarse, dentro do seu dispositivo de prevención e defensa, de medios aéreos que de forma rápida poidan acudir aos incendios e participar na súa extinción. Ese feito, xunto co elevado número de medios aéreos que se acumulan nos grandes incendios, fai imprescindible o labor de coordinar, desde un medio aéreo, os medios aéreos que actúan nos incendios, de conformidade coas instrucións do Centro de Coordinación Central de Incendios Forestais de Galicia e seguindo as ordes e a dirección do/da director/a técnico/a de extinción, organizando as entradas e saídas dos ditos medios e orientando a súa distribución espazo-temporal nas proximidades dos lumes para garantir a cobertura aérea e a seguridade dos traballadores e o material do dispositivo de extinción de incendios.

Polo tanto, e debido ao contrato que a Consellería do Medio Rural ten subscrito coa devandita empresa, e sen prexuízo do exercicio do lexítimo dereito de folga, a parada dos servizos neles comprendidos dificultaría poder acometer axeitadamente o servizo esencial de vixilancia e extinción de incendios e garantir a seguridade de persoas e bens.

A folga comunicada afecta os centros de traballo de todas as provincias da compañía Avincis Aviation Technics, S.A.U. e desenvolverase conforme o establecido no artigo 1.

Os servizos mínimos que se fixan ao abeiro do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, resultan imprescindibles para poder garantir a prestación do servizo público esencial de vixilancia e extinción de incendios e garantir a seguridade.

En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma, oído o Comité de Folga

ACORDO:

Artigo 1

A folga convocada polo Comité de Empresa de Avincis Aviation Technics, S.A.U. para os días: 22 e 29 de setembro, das 7.00 ás 9.30 h e das 14.45 ás 23.59 h; 23, 24 e 30 de setembro, das 00.00 ás 23.59 h; 6 e 13 de outubro, das 7.00 ás 9.30 h e das 14.45 ás 23.59 h; 1, 7, 8, 12 e 14 de outubro, das 00.00 ás 23.59 h, entenderase condicionada á prestación dos servizos mínimos establecidos nesta orde.

Artigo 2

Establécense como servizos mínimos durante os días e as horas de folga a que fai referencia o artigo anterior os que se relacionan no anexo da presente orde.

Artigo 3

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal do persoal que deberá cubrir os servizos será realizada pola Dirección da empresa.

Artigo 4

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para manter a prestación dos devanditos servizos considéranse ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo.

Artigo 5

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Servizos mínimos

Entre o 22 de setembro e o 14 de outubro de 2023 incluídos, considéranse necesarios, con base nas correspondentes activacións, os medios aéreos despregados na base que se asigne aos helicópteros de coordinación.

O persoal asignado por quenda será o necesario para garantir que os citados helicópteros poidan realizar as funcións para as que foron contratados con garantía, e será o seguinte:

Helicóptero de coordinación Xunta 2.1

1 piloto

1 mecánico (técnico de mantemento)

1 técnico coordinador

1 técnico analista

Helicóptero de coordinación Xunta 2.2

1 piloto

1 mecánico (técnico de mantemento)

1 técnico coordinador

1 técnico analista

Igualmente, formarán parte dos servizos mínimos o persoal mínimo necesario para garantir na súa integridade as subministracións asistenciais para as aeronaves e o seu mantemento, a posta a punto e reparación, co obxecto de poder facer fronte, coas debidas garantías, ás emerxencias que poidan xurdir nas zonas a que se refire o ámbito do contrato da prestación do servizo, polo que deberá preservarse o servizo de mantemento habitual nos talleres centrais da compañía, tendo en conta que deles depende a operatividade das bases e dos medios aéreos.