DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 6 de setembro de 2023 Páx. 51587

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo do 7 de xullo de 2023, da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei de Galicia 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Conforme o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2023

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do
Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 7/2022,
do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

1º. De conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral da Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas sobre os artigos 10, 11, 46 e a disposición transitoria primeira da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, ambas as partes considéranas solucionadas no que ao precepto obxecto do presente acordo se refire, conforme os seguintes compromisos:

Ambas as partes acordan interpretar o artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que introduce unha nova disposición adicional sétima na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no sentido de que a «declaración en que faga constar que o proxecto cumpre con todos os requisitos para a autorización a excepción do permiso de acceso e conexión» prevista nela será emitida polo órgano substantivo para os únicos efectos de que o promotor poida coñecer o estado de tramitación do expediente en aplicación do dereito previsto no artigo 53.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, ambas as partes acordan interpretar que esta «declaración» carece de efectos xurídicos tanto procedementais como substantivos en relación co procedemento de autorización previsto no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, relativo á autorización de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas.

2º. En razón do acordo alcanzado, ambas as partes consideran resoltas as discrepancias manifestadas e concluídas as controversias expostas no que ao precepto obxecto do presente acordo se refire.

3º. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como publicalo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Isabel Rodríguez García

Ministra de Política Territorial

Diego Calvo Pouso

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes