DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 18 de setembro de 2023 Páx. 53348

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada subestación Pazos de Borbén 220/132/66 kV-repotenciación transformadores T-IV e T-V, no concello de Pazos de Borbén (Pontevedra), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2023/165-4).

Feitos:

1. O 9.3.2023 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, ante a Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura eléctrica denominada subestación Pazos de Borbén 220/132/66 kV-repotenciación transformadores T-IV e T-V, no termo municipal de Pazos de Borbén (Pontevedra), á que se lle asignou o número de expediente IN407A 2023/165-4.

Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado subestación Pazos de Borbén 220/132/66 kV-repotenciación transformadores T-IV e T-V 136/71 kV 80 MVA, asinado o 1.3.2023 polo enxeñeiro industrial Diego Berguño Suárez (colexiado nº 4.290 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias do Principado de Asturias) e visado por este colexio, con nº 20230329V e data 2.3.2023; e no que figura un orzamento total de 3.321.204,66 euros.

• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista e integrada no anexo II do proxecto, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

• Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas (Concello de Pazos de Borbén e Deputación Provincial de Pontevedra).

A infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto a substitución dos actuais transformadores de potencia T-IV e T-V 136/71 kV de 40 MVA, por outros de maior potencia (80 MVA) e mesmo nivel de tensión.

2. A xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da referida infraestrutura eléctrica ás seguintes entidades afectadas: Concello de Pazos de Borbén e Deputación Provincial de Pontevedra.

Ningunha destas entidades contestou, polo que, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

3. O 16.8.2023 a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado do mesmo á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) para os efectos de ditar a oportuna resolución.

A xefatura territorial, en cumprimento do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, incorporou ao expediente os dous documentos seguintes:

• Informe emitido o 14.8.2023 polos servizos técnicos da xefatura territorial, de carácter favorable.

• Oficio de traslado do expediente, ditado o 16.8.2023 pola xefatura territorial, no que se recolle o resumo da tramitación realizada.

Consideracións legais e técnicas:

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 113, do 15 de xuño), no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo) e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura eléctrica denominada subestación Pazos de Borbén 220/132/66 kV-repotenciación transformadores T-IV e T-V, no termo municipal de Pazos de Borbén (Pontevedra), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado subestación Pazos de Borbén 220/132/66 kV-repotenciación transformadores T-IV e T-V 136/71 kV 80 MVA, asinado o 1.3.2023 polo enxeñeiro industrial Diego Berguño Suárez (colexiado nº 4.290 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias do Principado de Asturias) e visado por este colexio, con nº 20230329V e data 2.3.2023; e no que figura un orzamento total de 3.321.204,66 euros.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, previa audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais