DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 28 de agosto de 2023 Páx. 50878

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2023/074-4).

Expediente: IN407A 2023/074-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS SDM709, CTC Sárdoma.

Concello: Vigo.

Feitos:

Primeiro. O 10 de febreiro de 2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica LMTS SDM709, CTC Sárdoma.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións previstas no camiño Quirós, na parroquia de Sárdoma, no concello de Vigo:

• Retirada do centro de transformación Sárdoma (36C641) de 250 kVA de potencia e instalación dun novo centro de transformación (CT) 2L1P de 400 kVA, compacto manobra exterior en envolvente prefabricada de formigón, telecontrolado por GPRS/FO e telexestionado. O centro de transformación estará situado na parcela de referencia catastral 3843615NG2734S0001PO.

• Retirada de 24 metros en condutor RHZ1 do circuíto subterráneo da liña de media tensión SDM709, no tramo SDM7092156.

• Liña de media tensión subterránea (LMTS) de 36 metros de lonxitude para alimentar o novo centro de transformación.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo e a Axencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA). A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Vigo.

AESA non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Liña de media tensión subterránea a 15 kV, con condutor RHZ1, de 36 metros de lonxitude, con orixe na LMTS existente SDM7092156, mediante empalme para realizar na arqueta existente, e final na LMTS existente SDM7092139, mediante empalme a realizar na arqueta existente, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado Sárdoma.

• Centro de transformación a 400 kVA, con RT 15 kV/400 V, situado no Camiño Quirós, ao lado do número 108, na parroquia de Sárdoma, no municipio de Vigo.

• Retirada do centro de transformación Sárdoma (tipo palomar) 36C641.

Consonte o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS SDM709, CTC Sárdoma (expediente IN407A 2023/074-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 28 de xullo de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra