DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 15 de setembro de 2023 Páx. 52951

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2023 pola que se convocan probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de médico de empresa, grupo I.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, así como nos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, en execución do anexo I (Oferta xeral) da Resolución do 24 de setembro de 2020 (DOG do 5 de outubro) pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2020, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de médico de empresa, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), derivados desta convocatoria, se realizarán exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha (1) praza da categoría profesional de médico de empresa, grupo I, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de acceso libre, vacante no cadro de persoal laboral.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.3. A adxudicación da praza á persoa aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.4. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.5. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou nacional dalgún Estado ao cal, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea e, cando así o prevexa o correspondente tratado, o dos nacionais dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de vinte e un (21) anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade e sexa titular dun documento que o/a habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter feito os 16 anos de idade e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión de titulación universitaria oficial de graduado/a ou licenciado/a en Medicina, na especialidade de Medicina do Traballo, ou diploma de médico de empresa. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría á cal se pretende incorporar.

e) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.

f) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.

g) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.9 desta convocatoria para as persoas con discapacidade e para os membros de familias numerosas.

3. Solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.2. As persoas que desexen participar nestas probas selectivas deberán formalizar a súa solicitude, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso empregarase exclusivamente o formulario da sede electrónica da USC https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm

No momento de presentar a súa solicitude, as persoas aspirantes deberán achegar a documentación que proceda segundo as bases da convocatoria.

3.3. Para a presentación de solicitudes, as/os aspirantes deben posuír un destes medios de identificación electrónica válidos:

– No caso de persoal da USC: credenciais corporativas.

– No caso de persoal alleo á USC: certificados persoais clase 2CA, certificados incluídos no DNI electrónico ou claves concertadas do sistema Cl@ve.

3.4. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

– Certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

– Título de graduado/a ou licenciado/a en Medicina, así como documentación acreditativa da especialidade de Medicina do Traballo ou diploma de médico de empresa. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

Os/as aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como PAS na USC estarán exentos/as de xustificar documentalmente as condicións e os requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento e deberán presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se encontre debidamente acreditada no seu expediente persoal.

As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

– Documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co cal teñan o dito vínculo.

– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

– As persoas aspirantes que estean exentas de realizar a proba previa de acreditación do coñecemento do castelán xuntarán para tal efecto os diplomas de español como lingua estranxeira de nivel B2, C1 ou C2, ou equivalente. De non achegaren esta certificación, non poderán ser declaradas exentas e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.5.

3.5. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso achegarase no momento de presentar a solicitude, e non serán valorados méritos que non estean suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes. A acreditación farase da seguinte maneira:

a) Certificado acreditativo dos servizos prestados, no cal consten a categoría e os períodos en que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

b) Diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

O certificado acreditativo das cuestións indicadas nas alíneas a) e b) anteriores (certificaranse os cursos que constan no expediente persoal) expedirase e engadirase de oficio á solicitude das persoas aspirantes que presten ou prestasen servizos na USC.

3.6. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data da fin do prazo de presentación de solicitudes.

3.7. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.8. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar, no formulario de inscrición do proceso selectivo, a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, e nel reflectirán con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.9. Os dereitos de exame serán de 44,17 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición.

• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.

• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación, que se deberá imprimir unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo; non será preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

3.9.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

• As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.9.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:

• Persoas con discapacidade: certificado do grao de discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego na cal conste que a persoa aspirante, na data de presentación de solicitudes, figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria.

2º. Certificación expedida polo Servizo Público de Emprego na cal conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.9.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.9.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o cal terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.10. No formulario de solicitude, as/os aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento, pola cal manifestan que están en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e se comprometen a achegar a documentación que se indica nela.

3.11. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe de Medios de aviso de notificación do formulario o teléfono e o enderezo electrónico válidos. As notificacións realizaranse por comparecencia en sede electrónica e para o acceso a esta empregaranse os medios de identificación indicados na base 3.3.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que se declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o lugar no cal está exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaron a exclusión e o prazo para emendalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivaron a exclusión.

Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas da seguinte ligazón: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm, empregando os medios de identificación e sinatura que se indican no número 3.3 desta convocatoria.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso, ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición ante o reitor, no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8 desta convocatoria.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría primeira de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, aprobado en Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020, e será nomeado mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

5.2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5.3. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.4. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, e notificaranllo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou no caso de ter realizado tarefas de preparación de probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

A Presidencia solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo. Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.5. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola cal se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.4.

5.6. Logo da convocatoria do/da presidente/a, constituirase o tribunal de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, coa asistencia, tanto presencial como a distancia, da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.7. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia do/da presidente/a e secretario/a, e da metade, polo menos, dos seus membros.

5.8. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.9. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaboraren no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.10. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes ás cales se refire o número 3.8 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.11. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.12. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, de se producir a renuncia dunha persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou cando non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación as persoas propostas, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra V, de conformidade co establecido na Resolución do 23 de xaneiro de 2023 da Consellería de Facenda e Administración Pública.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios, derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal e achegarán á comunicación o correspondente informe médico oficial.

A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. Os sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuaranse nos locais onde se realizase a proba anterior, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas se se trata dun novo.

6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. Persoas aspirantes con nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na cal se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto ou non apto e será necesario obter a valoración de apto para realizar os exercicios da fase de oposición.

Quedan exentas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten, conforme se indica na base 3.4, que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira, nivel B2, C1, C2 ou equivalente, e as/os nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español.

6.6. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propor a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra esta exclusión poderase interpor recurso, perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Listaxe de persoas aspirantes aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa realización, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado e naqueloutros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadaron o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentaren reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as/os aspirantes disporán de sete días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentaren reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. A publicación anterior irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, na cal constará a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, e da proposta provisional de persoas seleccionadas segundo o previsto no anexo I.

No caso de se producir empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios: maior puntuación na fase de oposición, maior puntuación na fase de coñecementos específicos, no terceiro exercicio, maior idade e a orde alfabética establecida na base 6.1.

7.6. Contra esta publicación as/os aspirantes poderán presentar reclamación, ante o tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do Rexistro de Entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o cal o/a aspirante deberá empregar o medio de identificación e sinatura que se indicou no número 3.3.

7.7. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor das persoas aspirantes seleccionadas, tendo en conta o previsto no número 5.12 desta convocatoria. Esta proposta elevarase ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado

8. Presentación de documentación.

8.1. No prazo de vinte (20) días naturais, contados a partir do seguinte a aquel en que se fixo pública a proposta de contratación, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC orixinais da seguinte documentación, para proceder á contratación como persoal laboral fixo:

a) DNI ou do documento que acredite a nacionalidade.

b) Documento que, de ser o caso, acredite a residencia legal en España.

c) Titulación exixida na base 2.1.c).

d) Certificado, de ser o caso, acreditativo de lingua galega, indicado na base 3.4.

e) Diploma de español como lingua estranxeira, de ser o caso, indicado na base 3.4.

f) Documentación acreditativa do méritos alegados segundo a base 3.5.

g) A acreditación do requisito exixido na base 2.1.d) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado e salvo caso de forza maior, non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2 non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que puidese incorrer por falsidade na solicitude inicial.

9. Adxudicación do posto de traballo.

9.1. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 por cento poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Á solicitude deberá xuntarse un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

10. Contratación como persoal laboral fixo.

10.1. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superasen serán contratadas como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

10.2. O período de proba será de seis meses, durante os cales o/a traballador/a terá os dereitos e as obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que se poderá producir por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable a quen estivese xa, con anterioridade, desenvolvendo as mesmas funcións na USC.

11. Listas de espera.

11.1. Elaboraranse listas de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.

12. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, perante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación das prazas: médico de empresa

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o cuarto, que será obrigatorio e non eliminatorio.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que achegasen documentalmente xunto coa solicitude ou que acreditasen no expediente o certificado Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita. As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que lles facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo. A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral. As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo, e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral. A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 120 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos específicos que figura no programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para a realización deste exercicio será de 125 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 25 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo do 60 % do total das respostas correctas, o que supón unha valoración de 15 puntos.

Terceiro exercicio: consistirá na realización de dous supostos prácticos relacionados co programa específico e as funcións do posto de traballo, elixidos de entre catro propostos polo tribunal.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 30 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 12,5 puntos.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de tres horas.

Cuarto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 30 preguntas tipo test, máis 3 de reserva, con tres respostas alternativas das que só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos non específicos do programa.

O tempo para a súa realización será de 40 minutos e valorarase de 0 a 5 puntos.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobado e publicado os criterios de avaliación e corrección. As preguntas adicionais de reserva substituirán, se for o caso, as anuladas pola súa orde.

II. Fase de concurso: máximo 40 puntos.

Experiencia: máximo 35 puntos.

• Na mesma categoría e especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,40 puntos/mes.

• Na mesma categoría e distinta especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,30 puntos/mes.

• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase con 0,10 puntos/mes.

• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,10 puntos/mes.

Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coa praza:

• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.

Cursos de formación de lingua galega:

• Celga 5: 0,75 puntos.

• Outros cursos de galego impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con aptitude: 0,02 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con : 0,01 puntos/hora.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.

Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.

Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas, prevista na fase de concurso, e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan resolveranas unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II

Denominación das prazas: médico de empresa

Programa

Coñecementos específicos:

1. Marco xurídico da prevención de riscos laborais en España. O Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo. A Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.

2. Dereitos e deberes do traballador e do empresario en materia de prevención de riscos laborais. Coordinación de actividades empresariais en materia de prevención. Consulta e participación dos traballadores en materia de seguridade e saúde laboral. Os delegados de prevención. O Comité de Seguridade e Saúde.

3. Regulamento dos servizos de prevención. A avaliación dos riscos laborais. A planificación da prevención. Plan de prevención de riscos laborais. Características e funcións dun servizo de prevención. Organización de recursos para as actividades preventivas e as súas diferentes modalidades.

4. Acreditación de entidades especializadas como servizos de prevención alleos ás empresas. Integración da actividade preventiva na empresa. Política e organización da prevención na Universidade de Santiago de Compostela.

5. A auditoría en prevención: a obriga empresarial de someter o seu sistema de prevención a unha auditoría externa. Aplicación á Administración pública. Requisitos e autorización pola autoridade laboral das entidades especializadas na realización de auditorías. Outros sistemas de auditoría. Responsabilidades e sancións en relación coa prevención. Actuacións da Inspección de Traballo e Seguridade Social. As disposicións concretas nesta materia da Lei de prevención de riscos laborais e da Lei de infraccións e sancións na orde social.

6. Valoración das incapacidades laborais: conceptos xerais. Os diversos tipos de incapacidade. Valoración da incapacidade laboral. Estrutura dos informes de incapacidade. Sistemas de codificación. Certificación e tramitación de procesos de incapacidade. Estándares de duración. Entidades xestoras e colaboradoras. Equipo de valoración de incapacidades (EVI). Valoración da situación de minusvalidez. Lexislación.

7. A Lei de prevención de riscos laborais en relación coa protección da maternidade e dos traballadores especialmente sensibles. O Real decreto 298/2009, do 6 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención, en relación coa aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e saúde no traballo da muller embarazada, que dese a luz ou en período de lactación. A valoración do risco laboral durante o embarazo e a lactación. Medidas preventivas fronte a riscos específicos. Traballadores especialmente sensibles, incluídos traballadores con discapacidades e/ou minusvalidez.

8. Conceptos de saúde. Vixilancia da saúde: concepto, obxectivos e bases legais. Vixilancia da saúde individual e colectiva. Instrumentos da vixilancia da saúde. Exames médicos dirixidos ao risco laboral. Historia médico-laboral. Protocolos de vixilancia sanitaria específica.

9. Promoción da saúde e educación para a saúde no medio laboral. Planificación sanitaria, programas de saúde e a súa avaliación. Vacinacións recomendadas a adultos. Reaccións adversas, efectos secundarios e contraindicacións. Calendario de vacinacións sistemáticas. Vacinacións recomendadas no medio laboral.

10. Psicoloxía médica e psiquiatría laboral: exploración médico-psicolóxica: entrevista clínica. Tests mentais (psicometría e psicodiagnóstico). Escalas e cuestionarios de avaliación. Trastornos de personalidade e traballo. Trastornos ansiosos e depresivos no medio laboral. O alcoholismo e outras condutas adictivas no medio laboral. A reinserción e o manexo do paciente psiquiátrico no medio laboral.

11. Estatística: definicións fundamentais. Estatística descritiva e inferencial. Tipos de variables. Parámetros. Conceptos xerais de probabilidade. Teorema de Bayes. Distribucións de probabilidade. Estatística descritiva. Medidas de tendencia central, de dispersión e de posición. Modalidades de mostraxe. Probas de hipóteses. Hipóteses nula e alternativa. Potencia dunha proba. Probas de conformidade. Probas de homoxeneidade. Probas de independencia. Correlación e regresión. Aplicacións prácticas en medicina do traballo.

12. Epidemioloxía laboral: conceptos xerais e funcións. Interrelacións entre factores causais, hóspede e medio. Epidemioloxía descritiva. Epidemioloxía analítica. Estudos retrospectivos. Estudos transversais. Estudos prospectivos. Estudos experimentais. Sistema de vixilancia epidemiolóxica. Enfermidades de declaración obrigatoria. Sistemas de información en saúde laboral.

13. Danos derivados do traballo: accidentes de traballo, enfermidades relacionadas co traballo e enfermidades profesionais. Conceptos. Clasificación. Caracteres propios da patoloxía profesional. Marco normativo. Relación vixente de enfermidades profesionais. Análise do seu contido. Recoñecemento legal das enfermidades profesionais e as súas implicacións. Absentismo laboral. Lexislación. Índices estatísticos.

14. Toxicoloxía xeral: Epidemioloxía. Marcadores biolóxicos. Frecuencia das principais intoxicacións. Etioloxía. Grandes síndromes tóxicos. Valoración da gravidade dun intoxicado agudo. Patoloxía dixestiva, respiratoria, cardiocirculatoria, hemática, renal, hepática e neurolóxica de orixe tóxica. Outras síndromes tóxicas. Terapéutica xeral das intoxicacións. Principais técnicas de prevención.

15. Patoloxía profesional por metais: risco e patoloxía. Clínica. Industrias que os empregan. Normas de prevención. Parte descritiva: antimonio, berilio, bismuto, cadmio, cobalto, cromo, estaño, manganeso, mercurio, níquel, chumbo, talio, vanadio. Os antigos metaloides: arsénico, fósforo e outros metais.

16. Patoloxía por hidrocarburos lineais (HL): hidrocarburos lineais puros: metano, butano, hexano. Derivados haloxenados de HL: cloroformo, tetracloruro de carbono, cloruro de vinilo; outros compostos clorados. Bromuro de metilo. Fluorocarbonos. Derivados de substitución funcional de HL: alcois, metanol, glicois, aldehidos e cetonas; outros derivados de oxidación. Isocianato de metilo.

17. Patoloxía por hidrocarburos cíclicos (HC): benceno. Hidrocarburos policíclicos antracénicos (HPA). Derivados clorados de HC: praguicidas, PCB. Derivados de substitución funcional. Nitroderivados. Aminoderivados: anilinas. Outros derivados: tolueno, xilol, etc.

18. Patoloxía por praguicidas: conceptos xerais. Estado actual do seu uso. Normativas. Praguicidas órgano-clorados. DDT-DDE: a súa presenza no medio, impregnación humana. Hexaclorobenceno (HCB). Hexaclorociclohexano (HCH). Bifenilos policlorados (PCB). Praguicidas órgano-fosforados: principais compostos, indicacións e precaucións de uso. Carbamatos. Riscos do Paraquat. Outros praguicidas.

19. Patoloxía por outros agresivos químicos: monóxido de carbono. Oxicloruro de carbono. Ácido cianhídrico e cianuros. Ácido sulfhídrico. Ácidos inorgánicos: efectos cáusticos. Sales de ácidos inorgánicos. Halóxenos: bromo, cloro, flúor, iodo e os seus compostos. Óxidos de xofre. Amoníaco. Nanopartículas. Radon.

20. Patoloxía profesional por axentes físicos: patoloxía por radiacións ionizantes. Patoloxía por electricidade. Patoloxía por vibracións. Patoloxía por ruído. Valoración da calor e do frío como axentes de patoloxía profesional. Patoloxía relacionada con traballos no medio hiperbárico.

21. Patoloxía profesional por axentes biolóxicos: enfermidades víricas transmitidas no traballo e no medio sanitario: hepatite, SIDA. Tuberculose. Enfermidades parasitarias. Enfermidades infecciosas emerxentes.

22. Patoloxía profesional do aparello respiratorio: principais pneumoconioses. Silicoses. Silicotuberculoses. Outras pneumoconioses. Afeccións broncopulmonares producidas por pos de metais duros. Asma profesional: probas para a súa detección e principais axentes. Asbestoses.

23. Patoloxía profesional dermatolóxica: dermatite de contacto. Principais sensibilizantes: metais (cromo, níquel), colorantes. Dermatite por gomas e derivados; plásticos e resinas sintéticas. Outros riscos. Patoloxía cutánea por actividades: metalurxia, artes gráficas, profesións sanitarias, etc.

24. Patoloxía profesional sistémica: patoloxía tumoral hepática, do aparello respiratorio, do aparello urinario, hemática, ósea, cutánea… Principais axentes canceríxenos implicados.

25. Patoloxía médico-cirúrxica laboral: concepto de patoloxía cirúrxica laboral. Exploración clínica en cirurxía. Shock traumático. Queimaduras e conxelacións. Lesións por electricidade e radiación. Lesións traumáticas nerviosas periféricas. Traumatismos torácicos. Traumatismos cranioencefálicos. Traumatismos abdominais. Oftalmoloxía laboral. Otorrinolaringoloxía laboral.

26. Traumatoloxía laboral: concepto. Exploración clínica e medios auxiliares de diagnóstico. Atención inmediata, transporte e evacuación de lesionados graves. Fracturas e luxacións: conceptos xerais e tratamento xeral das lesións traumáticas. Lesións traumáticas da cintura escapular, brazo, cóbado, antebrazo, pulso e man. Lesións traumáticas da pelve, cadeira, xeonllo, perna, nocello e pé. Traumatismos vertebrais. Trastornos musculoesqueléticos. Neuropatías por presión. Lumbalxias.

27. Estudo do dano corporal. Aspectos xurídicos. Lexislación. Formas específicas de valoración do dano nas diversas rexións anatómicas. Baremos: os seus tipos. Análises dos factores que se valoran. Peritaxes. Estrutura do informe técnico sobre dano corporal: principais puntos que debe ter en conta. Ética da peritaxe.

28. Patoloxía médica non laboral: enfermidades do sistema nervioso central e periférico. Enfermidades oculares. Enfermidades otorrinolaringolóxicas. Enfermidades do aparello dixestivo. Enfermidades osteomusculares. Enfermidades da pel. Enfermidades xenito-urinarias. Enfermidades respiratorias. Enfermidades cardiovasculares. Enfermidades hematolóxicas. Enfermidades infecciosas.

29. Situacións de risco grave e inminente. Socorrismo e primeiros auxilios no medio laboral. Regulación, planificación e recursos. Soporte vital básico.

30. Seguridade no traballo: concepto e obxectivos. Investigación e análises dos accidentes. Avaliación xeral dos riscos de accidentes. Normas e sinalización de seguridade. Protección colectiva e individual. Plans de emerxencia e autoprotección. Máquinas, equipamentos, instalacións e ferramentas. Lugares e espazos de traballo. Risco eléctrico. Risco de incendios. Risco de explosións. Manipulación e almacenamento de produtos químicos. Seguridade na construción. Inspeccións de seguridade. Medidas preventivas de eliminación e redución de riscos. Organización da seguridade na empresa. Organización de plans de emerxencia e evacuación de centros de traballo.

31. Hixiene industrial: concepto e obxectivos. Criterios de valoración da presenza de tóxicos no ambiente. Valores TLV, VLA, outros sistemas. Normativa legal na Unión Europea. Medición de contaminantes químicos. Enquisa hixiénica. Control de contaminantes. Axentes químicos. Axentes físicos. Axentes biolóxicos.

32. Hixiene ambiental: concepto e obxectivos. Marco normativo ambiental. Contaminación atmosférica, da auga, do solo, da flora, da fauna e enerxética. Factores de risco ambiental e a súa repercusión sobre a saúde. Papel da educación para a saúde na contaminación ambiental. Ambiente e industria. Efectos ambientais das actividades industriais. A xestión ambiental na empresa. Xestión de residuos. Auditoría do sistema de xestión ambiental.

33. Ergonomía e psicosocioloxía: concepto, obxectivos, desenvolvemento histórico e marco xurídico da ergonomía. Métodos de análises en ergonomía. Concepción e deseño físico do posto de traballo. Carga física de traballo. Estudo ergonómico dos postos de traballo. Carga mental de traballo. Factores psicosociais no traballo. A organización e a empresa. Estrés laboral e burnout. Acoso psicolóxico no traballo.

34. Protocolo de prevención e resolución de procesos de acoso psicolóxico nas relacións laborais da Universidade de Santiago de Compostela. Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e/ou o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero, da Universidade de Santiago de Compostela.

35. Dereito sanitario, deontoloxía e bioética: dereitos e deberes dos profesionais sanitarios. Dereitos e deberes dos pacientes. O segredo médico: regulación legal e deontoloxía. O dereito da confidencialidade. A relación médico-paciente. O acto médico. A información e o consentimento en medicina do traballo. O consentimento informado. Lei de protección de datos. Problemas médico-legais e deontolóxicos derivados do exercicio profesional da medicina do traballo. Responsabilidade profesional.

36. Real decreto 486/1997, do 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo. Guía técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo para a avaliación e prevención dos riscos relativos á utilización de lugares de traballo.

37. Real decreto 487/1997, do 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas á manipulación manual de cargas. Guía técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo para a avaliación e prevención dos riscos relativos á manipulación manual de cargas.

38. Real decreto 773/1997, do 30 de maio, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas á utilización polos traballadores de equipamentos de protección individual. Guía técnica do Instituto de Seguridade e Hixiene no Traballo para a avaliación e prevención dos riscos para a utilización polos traballadores no traballo de equipamentos de protección individual.

39. Real decreto 664/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo. Guía técnica do Instituto de Seguridade e Hixiene no Traballo para a avaliación e prevención dos riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos.

40. Real decreto 374/2001, do 6 de abril, sobre a protección da saúde e a seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados cos axentes químicos durante o traballo. Guía técnica do Instituto de Seguridade e Hixiene no Traballo para a avaliación e prevención dos riscos relacionados con axentes químicos.

41. Real decreto 286/2006, do 10 de marzo, sobre a protección da saúde e seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición ao ruído. Guía técnica do Instituto de Seguridade e Hixiene no Traballo para a avaliación e prevención dos riscos relacionados coa exposición dos traballadores ao ruído.

42. Real decreto 488/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas ao traballo que inclúe pantallas de visualización. Guía técnica do Instituto de Seguridade e Hixiene no Traballo para a avaliación e prevención dos riscos relativos á utilización de equipamentos con pantallas de visualización.

Coñecementos non específicos:

1. A Constitución española de 1978: estrutura e contido. Dereitos e liberdades. A súa garantía e suspensión. O Defensor do Pobo. O Tribunal Constitucional.

2. O acto administrativo. Requisitos e eficacia dos actos administrativos. Nulidade e anulabilidade dos actos administrativos.

3. O procedemento administrativo común. Iniciación, ordenación, instrución e finalización. A revisión dos actos en vía administrativa.

4. Os recursos administrativos.

5. A Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.

6. O texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

7. O Convenio colectivo para o persoal laboral da USC.

8. Os estatutos da USC: órganos de goberno unipersoais e colexiados. O persoal de administración e servizos. Réxime económico e a programación plurianual.

9. Dereitos e deberes lingüísticos na USC.

10. Políticas públicas para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

11. Código ético da USC. TREBEP: dereitos e obrigas. Código de conduta do empregado público. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: transparencia da actividade pública. Réxime sancionador.

Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, deben entenderse referidas á lexislación en vigor.