DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Martes, 12 de setembro de 2023 Páx. 52417

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 4 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada para a planta de produción de leite UHT, leite en po e outros produtos lácteos de Leche Celta, S.L., no concello de Pontedeume, provincia da Coruña (expediente 2020-IPPC-M-33).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro de 2016), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– Revisión AAI. Planta produción Leche Celta (Pontedeume - A Coruña). Maio 2023.

Para que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático – Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medio ambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo.

Clave do expediente: 2020-IPPC-M-33.

Peticionario: Leche Celta, S.L.

CIF: B-82523648.

Enderezo social: A Regueira s/n. 15614 Pontedeume (A Coruña).

Localización da instalación: A Regueira s/n. 15614 Pontedeume (A Coruña).

Actividade: planta de produción de leite UHT, leite en po e outros produtos lácteos.

Descrición: o proceso produtivo consta de varias liñas de produción (leite UHT, leite pasteurizado, leite enriquecido, nata, manteiga e bebidas e produtos lácteos) e inclúe as fases de recepción de materias primas e auxiliares, termización, hixienización, desnatado e estandarización, homexenización e tratamento UHT do leite, segundo sexan necesarios, e a elaboración dos distintos produtos, envasado e almacenamento para a súa expedición.

Segundo se recolle na documentación presentada, as verteduras xerados pola planta de Pontedeume son:

• Augas residuais industriais, fecais e pluviais contaminadas tratadas na EDARI de Leche Celta.

• Augas pluviais non contaminadas, que se verten en dous puntos diferentes ao medio.

Inclúese na documentación presentada unha proposta de melloras na depuración das augas residuais e para a reutilización de parte delas, unha vez depuradas, para regar o campo de golf de Miño. Tamén o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2019/2031 da Comisión, do 12 de novembro de 2019, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) respecto ás industrias de alimentación, bebida e leite, conforme a Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello, sobre as emisións industriais.