DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 1 de setembro de 2023 Páx. 51244

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2023 pola que se modifica a Resolución do 20 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207B).

O día 9 de agosto de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 151 a Resolución do 20 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207B).

Debido a que se detectaron omisións e erros na devandita publicación e que non remata o prazo de presentación de solicitudes ata o día 11 de setembro, cómpre modificar o texto desta, para manter a coherencia co espírito que se persegue con esta convocatoria, que é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual nas súas distintas categorías, entendendo como tales os relacionados co guión, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación, elaboración de materias promocionais e outros adheridos ás actividades propias da fase de desenvolvemento anterior á rodaxe.

Por estes motivos, a Axencia Galega das Industrias Culturais considera necesaria a modificación da Resolución do 20 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2023.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Modificar as bases reguladoras (anexo I) da Resolución do 20 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207B), no seguinte sentido:

Primeiro. No artigo 1, Obxecto e réxime das subvencións, o número 5, último parágrafo, queda redactado:

«5. Estas axudas son incompatibles con outras liñas de subvencións da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que se publiquen no mesmo ano da presente convocatoria. En todo caso, son incompatibles con outras axudas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o mesmo obxecto».

Segundo. O artigo 5, Contías máximas, intensidade das axudas e concorrencia, numerase de novo para suprimir as duplicidades e engádese o número 5, que queda redactado:

«5. Sen prexuízo da posible presentación de varios proxectos, unicamente poderá ser obxecto de subvención un máximo de dous proxectos por solicitante».

Terceiro. No artigo 16, Criterios de valoración, no punto B1, Historial da empresa ou da persoa responsable da produción executiva en canto a obras producidas con anterioridade, sempre que así figure nos títulos de crédito, suprímese a expresión «Terase que optar por só unha das dúas fórmulas».

Cuarto. No artigo 17, Resolución da convocatoria, no número 3.2 engádese a aclaración seguinte:

«Enténdese por novel se non ten ningún proxecto na categoría que se presenta».

Quinto. Modifícase o número 2 do artigo 22, Xustificación:

A) Modifícase o prazo de xustificación da primeira anualidade, que rematará o día 15 de decembro de 2023.

B) Engádese a necesidade da presentación da seguinte documentación xustificativa, ademais da exixida no artigo 22.bis, Conta xustificativa, xunto coa presentación da memoria final:

1.1. Guión no caso de longametraxe e guión de dous capítulos no caso de series de TV.

1.2. O contrato definitivo de compra dos dereitos de guión.

1.3. Xustificante de inscrición do proxecto no Rexistro de Propiedade Intelectual.

1.4. Plan de financiamento coas diferentes entradas comprometidas ou en negociación, debidamente xustificadas.

1.5. Orzamento de produción.

1.6. Calendario de produción.

1.7. Materiais de produción e promoción elaborados, se os gastos están consignados no orzamento presentado coa solicitude.

1.8. Plan de márketing, se o gasto está consignado no orzamento presentado coa solicitude.

1.9. Memoria explicativa dos contactos realizados durante a fase de desenvolvemento, situación actual e evolución do proxecto.

1.10. A proposta de equipo técnico-artístico, que incluirá, como mínimo, a identidade do director e o produtor executivo e tamén a listaxe dos xefes do equipo técnico e unha proposta do elenco. Achegaranse, sempre que sexa posible, cartas de aceptación/interese por parte dos profesionais incluídos nestas listaxes.

1.11. Na modalidade de pilotos de series de animación para televisión e programas de televisión, copia en DVD da produción final en que figure a imaxe corporativa da Agadic.

Sexto. Engádese ao artigo 22, conta xustificativa, no seu título, a expresión bis.

Sétimo. Engádese o artigo 30, Modificacións e redistribución de anualidades, que queda redactado do xeito seguinte:

«Artigo 30. Modificacións e redistribución de anualidades

1. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución entre as anualidades variando proporcionalmente a seguinte anualidade orzada A reasignación de anualidades debe solicitarse motivadamente, como mínimo, cun mes de antelación á data de xustificación da anualidade en que se pretende facer efectiva a reasignación. A resolución da aceptación da solicitude de redistribución efectuarase unha vez comprobada a dispoñibilidade orzamentaria e considerarase como modificación da resolución, segundo se detalla neste artigo.

2. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión. Deberase obter a autorización previa expresa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto, estes non poden afectar os obxectivos perseguidos coa axuda e as modificacións teñen que obedecer a causas sobrevidas.

Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

3. Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, incrementos que non superen o 20 % dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros, que non afecten os gastos xerais e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar debidamente o cambio na documentación de xustificación presentada».

Oitavo. O anexo IV, Ficha do proxecto, que se ten que presentar coa solicitude, ten un erro, polo que a expresión «orixe galega ou residencia en Galicia» cómpre substituíla por «orixe galega ou que desenvolvan a súa actividade fundamentalmente no ámbito da Comunidade Autónoma ou xeren actividades económicas nela».

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2023

Román Rodríguez González
Presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais