DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 28 de agosto de 2023 Páx. 50562

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 3 de agosto de 2023 pola que se aproban os estatutos do Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura orgánica establecida no Decreto 59/2023, do 14 de xuño).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo

TÍTULO I

CAPÍTULO I

Do Colexio

Artigo 1. Natureza

O Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo é unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins que se rexe pola Lei 2/1974 do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, polo disposto no Estatuto xeral da avogacía española, así como polas normas internas que aprobe e polos acordos adoptados polos seus diferentes órganos corporativos no ámbito das súas competencias.

Artigo 2. Ámbito territorial

1. O ámbito territorial do Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo comprende a actual circunscrición dos partidos xudiciais de Vigo e Redondela, establecida polo Decreto 3388/65, do 11 de novembro, de demarcación xudicial, que estaba vixente ao tempo da promulgación da Constitución española de 1978.

2. A modificación das demarcacións xudiciais non afectará o ámbito do Colexio, o cal, en consecuencia, manterá a súa competencia nos novos partidos que poidan crearse no seu territorio.

3. O seu domicilio radica na cidade de Vigo e a súa sede está na praza de América, número 2, 1º.

Por acordo da Xunta de Goberno poderase trasladar a outro lugar dentro da mesma cidade.

Artigo 3. Principios reitores

O Colexio someterá a súa actuación e funcionamento aos principios democráticos e ao réxime de control orzamentario anual.

Artigo 4. Fins

Son fins esenciais do Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo, no territorio da súa competencia:

a) A ordenación do exercicio da avogacía e a súa exclusiva representación institucional.

b) A defensa dos dereitos e intereses profesionais da avogacía.

c) A intervención no proceso de acceso á profesión.

d) A formación profesional permanente e especializada dos seus membros.

e) O control deontolóxico e a aplicación do réxime disciplinario en garantía dos dereitos da cidadanía e dos profesionais.

f) A protección dos intereses dos consumidores e usuarios e dos clientes dos servizos dos profesionais da avogacía.

g) A colaboración no funcionamento, promoción e mellora da Administración de xustiza.

h) A defensa do Estado social e democrático de dereito proclamado na Constitución e a promoción e defensa dos dereitos humanos.

i) A contribución á garantía do dereito constitucional de defensa e acceso á xustiza mediante a organización e prestación da defensa de oficio.

Artigo 5. Funcións

Son funcións do Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo, no seu ámbito territorial:

a) Exercer a representación e defensa da avogacía ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten os dereitos e intereses profesionais.

b) Elaborar os seus estatutos particulares e as súas modificacións, así como redactar e aprobar o seu regulamento de réxime interior.

c) Colaborar co poder xudicial e os demais poderes públicos mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins, cando lle sexan solicitadas ou acorde por propia iniciativa.

d) Organizar e xestionar os servizos de asistencia xurídica gratuíta e cantos outros de asistencia e orientación xurídica poidan estatutariamente crearse, especialmente en beneficio dos sectores sociais máis desfavorecidos ou necesitados de protección.

e) Participar nas materias propias da profesión nos órganos consultivos da Administración, así como nos organismos ou asociacións interprofesionais.

f) Asegurar a representación da avogacía nos consellos sociais das universidades, nos termos establecidos nas normas que os regulen.

g) Participar na elaboración dos plans de estudo universitarios; crear, manter e propor ao Consello Xeral da Avogacía Española ou, de ser o caso, ao Consello da Avogacía Galega, a homologación de escolas de práctica xurídica e outros medios para o acceso á avogacía dos novos titulados, así como organizar cursos para a formación continua, perfeccionamento e especialización profesional.

h) Ordenar a actividade profesional dos colexiados e colexiadas, velando pola formación, a deontoloxía e a dignidade profesionais e polo respecto debido aos dereitos dos particulares, así como exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

i) Velar e garantir a eficacia e correcto exercicio do dereito de defensa, removendo os obstáculos que dificulten a intervención libre e independente do profesional da avogacía.

j) Organizar e promover actividades e servizos comúns de interese para os colexiados e colexiadas de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial, de previsión e outros análogos, incluído o aseguramento obrigatorio da responsabilidade civil profesional cando legalmente se estableza. A recepción deste tipo de servizos polos colexiados será voluntaria, logo de solicitude expresa, salvo as actividades formativas necesarias para o acceso á quenda de oficio ou que resultaren obrigatorias por disposición legal. Así mesmo, os prezos que se cobren aos colexiados, se os houber, non incluirán custos alleos á prestación específica de que se trate.

k) Impulsar a adecuada utilización por parte dos colexiados e colexiadas das tecnoloxías da información e das comunicacións no exercicio profesional e nas súas relacións corporativas.

l) Adoptar as medidas conducentes a evitar e perseguir o intrusionismo profesional, así como impedir a competencia desleal entre os colexiados ou colexiadas, exercendo, de ser o caso, as accións legais pertinentes.

m) Intervir, logo de solicitude dos interesados, en vías de conciliación, mediación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados e colexiadas, ou cos seus clientes. Especialmente, correspóndelle resolver as discrepancias que poidan xurdir en relación coa actuación profesional dos colexiados e colexiadas e a percepción dos seus honorarios, mediante laudo ao que previamente se sometan de modo expreso as partes interesadas.

n) Exercer funcións de arbitraxe nos asuntos que lle sexan sometidos, así como promover ou participar en institucións de arbitraxe.

ñ) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e colexiadas e sobre as sancións firmes impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que formule calquera autoridade competente dun Estado da Unión Europea, nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio

En particular no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a que se solicitou.

o) Informar e ditaminar nos procedementos xudiciais ou administrativos sobre calquera materia que afecta a competencia profesional, nos termos previstos na lexislación aplicable.

p) Elaborar criterios orientadores de honorarios para os exclusivos efectos da taxación de custas e de xura de contas, así como informar e ditaminar sobre honorarios profesionais. Poderán mesmo emitir informes periciais nos procesos xudiciais en que se discutan cuestións relativas a honorarios profesionais.

q) Levar un rexistro dos seus membros en que conste, polo menos, testemuño auténtico do título académico oficial, a data de alta no colexio, o domicilio profesional, a sinatura actualizada e cantas circunstancias afecten a súa habilitación para o exercicio profesional.

r) Elaborar e aprobar os orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as súas contas e liquidacións, establecendo e exixindo achegas económicas.

s) Cantas outras funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados e colexiadas e calquera outra establecida no Estatuto xeral da avogacía española ou as demais que veñan dispostas pola lexislación estatal ou autonómica.

t) Cumprir e facer cumprir aos seus membros as normas xerais e especiais, os estatutos colexiais, os regulamentos de réxime interior e os acordos adoptados polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

u) Aquelas que se lle atribúan por outras normas de rango legal ou regulamentario, lle sexan delegadas polas administracións públicas ou deriven de convenios de colaboración.

v) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos seus membros e, en xeral, cantas se dirixan ao cumprimento dos fins asignados aos colexios profesionais.

Artigo 6. Tratamento, denominación e sede

1. O tratamento do Colexio é o de ilustre, polo que a súa denominación é Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo e terá a súa sede na cidade de Vigo.

2. O decano ou decana terá o tratamento de excelentísimo señor ou excelentísima señora e a consideración honorífica de maxistrado ou maxistrada. Tanto estes tratamentos como a denominación honorífica de decano ou decana se posúen con carácter vitalicio.

3. O decano ou decana do Colexio levará encaixes na súa toga, así como as medallas e placas correspondentes á súa autoridade, en audiencia pública e actos solemnes a que asista en exercicio do seu cargo. En tales ocasións, os demais membros da Xunta de Goberno do Colexio levarán sobre a toga os atributos propios dos seus cargos.

Artigo 7. Réxime xurídico

O Colexio réxese polos presentes estatutos, así como polo Regulamento de réxime interior, as normas internas que se aproben e os acordos adoptados por órganos colexiais no ámbito das súas competencias e, no non previsto, polo Estatuto xeral da avogacía, a Lei 2/1974, do 13 do febreiro, sobre colexios profesionais, e a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, con carácter supletorio, resulta de aplicación a lexislación reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas aos actos dos órganos corporativos na forma nela prevista.

Artigo 8. Colaboración con outras administracións públicas

O Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo cooperará lealmente coas administracións públicas españolas e coas autoridades competentes doutros Estados membros da Unión Europea no marco das súas competencias.

Artigo 9. Páxina web e portelo único

1. O Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único prevista na Lei 17/2009, do 23 de novembro, reguladora do libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais da avogacía e as sociedades profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a súa colexiación, exercicio e baixa no Colexio por vía electrónica e a distancia, facilitando ademais a información necesaria respecto diso. Tamén poderá, a través do portelo único, convocar os colexiados e colexiadas ás xuntas xerais e pór no seu coñecemento a actividade do Colexio, sen prexuízo de que poidan utilizar, adicionalmente ou de forma exclusiva, outros medios.

2. Especificamente, a través do portelo único, os profesionais poderán de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e os formularios necesarios para o acceso e exercicio da avogacía.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes, incluída a de colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teñan a condición de interesado ou interesada, así como recibir a correspondente notificación dos preceptivos actos de trámite e das resolucións dos procedementos.

3. Así mesmo, para facer eficaz unha mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a través do portelo único, e de forma clara, inequívoca e gratuíta, a seguinte información:

a) O acceso ao rexistro de colexiados e colexiadas, que deberá atoparse permanentemente actualizado e no cal constarán os nomes e apelidos dos profesionais da avogacía, número de colexiación, títulos oficiais que posúan, domicilio profesional e situación de habilitación profesional e a denominación social das sociedades profesionais.

b) As vías de reclamación e, de ser o caso, os recursos que poden interporse cando se produza un conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou colexiada ou entre aquel e o colexio respectivo.

c) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás que os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia. Esta información poderá proporcionarse a través dunha ligazón coa páxina web da Administración pública competente.

d) O acceso ao rexistro de sociedades profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo.

e) O contido dos códigos deontolóxicos.

Artigo 10. Medios tecnolóxicos

O Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo adoptará cantas medidas sexan necesarias para o cumprimento dos deberes impostos no Estatuto xeral da avogacía española e no resto do ordenamento xurídico e, en especial, incorporará para iso as tecnoloxías precisas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas.

Artigo 11. Servizo de atención aos colexiados e colexiadas e aos consumidores e usuarios

1. O Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo deberá atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados e colexiadas.

2. O Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios e aos clientes dos servizos da avogacía, que tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou dos colexiados e colexiadas presente calquera cliente que contrate os servizos profesionais dos e as profesionais da avogacía que actúen no seu ámbito territorial, así como por asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. A tramitación do procedemento de resolución de queixas e reclamacións será regulada polo Colexio, prevendo expresamente que as queixas e reclamacións poderán presentarse por vía electrónica e a distancia a través do portelo único.

4. O Colexio, a través do Servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre as queixas ou reclamacións, segundo os casos, dalgunha das seguintes formas:

a) Informando o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, en caso de existir e ser aplicable.

b) Acordando remitir o expediente aos órganos colexiais competentes para iniciar o procedemento sancionador.

c) Arquivando o expediente.

d) Adoptando calquera outra decisión que corresponda.

Artigo 12. Goberno corporativo e memoria anual

1. O Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo está suxeito ao principio de transparencia e responsabilidade na súa xestión.

2. O Colexio deberá elaborar unha memoria anual que conteña, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións de todo tipo, axudas de custo e reembolso dos gastos percibidos polo conxunto dos membros da Xunta de Goberno por razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo prestados polo Colexio, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción á que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, de ser o caso, con pleno respecto da lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa ás queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, da súa tramitación e, de ser o caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, con pleno respecto da lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido dos seus códigos deontolóxicos e a vía para o acceso ao seu contido íntegro.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se atopen os membros das xuntas de goberno.

3. A memoria anual deberá facerse pública a través da páxina web no primeiro semestre do ano seguinte.

Artigo 13. Acción social

1. O Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo terá especialmente en conta a súa responsabilidade para coa sociedade en que se integra. Por iso poderá promover, organizar e executar programas de acción social en beneficio dos sectores máis desfavorecidos, os valores democráticos de convivencia ou de loita contra a corrupción, así como para a promoción e difusión dos dereitos fundamentais.

2. Sen prexuízo das competencias do Colexio derivadas da lexislación sobre asistencia xurídica en materia de servizos de orientación xurídica, o Colexio poderá organizar e prestar servizos gratuítos, con ou sen financiamento externo, público ou privado, dedicados a asesorar ou, se é o caso, defender a quen non teña acceso a outros servizos de asesoramento ou defensa gratuítos e se atope en situacións de necesidade, desvantaxe ou risco de exclusión social.

Artigo 14. Políticas de calidade dos servizos. Cartas de calidade

1. O Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo fomentará un elevado nivel de calidade dos servizos prestados polos seus colexiados e colexiadas, así como a súa constante mellora.

2. O Colexio poderá pór á disposición dos seus colexiados e colexiadas modelos ou cartas de calidade de servizos. Igualmente, poderá facilitar que os seus colexiados e colexiadas sometan os servizos que prestan á avaliación ou certificación de organismos independentes.

CAPÍTULO II

Dos avogados e avogadas

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 15. Profesionais da avogacía

1. Son profesionais da avogacía aqueles que, estando en posesión do título oficial que habilita para o exercicio da profesión, se incorporasen e permanezan nun colexio da avogacía en calidade de exercentes e se dediquen de forma profesional ao asesoramento xurídico, á solución de disputas e á defensa dos dereitos e intereses alleos, tanto públicos como privados, na vía xudicial, extraxudicial ou arbitral.

2. Corresponde en exclusiva a denominación de avogado e avogada aos que se incorporaron e permanezan nun colexio da avogacía como exercentes.

3. Para o exercicio da profesión é obrigatoria a incorporación ao Colexio do domicilio profesional único ou principal, que habilita para o exercicio en todo o territorio do Estado.

Artigo 16. Dereito de defensa e de asistencia por profesionais da avogacía

1. A intervención libre e independente de avogados e avogadas é garantía de efectividade do dereito fundamental de defensa.

2. O Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo, no ámbito da súa competencia, velará e garantirá a eficacia e o correcto funcionamento do exercicio do dereito de defensa, removendo os obstáculos, incluídos os normativos, que dificulten a intervención libre e independente de avogados e avogadas.

3. O Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo velará por que toda persoa teña acceso á obtención de asesoramento xurídico, á xustiza e á asistencia por un profesional da avogacía para a defensa dos seus dereitos e intereses lexítimos, xa sexa da súa libre elección ou ben de oficio, con ou sen recoñecemento do dereito de asistencia xurídica gratuíta, conforme os requisitos establecidos para o efecto.

Artigo 17. Intrusionismo

O Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo exercerá cantas accións redunden na protección do dereito constitucional de defensa e garantan o cumprimento das normas reguladoras do exercicio da profesión polos profesionais da avogacía.

Sección 2ª. Da colexiación

Artigo 18. Incorporación como profesional da avogacía

A incorporación do profesional ao Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo pode ser:

a) Como residente.

b) Como inscrito.

c) Como non residente, sempre que estivese incorporado como residente no colexio que lle corresponde.

Unicamente se poderá estar incorporado como residente a un só colexio, e a incorporación a outros colexios, distintos do de Vigo, será libre, e deberá acreditar en cada incorporación que figura como profesional da avogacía no colexio da súa residencia.

No caso de que por calquera circunstancia un colexiado causase baixa no colexio de residencia, ou non constar esta, entenderase que lle corresponde a condición de residente no colexio en que estivese colexiado, e se estivese en máis dun, no que figure colexiado con máis antigüidade.

Artigo 19. Outras categorías de colexiación

Tamén poderán incorporarse ao Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo as persoas que, reunindo os requisitos para acceder a un colexio da avogacía, queiran colexiarse na categoría de non exercentes.

Artigo 20. Requisitos para a colexiación

1. A incorporación a este ilustre colexio como profesional da avogacía exixirá os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e ter a nacionalidade española, dalgún Estado membro da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou de terceiros países, sen prexuízo do disposto en tratados ou convenios internacionais e dos requisitos legais que recolla a normativa sobre estranxeiría respecto dos seus dereitos para establecerse e acceder ao exercicio profesional en España.

b) Posuír o título oficial que habilite para o exercicio da profesión da avogacía, salvo as excepcións establecidas en normas con rango de lei.

c) Coñecer a lingua castelá e a lingua galega.

d) Satisfacer a cota de ingreso e as demais que teña establecidas o Colexio.

e) Carecer de antecedentes penais por delitos que leven aparellada a imposición de penas graves ou a inhabilitación para o exercicio da avogacía.

f) Non ser condenado por intrusionismo no exercicio da avogacía no tres anos anteriores mediante resolución firme, salvo que se cancelasen os antecedentes penais derivados desta condena.

g) Non ser sancionado disciplinariamente coa expulsión dun colexio da avogacía ou, en caso de sufrir tal sanción, ser rehabilitado, o que se acreditará por medio dun certificado expedido polo Consello Xeral da Avogacía Española.

h) Non estar incorrendo en causa impeditiva, incompatibilidade ou prohibición para o exercicio da avogacía, o que deberá ser debidamente acreditado polo Consello Xeral da Avogacía Española.

i) Formalizar o alta no réxime de Seguridade Social que corresponda ou, de ser o caso, o ingreso nunha mutualidade de previsión social alternativa ao réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos, de acordo coa lexislación vixente.

2. Para incorporarse como colexiado non exercente deberán cumprirse os requisitos establecidos nas letras a), b), c), d), e), f) e g) do número anterior. Así mesmo, deberá acreditar non estar incorrendo en causa de incapacidade ou prohibición para o exercicio da avogacía na forma prevista na letra h).

Artigo 21. Trámite de incorporación

Para a incorporación a este colexio, deberá formalizarse a correspondente solicitude, e xuntar os documentos xustificativos dos datos exixidos neste estatuto, así como os recollidos no modelo de solicitude confeccionado polo Colexio.

Ademais, deberá cubrir as declaracións e autorizacións necesarias para a súa incorporación, que subscribirá baixo a súa responsabilidade. Designará unha conta bancaria para cobramento das cotas ordinarias ou extraordinarias e os servizos que contrate a través do Colexio, ou devindicados acordados pola Xunta de Goberno, así como os datos relativos ao domicilio profesional no ámbito territorial do Colexio, para os efectos do artigo 7 do EXAE, e unha conta de correo electrónico para notificacións; e, en xeral, canto acorde a Xunta de Goberno en prol da eficacia do labor de administración e funcionamento da corporación.

Artigo 22. Incorporación de profesionais da avogacía procedentes doutros colexios

1. Poderán incorporarse como non residentes ao Colexio os profesionais procedentes de España, acreditando o seu exercicio e pertenza actual e vixente á respectiva corporación de residencia.

2. Deberán tamén xustificar non estar dados de baixa ou suspendidos temporalmente no exercicio da avogacía por outros colexios.

3. Observarase o disposto no Estatuto xeral da avogacía española no relativo ás persoas que exercesen previamente noutro Estado da Unión Europea.

Artigo 23. Admisión

1. As solicitudes de incorporación serán aprobadas, suspendidas ou denegadas pola Xunta de Goberno do Colexio, logo das dilixencias e informes que procedan, mediante resolución motivada contra a que caberán os recursos previstos no Estatuto xeral da avogacía española e neste estatuto.

2. O Colexio non poderá denegar o ingreso na corporación a quen reúna os requisitos establecidos neste estatuto.

A denegación da incorporación como exercente adoptada por un colexio impedirá a incorporación a outro cando se trate dunha causa non emendable ou que non fose debidamente reparada. Para estes efectos, as resolucións denegatorias de incorporación comunicaranse ao Consello Xeral da Avogacía Española para o seu traslado a todos os colexios da avogacía.

Artigo 24. Xuramento ou promesa

1. Antes de iniciar o seu exercicio profesional, os profesionais da avogacía prestarán xuramento ou promesa de acatar a Constitución e o resto do ordenamento xurídico e de cumprir as normas deontolóxicas da profesión, con liberdade e independencia, de boa fe, con lealdade ao cliente, respecto á parte contraria e gardando o segredo profesional.

2. O xuramento ou promesa será prestado solemnemente ante o decano ou decana do Colexio a que o profesional da Avogacía se incorpore como exercente por primeira vez ou ante o membro da Xunta de Goberno en quen delegue, coas formas e protocolo que a propia Xunta estableza. En todo caso, deberase deixar constancia da prestación do xuramento ou promesa no expediente persoal do colexiado ou colexiada.

3. A Xunta poderá autorizar que o xuramento ou promesa se formalice inicialmente por escrito, con compromiso da súa posterior ratificación pública. En todo caso, deberase deixar constancia da prestación do devandito xuramento ou promesa no expediente persoal do colexiado ou colexiada.

Artigo 25. Actuacións de profesionais da avogacía doutros colexios

1. Os profesionais da avogacía pertencentes a outros colexios quedarán suxeitos ás normas e réxime disciplinario desta corporación cando actúen no seu ámbito territorial e terán dereito a utilizar os servizos colexiais directamente relacionados co exercicio da profesión.

2. A liberdade e independencia na actuación profesional quedará baixo a protección deste colexio.

Artigo 26. Carné profesional

O Colexio poderá expedir para o exercicio profesional un carné de identidade profesional, no cal figurarán a fotografía do colexiado ou colexiada, o seu nome e apelidos, o número de DNI, o número de colexiación e a data de incorporación ao Colexio, e irá asinado polo decano ou decana e o secretario ou a secretaria da Xunta de Goberno.

Artigo 27. Perda da condición de colexiado ou colexiada

1. A condición de colexiado ou colexiada perderase:

a) Por falecemento.

b) Por baixa voluntaria.

c) Pola falta de pagamento de doce mensualidades da cota obrigatoria, a cuxo pagamento estivese obrigado.

d) Por condena firme que leve consigo a pena principal ou accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

e) Por sanción de expulsión do Colexio acordada por resolución firme en expediente disciplinario.

2. A perda da condición de colexiado ou colexiada nos casos das letras b) e c) será acordada pola Xunta de Goberno do Colexio e, unha vez firme, será inmediatamente comunicada ao Consello Xeral e, de ser o caso, ao Consello da Avogacía Galega.

3. No caso do parágrafo c) do número primeiro, cabe a rehabilitación dos dereitos pagando o debido e os seus xuros ao tipo legal incrementado en dous puntos, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nos presente estatuto sobre este trámite de rehabilitación.

4. O profesional da avogacía sancionado disciplinariamente coa expulsión dun colexio da avogacía poderá obter a rehabilitación para o exercicio da profesión cando se cumpran os requisitos previstos no Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 28. Rehabilitación

1. Os profesionais da avogacía que sufrisen a sanción disciplinaria de expulsión poderán obter a rehabilitación para o exercicio da profesión cumprindo cos requisitos previstos no Estatuto xeral da avogacía española.

2. A Xunta de Goberno establecerá as actividades formativas que en materia de deontoloxía profesional deberán superar os que soliciten rehabilitación.

3. As resolucións que se adopten en materia de rehabilitación serán sempre motivadas.

Artigo 29. Causas que impiden o exercicio da avogacía

1. Son causas impeditivas do exercicio:

a) A inhabilitación ou suspensión para o exercicio da avogacía en virtude de resolución xudicial firme.

b) As sancións disciplinarias firmes que leven aparellada a suspensión do exercicio profesional ou a expulsión de calquera colexio da avogacía, que terá eficacia en todo o territorio nacional.

2. A incapacidade, por calquera das causas anteriores, suporá o pase automático á condición de non exercente e desaparecerá cando cese a causa que a motivou que, no caso da sanción de expulsión, incluirá a rehabilitación prevista no artigo 13 do Estatuto xeral da avogacía española.

3. No caso de ser obxecto da sanción disciplinaria de expulsión de calquera Colexio da avogacía, a incapacidade non desaparecerá mentres non medie rehabilitación do profesional da Avogacía, nos termos previstos no Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 30. Pase á situación de non exercente

A Xunta de Goberno acordará o pase á situación de non exercente de avogados e avogadas en quen concorra algunha das circunstancias determinantes de incapacidade, incompatibilidade ou perda dos requisitos exixidos para o exercicio profesional, sen prexuízo de que, se houber lugar, resolvan o que proceda en vía disciplinaria e con independencia da situación colexial final en que deba quedar quen resulte incapaz para exercer a avogacía.

Artigo 31. Prohibicións

Os profesionais da avogacía non poderán manter vínculos asociativos de carácter profesional coas persoas afectadas por incompatibilidades do artigo 32, cando así o dispoña a lei.

Artigo 32. Incompatibilidades

O exercicio da avogacía é incompatible:

a) Co desempeño, en calquera concepto, de cargos, funcións ou empregos ao servizo do poder xudicial, das administracións estatal, autonómica ou local e das entidades de dereito público dependentes ou vinculadas a elas, cuxa normativa reguladora así o impoña.

b) Coa actividade de auditoría de contas nos termos legalmente previstos.

c) Con calquera outra actividade que se declare incompatible por norma con rango de lei.

Artigo 33. Concorrencia de causas de incompatibilidade

O profesional da avogacía que incorra nalgunha das causas de incompatibilidade deberá de inmediato cesar no exercicio dunha das dúas actividades incompatibles; no caso de facelo na da avogacía, estará obrigado a formalizar a súa baixa como exercente no prazo máximo de quince días, mediante comunicación dirixida á Xunta de Goberno do seu colexio. Se non o fixese, a Xunta poderá suspendelo preventivamente no exercicio da profesión, pasándoo automaticamente á condición de non exercente e acordando ao tempo incoar o correspondente expediente disciplinario.

Artigo 34. Publicidade

1. A publicidade que realicen os profesionais da avogacía respectará en todo caso a independencia, liberdade, dignidade e integridade como principios esenciais e valores superiores da profesión, así como o segredo profesional.

2. A publicidade non poderá supor:

a) A revelación directa ou indirecta de feitos, datos ou situacións amparados polo segredo profesional.

b) A incitación xenérica ou concreta ao preito ou conflito.

c) A oferta de servizos profesionais, por si mesmo ou mediante terceiros, a vítimas directas ou indirectas de accidentes ou desgrazas, así como de catástrofes, calamidades públicas ou outros sucesos que producisen un número elevado de vítimas, sexan ou non delito, en momentos ou circunstancias que condicionen a elección libre de profesional da avogacía e, en todo caso, até transcorridos 45 días desde o feito, nos mesmos termos que se establecen no artigo 8.2 da Lei 4/2015, do 27 de abril, do Estatuto da vítima do delito.

Esta prohibición quedará sen efecto no caso de que a prestación destes servizos profesionais fose solicitada expresamente pola vítima.

d) A promesa de obter resultados que non dependan exclusivamente da actividade do profesional da avogacía.

e) A referencia a clientes do propio profesional da avogacía sen a súa autorización, salvo o previsto no artigo 54 do Real decreto 135/2021, do 2 de marzo.

f) A utilización de emblemas ou símbolos institucionais ou colexiais e daqueloutros que pola súa similitude puidesen xerar confusión.

g) A mención de actividades realizadas polo profesional da avogacía que sexan incompatibles co exercicio da avogacía.

3. As mencións que á especialización en determinadas materias inclúan os profesionais da avogacía na súa publicidade deberán responder á posesión de títulos académicos ou profesionais específicos sobre as materias de que se trate, á superación de cursos formativos de especialización profesional oficialmente homologados ou a unha práctica profesional que as avale.

4. Os profesionais da avogacía que presten os seus servizos en forma permanente ou ocasional a empresas individuais ou colectivas deberán exixir que se absteñan de efectuar publicidade respecto de tales servizos que non se axuste ao establecido neste estatuto.

Sección 3ª. Formas de exercicio profesional

Artigo 35. Exercicio da avogacía

1. O exercicio da avogacía pode ser individual, en réxime laboral, colectivo ou en réxime de colaboración multiprofesional.

2. A regulación das distintas formas de exercicio profesional da avogacía será a contida no título III do Real decreto 135/2021 do 2 de marzo, polo que se aproba o Estatuto xeral da avogacía española.

TÍTULO II

Dereitos e obrigas dos profesionais da avogacía

CAPÍTULO I

De carácter xeral

Artigo 36. Liberdade e independencia do profesional da avogacía

1. A independencia e liberdade son principios reitores da profesión que deben orientar en todo momento o exercicio profesional da avogacía, calquera que sexa a forma en que exerza a profesión. O avogado ou avogada deberá rexeitar a realización de actuacións que poidan comprometer a súa independencia e liberdade.

2. A relación profesional co cliente debe fundarse na recíproca confianza.

3. En todo caso, deberá cumprir coa máxima dilixencia a misión de asesoramento ou defensa que lle foi encomendada, procurando de modo prioritario a satisfacción dos intereses do seu cliente.

4. Realizará, con plena liberdade e independencia e baixo a súa responsabilidade, as actividades profesionais que lle impoña a defensa do asunto que lle fose encomendado, aténdose ás exixencias técnicas e deontolóxicas adecuadas á tutela xurídica do asunto.

5. O deber de defensa xurídica que ao avogado ou avogada se confía é tamén un dereito polo que, ademais de facer uso de cantos remedios ou recursos establece a normativa vixente, poderá reclamar, tanto das autoridades como do Colexio e dos particulares, todas as medidas de axuda na súa función que lles sexan legalmente debidas.

6. Se entender que non se lle garda o respecto debido á súa misión, liberdade e independencia, poderá facelo presente ao xuíz ou tribunal para que poñan o remedio adecuado.

Artigo 37. Do amparo

1. O Colexio amparará o avogado ou avogada fronte a presións ou perturbacións no exercicio da súa función, asegurando que se guíe exclusivamente por criterios técnicos e profesionais para a mellor defensa do seu cliente e en garantía do seu dereito constitucional de defensa e da realización da xustiza.

2. Nas actuacións profesionais que leve a cabo no ámbito territorial doutro colexio distinto ao de incorporación, estará suxeito ás normas de actuación, deontoloxía e réxime disciplinario daquel, que protexerá a súa liberdade e independencia, conforme o artigo 3.3 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais.

Artigo 38. Segredo profesional

1. De conformidade co establecido polo artigo 542.3 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, os avogados e avogadas deberán gardar segredo de todos os feitos ou noticias que coñezan por razón de calquera das modalidades da súa actuación profesional, e non poderán ser obrigados a declarar sobre eles, sen prexuízo do previsto en cada caso pola Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, polas leis procesuais e demais lexislación aplicable.

2. O deber e dereito de segredo profesional comprende todos os feitos, comunicacións, datos, informacións, documentos e propostas que, como profesional da avogacía, coñecese, emitise ou recibise no seu exercicio profesional.

3. O segredo profesional non ampara actuacións distintas das que son propias do exercicio profesional e, en especial, as comunicacións, escritos e documentos en que interveña con mandato representativo do seu cliente e así o faga constar expresamente.

4. As conversacións mantidas cos seus clientes ou con outros profesionais da avogacía, de presenza ou por calquera medio telefónico ou telemático, só poderán ser gravadas coa advertencia previa e conformidade de todos os intervenientes, e quedan en todo caso amparadas polo segredo profesional. Están igualmente amparadas polo segredo profesional as gravacións de conversacións en que interveña o profesional da avogacía da outra parte, realizadas polo cliente sen coñecemento do seu avogado ou avogada, mesmo se non o era ou non interveu no devandito momento.

5. O avogado ou avogada deberá facer respectar o segredo profesional aos seus colaboradores e asociados, así como ao persoal correspondente e demais persoas que cooperen na súa actividade profesional.

6. O deber de segredo profesional permanece mesmo despois de cesar na prestación dos servizos ao cliente, sen que se atope limitado no tempo.

7. Quedará relevado deste deber sobre aquilo que só afecte ou se refira ao seu cliente, sempre que esteo autorizase expresamente.

Artigo 39. Entrada e rexistro en despachos profesionais

O decano ou decana, quen estatutariamente os substitúa ou quen para tal fin fose designado polo decano ou decana, asistirán, por petición do interesado, á práctica dos rexistros no despacho profesional e a cantas dilixencias de revisión dos documentos, soportes informáticos ou arquivos intervidos naquel se practiquen, velando pola salvagarda do segredo profesional e, especialmente, por que o rexistro, así como o resto das actuacións, ás que tamén asistirán, se limiten exclusivamente á investigación do ilícito por razón do cal foron acordados.

CAPÍTULO II

En relación co Colexio e cos demais colexiados e colexiadas

Artigo 40. Obrigas dos colexiados e colexiadas en relación co Colexio

As obrigas dos colexiados e colexiadas co Colexio son as que impón o Estatuto xeral da avogacía española e demais normas que regulan a profesión.

Son tamén obrigas dos colexiados e das colexiadas:

a) Cumprir as normas deontolóxicas, así como os acordos adoptados polos órganos corporativos.

b) Estar ao día no pagamento das cotas colexiais ordinarias e extraordinarias.

c) Estar ao día no pagamento das cotas de previsión social, sexa cal for o réxime a que estean adscritos.

d) Denunciar ante o Colexio todo acto de intrusionismo ou exercicio ilegal que chegue ao seu coñecemento, xa sexa debido a falta de colexiación, por suspensión ou inhabilitación do denunciado, ou por concorrer en supostos de incompatibilidade ou prohibición.

e) Comunicar ao Colexio o seu domicilio, o do seu despacho profesional principal, o seu enderezo de correo electrónico profesional e os seus eventuais cambios.

f) Manter despacho profesional aberto, propio, alleo ou de empresa, no territorio do Colexio a que estea incorporado como exercente, nos termos do artigo 7.1 do Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 41. Dereitos dos colexiados e colexiadas en relación co Colexio

Son dereitos dos colexiados e das colexiadas os seguintes:

a) Participar na xestión corporativa e exercer os dereitos de petición, voto e acceso aos cargos directivos, na forma que establezan as normas legais ou estatutarias.

b) Solicitar do Colexio o amparo da súa dignidade, independencia e lícita liberdade de actuación profesional, así como do seu dereito a conciliar a vida familiar coa actuación profesional.

c) Ser informados os acordos adoptados polos órganos colexiais que os afecten. En todo caso, os estatutos particulares do Colexio, as normas aprobadas polos seus órganos e os acordos de interese xeral deberán figurar, debidamente actualizados, na páxina web do Colexio e nas dependencias colexiais á disposición de quen o solicite.

d) Os demais dereitos que lle confira o Estatuto xeral da avogacía española, e demais normas legais e estatutarias.

Artigo 42. Deberes para con outros profesionais da avogacía

1. Os avogados e as avogadas deben manter recíproca lealdade e respecto mutuo.

2. Nas súas relacións deben:

a) Comunicar ao Colexio a intención de interpor, en nome propio ou do cliente, unha acción de responsabilidade civil ou penal contra outro profesional da avogacía, derivada do exercicio profesional.

b) Manter o máis absoluto respecto polo avogado ou avogada da parte contraria, evitando toda alusión persoal nos escritos xudiciais, informes orais e calquera comunicación oral ou escrita.

c) Non atribuírse facultades distintas das conferidas polo cliente.

d) Comunicar o cesamento ou interrupción das negociacións extraxudiciais antes de presentar reclamación xudicial ou, de ser o caso, de solicitar a execución dunha resolución.

e) Absterse de pedir a declaración testifical do avogado ou avogada da parte contraria ou doutros profesionais da avogacía que tivesen algunha implicación profesional no asunto.

Artigo 43. Confidencialidade das comunicacións entre profesionais da avogacía

Non se poderán achegar aos tribunais, nin facilitar ao cliente, as cartas, documentos e notas intercambiadas na comunicación entre profesionais, salvo que o autoricen expresamente.

Artigo 44. Substitución do profesional da avogacía

1. Quen reciba o encargo de dirixir un asunto no cal intervén outro compañeiro ou compañeira deberá comunicarllo nalgunha forma que permita a constancia da recepción, acreditando recibir o encargo; o ou a profesional substituída deberá xustificar, o máis axiña posible, que recibiu a comunicación, pondo á súa disposición a documentación relativa ao asunto que conste no seu poder e proporcionándolle os datos e informacións que sexan necesarios.

2. Ambos os profesionais quedan obrigados a respectar e preservar o segredo profesional sobre a documentación recibida, con especial atención á confidencialidade das comunicacións entre eles.

3. Se a substitución entre profesionais ten lugar no marco dun expediente xudicial electrónico, observarase o establecido no artigo 17 da Lei 18/2011, do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de xustiza, e as súas disposicións de desenvolvemento.

4. Deberase informar o cliente, de ser o caso, do dereito do profesional que o precedeu na dirección do asunto a cobrar os seus honorarios e da obrigación daquel de aboalos, sen prexuízo dunha eventual discrepancia.

CAPÍTULO III

En relación coa Administración de xustiza

Artigo 45. Cooperación coa Administración de xustiza

1. Na súa condición de garante da efectividade do dereito constitucional de defensa e de colaborador coa Administración de xustiza, o profesional da avogacía está obrigado a participar e cooperar con ela asesorando, conciliando e defendendo en dereito os intereses que lle sexan confiados.

2. Na súa intervención ante os órganos xurisdicionais deberá aterse na súa conduta á boa fe, prudencia e lealdade. A forma da súa intervención deberá gardar o debido respecto aos devanditos órganos e ao resto de profesionais da avogacía intervenientes.

Artigo 46. Normas de actuación

1. Os profesionais da avogacía terán dereito a intervir ante os xulgados e tribunais de calquera xurisdición sentados no estrado, preferentemente, ao mesmo nivel en que se atope instalado o órgano xurisdicional ante o que actúen e vestindo toga, adecuando a súa indumentaria á dignidade da súa función.

En todo caso atenderase ás indicacións que, no exercicio da policía de estrados, poida adoptar o órgano xudicial.

2. Poderán ser auxiliados ou substituídos en calquera dilixencia xudicial por un ou varios compañeiros en exercicio; poden intervir dous ou máis profesionais da avogacía nas vistas, sempre que esa intervención conxunta presente xustificación suficiente a criterio do órgano xudicial. Para a substitución bastará a declaración do profesional da avogacía substituto baixo a súa propia responsabilidade.

3. Os profesionais da avogacía que se atopen procesados ou imputados e se defendan a si mesmos ou colaboren co seu defensor usarán toga e, neste caso, ocuparán o sitio dos profesionais da avogacía.

4. O Colexio velará por que nas sedes de xulgados e tribunais se sitúen dependencias dignas e suficientes para a súa utilización polos profesionais da avogacía no desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 47. Atrasos nas actuacións xudiciais

1. Os profesionais da avogacía esperarán un tempo prudencial sobre a hora sinalada polos órganos xudiciais para as actuacións en que deban intervir; transcorrido este sen causa xustificada, formularán a pertinente queixa ante o mesmo órgano.

Así mesmo, deberán denunciar o atraso ante a Xunta de Goberno do Colexio para que poida adoptar as actuacións pertinentes.

2. O Colexio establecerá protocolos de actuación para que, ante a reiteración de atrasos inxustificados, se presente a correspondente denuncia ante o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Artigo 48. Protección da liberdade e independencia no exercicio da avogacía

1. Na súa actuación ante os xulgados e tribunais os profesionais da avogacía son libres e independentes, gozarán dos dereitos inherentes á dignidade da súa función e poderán solicitar seren amparados na súa liberdade de expresión e defensa, nos termos previstos nas normas aplicables.

2. Se se considerase que a autoridade, xuíz ou tribunal coarta a independencia e liberdade necesarias para cumprir os seus deberes profesionais, ou que non garda a consideración debida á súa función, poderá facelo constar así ante o propio xulgado ou tribunal e dar conta á Xunta de Goberno. A Xunta, se considera fundada a queixa, adoptará medidas activas para amparar a liberdade, independencia e dignidade profesionais.

3. O Colexio notificará os amparos concedidos ás autoridades, xuíces ou tribunais que coartasen a liberdade ou independencia dos profesionais da avogacía e denunciará tales condutas, cando cumpra, ante o Consello Xeral do Poder Xudicial e as institucións pertinentes. Así mesmo, o Colexio promoverá fórmulas para ser oído ante a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nos expedientes gobernativos seguidos contra calquera profesional da avogacía e os seus recursos.

CAPÍTULO IV

En relación cos clientes

Artigo 49. Deberes xerais

Son obrigacións con respecto á parte sobre a que se exerce a defensa, ademais das que derivan da súa relación contractual, o cumprimento do encargo encomendado con máximo celo e dilixencia gardando o segredo profesional.

Artigo 50. Independencia e liberdade do profesional da avogacía

1. A independencia e liberdade son principios reitores da profesión que deben orientar en todo momento a actuación do profesional da avogacía, calquera que sexa a forma en que exerza a profesión. O profesional da avogacía deberá rexeitar a realización de actuacións que poidan comprometer a súa independencia e liberdade.

2. A relación do profesional da avogacía co cliente debe fundarse na recíproca confianza.

3. En todo caso, deberá cumprir coa máxima dilixencia a misión de asesoramento ou defensa que lle fose encomendada, procurando de modo prioritario a satisfacción dos intereses do seu cliente.

4. O profesional da avogacía realizará, con plena liberdade e independencia e baixo a súa responsabilidade, as actividades profesionais que lle impoña a defensa do asunto que lle fose encomendado, aténdose ás exixencias técnicas e deontolóxicas adecuadas á tutela xurídica do asunto.

Artigo 51. Deberes de información e identificación

1. O profesional da avogacía debe identificarse ante a persoa a que asesore e defenda, mesmo cando o faga por conta dunha terceira persoa, co fin de asumir as responsabilidades civís, penais e deontolóxicas que, de ser o caso, lle correspondan, facilitando ao cliente o seu nome, número de identificación fiscal, colexio a que pertence e número de colexiado ou colexiada, domicilio profesional e medio para poñerse en comunicación con el ou co seu despacho, incluída a vía electrónica.

2. Cando se trate dunha sociedade profesional ou despacho colectivo, deberá informar o cliente da súa denominación, forma, datos de rexistro, réxime xurídico, código de identificación fiscal, enderezo ou sede desde a que se presten os servizos e medios de contacto, incluíndo a vía electrónica.

3. Cando os servizos requiridos exixan a participación de diferentes profesionais da avogacía dunha mesma sociedade ou organización, o cliente terá dereito a coñecer a identidade de todos eles, o colexio a que pertencen e, se se trata de sociedades profesionais, se son ou non socios, así como o profesional da avogacía que asuma a dirección do asunto.

4. O profesional da avogacía ten a obrigación de informar o seu cliente sobre a viabilidade do asunto que se lle confía, procurará disuadilo de promover conflitos ou exercitar accións xudiciais sen fundamento e aconsellarao, de ser o caso, sobre as vías alternativas para a mellor satisfacción dos seus intereses.

5. Así mesmo, informarao sobre os honorarios e custos da súa actuación, mediante a presentación da folla de encarga ou medio equivalente. Tamén lle fará saber as consecuencias que pode ter unha condena en custas e a súa contía aproximada.

6. O profesional da avogacía deberá informar o seu cliente acerca do estado do asunto en que estea a intervir e sobre as incidencias e resolucións relevantes que se produzan. Nos procedementos administrativos e xudiciais, se o cliente o require, proporcionaralle copia dos diferentes escritos que se presenten ou reciban, das resolucións xudiciais ou administrativas que lle sexan notificadas e das gravacións de actuacións que se produzan.

7. O profesional da avogacía só poderá emitir informes que conteñan valoracións profesionais sobre o resultado probable dun asunto, litixio ou unha estimación das súas posibles consecuencias económicas, se a petición procede do cliente afectado quen, en todo caso, deberá ser o exclusivo destinatario, agás que o cliente de maneira expresa o autorice a dalo a coñecer a un terceiro.

8. Así mesmo, o profesional da avogacía ten dereito a solicitar do cliente, mantendo a confidencialidade necesaria, canta información e documentación resulte relevante para o correcto exercicio da súa función. En ningún caso o profesional da avogacía poderá reter documentación do cliente, sen prexuízo de que poida conservar copia.

Artigo 52. Información complementaria

1. Se o cliente o solicita, o profesional da avogacía poñerá ao seu dispor a seguinte información complementaria:

a) Referencia ás normas de acceso á profesión de profesional da avogacía en España, así como os medios necesarios para acceder ao seu contido.

b) Referencia das súas actividades multidisciplinares.

c) Posibles conflitos de intereses e medidas adoptadas para evitalos.

d) Códigos deontolóxicos ou de conduta a que se atope sometido, así como o enderezo en que estes códigos poden ser consultados.

2. A citada información poñerase á disposición do cliente nalgunha das formas seguintes:

a) No lugar de prestación do servizo ou de celebración do contrato.

b) Por vía electrónica.

c) En calquera tipo de documento informativo que se facilite ao cliente, presentándolle os servizos de forma detallada.

3. A información recollida nas letras b) e c) do número primeiro deste artigo deberá figurar sempre en todo documento informativo en que o profesional da avogacía presente detalladamente os seus servizos.

Artigo 53. Aceptación e renuncia de encargos profesionais

1. O profesional da avogacía terá plena liberdade para aceptar ou rexeitar a dirección de calquera asunto que lle sexa encomendado.

2. O profesional da avogacía poderá cesar na súa intervención profesional cando xurdan discrepancias co seu cliente e deberá facelo cando concorran circunstancias que afecten a súa independencia e liberdade na defensa ou o deber de segredo profesional.

3. O profesional da avogacía poderá renunciar á defensa procesual que lle fose confiada en calquera fase do procedemento, sempre que non se cause indefensión ao cliente, e está obrigado a despachar os trámites procesuais urxentes.

O profesional da avogacía comunicará a súa renuncia por escrito dirixido ao cliente e, de ser o caso, ao órgano xudicial ou administrativo ante o que houbese comparecido e deberá proporcionar ao compañeiro que se faga cargo do asunto e que llo requira todos os datos e informacións que sexan necesarios para a adecuada defensa do cliente.

4. A asistencia xurídica gratuíta e a quenda de oficio rexeranse pola súa propia normativa específica.

Artigo 54. Conflito de intereses

1. O profesional da avogacía está obrigado a non defender intereses en conflito con aqueles cuxo asesoramento ou defensa lle fose encomendada ou cos seus propios e, en especial, a non defraudar a confianza do seu cliente.

2. O profesional da avogacía non poderá intervir por conta de dous ou máis clientes nun mesmo asunto se existe conflito ou risco significativo de conflito entre os intereses deses clientes, agás autorización expresa e por escrito de todos eles, previa e debidamente informados para o efecto e sempre que se trate dun asunto ou encargo de natureza non litixiosa. Así mesmo, o profesional da avogacía poderá intervir en interese de todas as partes en funcións de mediador e na preparación e redacción de documentos de natureza contractual, debendo manter nestes casos unha estrita neutralidade.

3. Cando xurda un conflito de intereses entre dous clientes, o profesional da avogacía deberá deixar de actuar para ambos, agás autorización expresa por escrito dos dous para intervir en defensa dun deles.

4. O profesional da Avogacía deberá absterse de actuar para un novo cliente cando exista risco de vulneración do segredo profesional respecto a informacións subministradas por un antigo cliente ou se o coñecemento que o profesional da avogacía posúe por razón doutros asuntos do antigo cliente puidese favorecer indebidamente o novo cliente en prexuízo do antigo.

5. Cando varios profesionais da avogacía exerzan de forma colectiva ou formen parte ou colaboren nun mesmo despacho, calquera que sexa a forma asociativa utilizada, as regras establecidas neste artigo serán aplicables ao grupo no seu conxunto e a todos e cada un dos seus membros.

Artigo 55. Obrigas en materia de reclamacións

1. Os profesionais da avogacía porán ao dispor dos seus clientes un número de teléfono, un número de fax, un enderezo de correo electrónico ou un enderezo postal para que estes poidan dirixir as súas reclamacións ou peticións de información sobre o servizo prestado.

2. Os profesionais da avogacía deberán dar resposta ás reclamacións que se presenten no prazo máis breve posible e, en todo caso, antes dun mes contado desde que se recibiron.

Artigo 56. Relación do profesional da avogacía coa parte contraria

1. Cando lle conste que conta con asistencia letrada, o profesional da avogacía non poderá entrar en contacto directo coa parte contraria e só se poderá relacionar con ela a través do seu profesional da avogacía, agás que este o autorice expresamente.

2. Se a parte contraria non estivese asistida por un profesional da avogacía, o interveniente deberá evitar toda clase de abuso e absterse de calquera acto que determine unha lesión inxusta. En todo caso, recomendaralle que designe profesional da avogacía.

CAPÍTULO V

Dos honorarios profesionais

Artigo 57. Honorarios

1. O profesional da avogacía ten dereito a unha contraprestación polos seus servizos, así como ao reintegro dos gastos ocasionados.

2. A contía dos honorarios será libremente convida entre o cliente e o profesional da avogacía con respecto ás normas deontolóxicas e sobre defensa da competencia e competencia desleal.

Artigo 58. Encargo profesional

1. Antes de iniciar a súa actuación profesional, o profesional da avogacía proporcionará ao seu cliente a información a que se refire o artigo 48 do Estatuto xeral da avogacía, preferentemente mediante a utilización de follas de encarga.

2. O Colexio establecerá modelos de follas de encarga para promover e facilitar o seu uso.

Artigo 59. Obriga de emisión de factura

O profesional da avogacía ou a sociedade profesional deberán entregar factura ao cliente. Esta factura terá que cumprir todos os requisitos legais e deberá expresar detalladamente os diferentes conceptos dos honorarios e a relación de gastos. Na medida do posible, fomentarase a utilización da factura electrónica.

Artigo 60. Criterios orientadores para os efectos de taxación de custas e xura de contas

1. O Colexio poderá elaborar criterios orientadores de honorarios para os exclusivos efectos da taxación de custas e de xura de contas dos profesionais da Avogacía, así como informar e ditaminar sobre honorarios profesionais, e mesmo emitir informes periciais, nos termos do artigo 5.o) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais. Os citados criterios serán igualmente válidos para o cálculo de honorarios que correspondan para os efectos de taxación de custas en asistencia xurídica gratuíta.

2. A Xunta de Goberno poderá adoptar medidas disciplinarias contra os profesionais da avogacía que, habitual e temerariamente, impugnen as minutas dos seus compañeiros, así como contra aqueles cuxos honorarios sexan declarados reiteradamente excesivos ou indebidos.

Artigo 61. Dereitos colexiais pola emisión de informes e ditames en impugnacións de custas

O Colexio poderá exixir dereitos pola emisión de informes ou ditames en impugnación de custas por petición xudicial.

A contía dos dereitos colexiais pola emisión dos informes será fixada mediante acordo da Xunta de Goberno. Estes dereitos terán a condición de recursos ordinarios do Colexio e a falta de pagamento dará lugar ao inicio de expediente disciplinario.

CAPÍTULO VI

Asistencia xurídica gratuíta e de oficio

Artigo 62. Ámbito

De conformidade co previsto no artigo 22 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, os colexios da avogacía implantarán servizos de asesoramento aos peticionarios de asistencia xurídica gratuíta, coa finalidade de orientar e canalizar as súas pretensións. Este asesoramento terá, en todo caso, carácter gratuíto para os solicitantes.

Corresponde aos profesionais da avogacía prestar os servizos obrigatorios de asistencia letrada e de defensa gratuítas, nos termos e nos supostos previstos nas leis.

Tamén corresponde aos profesionais da avogacía o asesoramento e defensa de quen desexe exercer os seus dereitos ante calquera xurisdición ou Administración e non conten con profesional da avogacía que o defenda ou asesore, coa obrigación de aboar os seus honorarios.

Artigo 63. Organización e control

1. Os profesionais da avogacía desempeñarán as funcións a que se refire este capítulo coa liberdade, independencia e dilixencia profesionais que lles son propias e conforme as normas deontolóxicas que rexen a profesión e a normativa reguladora da asistencia xurídica gratuíta.

2. O desenvolvemento das devanditas funcións será organizado polo Consello Xeral da Avogacía Española, o Consello da Avogacía Galega e o Colexio; último procederá á designación do profesional da Avogacía que deba asumir cada asunto, ao control do seu desempeño, ao establecemento das normas e requisitos a que deba aterse a prestación dos servizos correspondentes e á exixencia das responsabilidades que procedan, todo iso conforme a lexislación vixente. Os profesionais da avogacía desenvolverán as refer das funcións no ámbito territorial de adscrición que corresponda en cada caso, de conformidade coas previsións contidas nas normas reguladoras da asistencia xurídica gratuíta.

3. Corresponde ao Consello Xeral da Avogacía Española resolver sobre cal é o colexio da avogacía competente para tramitar as solicitudes de asistencia xurídica gratuíta en caso de conflito entre colexios pertencentes a distintas comunidades autónomas ou cando os colexios en conflito pertenzan a unha mesma comunidade autónoma, sempre que non exista consello autonómico e que a normativa autonómica non dispoña outra cousa.

4. Corresponde así mesmo ao Consello Xeral da Avogacía Española resolver, en caso de conflito, cal é o colexio da avogacía competente para tramitar as solicitudes de asistencia xurídica gratuíta nos litixios transfronteirizos da Unión Europea.

5. Corresponde ao Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo tramitar as solicitudes de asistencia xurídica gratuíta para litigar noutro Estado membro da Unión Europea cando o solicitante teña o seu domicilio ou residencia habitual no ámbito territorial do Colexio.

6. A asistencia e defensa de quen ten dereito á asistencia xurídica gratuíta é unha obrigación de todos os profesionais da avogacía. Con todo, o Colexio poderá organizar o servizo con voluntarios, sempre que se conte cun número suficiente de profesionais.

Artigo 64. Formación continuada e especializada

Os profesionais da avogacía teñen o dereito e o deber de seguir unha formación continuada que os capacite permanentemente para o exercicio da súa actividade profesional, e a acceder a unha especialización profesional mediante a acreditación de formación específica.

O Colexio organizará actividades formativas de actualización profesional e expedirá certificacións acreditativas de asistencia e aproveitamento.

Nos casos en que a normativa vixente exixa determinada especialización para realizar actividades concretas ou acceder a cargos, grupos, quendas ou servizos, a especialización regulada neste artigo habilitará o profesional da avogacía para iso.

TÍTULO III

Dos órganos de goberno do Colexio

CAPÍTULO I

Órganos de goberno

Artigo 65. Principios xerais

O goberno do Colexio rexerase polos principios de democracia, autonomía, transparencia e igualdade. Son os seus órganos de goberno o decano ou decana, a Xunta de Goberno e a Xunta Xeral.

CAPÍTULO II

Da Xunta de Goberno

Sección 1ª. Composición, atribucións, funcionamento e requisitos

Artigo 66. Composición

A Xunta de Goberno do Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo é o órgano de dirección, xestión e administración do colexio. Está composto de:

– Decano ou decana.

– Vicedecano ou vicedecana.

– Seis deputados ou deputadas.

– Tesoureiro ou tesoureira.

– Bibliotecario ou bibliotecaria.

– Secretario ou secretaria.

Artigo 67. Atribucións da Xunta de Goberno

Son atribucións da Xunta de Goberno:

a) Resolver sobre a admisión de quen solicite incorporarse ao Colexio; pode exercer esta facultade o decano ou decana, en caso de urxencia, que deberá ser ratificada pola Xunta de Goberno.

b) Convocar xuntas xerais ordinarias ou extraordinarias, sinalando a orde do día para cada unha.

c) Convocar eleccións para prover os cargos de decano ou decana e da Xunta de Goberno, dispoñendo o necesario para a súa elección, conforme as normas legais e estatutarias.

d) Exercer as accións e actuacións oportunas para impedir e perseguir o intrusionismo, así como o exercicio da profesión, por quen, colexiado ou non, a exercese en forma e baixo condicións contrarias ás legalmente establecidas, sen excluír as persoas, naturais ou xurídicas, que faciliten o exercicio profesional irregular.

e) Regular, nos termos legalmente establecidos, o funcionamento e as designacións para prestar os servizos de asistencia xurídica gratuíta e quenda de oficio.

f) Determinar as cotas de incorporación, que non poderán superar, en ningún caso, os custos asociados á tramitación da inscrición, as cotas ordinarias e os dereitos que deban satisfacer para o sostemento das cargas e servizos prestados polo Colexio.

g) Propoñer á Xunta Xeral a imposición de cotas extraordinarias.

h) Redactar os orzamentos, render as contas anuais e administrar os fondos colexiais, así como recadar e distribuír os fondos do Colexio, as cotas establecidas para o sostemento das cargas do Colexio, do Consello Xeral da Avogacía Española e do Consello da Avogacía Galega, propoñer á Xunta Xeral o investimento ou disposición do patrimonio colexial, incluídos os inmobles, así como os demais recursos económicos previstos no Estatuto xeral e no presente estatuto.

i) Exercer a potestade disciplinaria.

j) Propoñer á aprobación da Xunta Xeral os regulamentos de orde interior que considere convenientes.

k) Exercer os dereitos e accións que correspondan ao Colexio contra quen entorpeza o bo funcionamento da Administración de xustiza ou a liberdade e independencia do exercicio da profesión.

l) Velar por que os seus colexiados e colexiadas observen boa conduta con relación cos tribunais, cos compañeiros e compañeiras e cos seus clientes e que, no desempeño da súa función, despreguen a necesaria dilixencia e competencia profesional.

m) Someter a referendo asuntos concretos de interese colexial, por sufraxio secreto e na forma que a propia Xunta estableza.

n) Velar por que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio que corresponden ao avogado e avogada, así como propiciar a harmonía e colaboración entre colexiados e colexiadas, impedindo a competencia desleal.

ñ) Informar os colexiados e colexiadas de cantas cuestións coñeza que os poidan afectar, xa sexan de índole corporativa, colexial ou profesional.

o) Defender a colexiados e colexiadas no desempeño das funcións da profesión, ou con ocasión delas, cando o considere procedente e xusto.

p) Promover accións ante as administracións públicas e autoridades cando se considere beneficioso para o interese común e para a recta e pronta administración de xustiza.

q) Emitir ditames, resolver consultas e pronunciar laudos, así como crear e manter tribunais de arbitraxe.

r) Adoptar os acordos para a contratación dos empregados necesarios para a boa marcha da corporación.

s) Dirixir, coordinar, programar e controlar a actividade dos departamentos e servizos colexiais.

t) Designar árbitros, contadores e peritos, cando tal designación lle sexa solicitada, establecendo os requisitos de formación e antigüidade.

u) Informar de palabra ou por escrito, en nome do Colexio, en cantos proxectos ou iniciativas das Cortes Xerais, do Goberno central ou autonómico ou outros organismos o requiran.

v) Establecer, crear ou aprobar as delegacións, agrupacións, comisións e seccións de colexiados e colexiadas que poidan solicitar aos fins da corporación, regulando o seu funcionamento e fixando as facultades que, de ser o caso, lles deleguen, que deberán ser presididas polo decano ou decana ou membro da Xunta en quen delegue.

Artigo 68. Funcionamento da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase ordinariamente, polo menos unha vez ao mes, salvo durante o mes de agosto, sen prexuízo de facelo con maior frecuencia cando así o requiran os asuntos que tratar ou por petición de tres dos seus membros.

2. A convocatoria para as reunións faraa a Secretaría, logo de mandato do decano ou decana, con polo menos 24 horas de antelación á súa celebración. A convocatoria será escrita e incluirá a orde do día.

Para que poidan adoptarse acordos sobre materias non incluídas na orde do día deberá apreciar previamente a súa urxencia a propia Xunta.

3. Cando sexan razóns de máxima urxencia as que motiven a celebración da xunta, prescindirase da orde do día e do requisito temporal antes establecido, bastando que, por calquera medio, se poña en coñecemento dos membros da xunta o motivo da convocatoria e o lugar e hora de celebración.

4. A xunta será presidida polo decano ou decana, ou por quen estatutariamente o substitúa, quen dirixirá os debates, dando quenda de palabra e coidando de que as intervencións sexan concisas e axustadas ao asunto que se vai tratar.

5. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes; quen presida terá o voto de calidade, agás que unha norma de rango superior estableza unha maioría cualificada.

6. A documentación relativa aos asuntos que tratar deberá estar ao dispor dos membros da Xunta con polo menos vinte e catro horas de antelación á celebración da sesión.

7. Os membros da Xunta de Goberno que teñan interese directo ou indirecto nun asunto incluído na orde do día ausentaranse da sesión durante a súa discusión e votación. De tal feito deixarase constancia na acta.

8. A asistencia á Xunta de Goberno é obrigatoria para todos os seus compoñentes e a ausencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas nun período dun ano implica a perda da condición de membro, logo de acordo en tal sentido adoptado pola Xunta de Goberno. Unha vez notificado o acordo, poderanse convocar eleccións para prover a vacante ou vacantes producidas.

9. A Xunta de Goberno poderá acordar a delegación da sinatura do secretario ou secretaria, en cuestións non substanciais, ben noutro membro da Xunta ou persoal do Colexio.

10. Das sesións e deliberacións elaborarase unha acta que asinarán o titular da Secretaría e quen presidise a reunión.

11. Os acordos recollidos nas actas serán inmediatamente executivos, agás que o propio acordo estableza outra cousa.

Artigo 69. Do decano ou decana

En todo caso, corresponderá ao decano ou decana a representación legal do Colexio en todas as súas relacións, incluídas as que manteña cos poderes públicos, entidades, corporacións e personalidades de calquera orde; as funcións de consello, vixilancia e corrección que os estatutos reserven á súa autoridade, a presidencia de todos os órganos colexiais, así como a cantas comisións e comités especiais asista, dirixindo debates e votacións, con voto de calidade en caso de empate; a expedición das ordes de pagamento e libramentos para atender os gastos e investimentos colexiais e a proposta dos avogados e avogadas que deban formar parte de tribunais de oposicións ou concursos, fóra daquelas propostas que por disposición legal corresponda realizar ao Consello Xeral da Avogacía Española.

Artigo 70. Do vicedecano ou vicedecana

Quen exerza o cargo a que corresponda o número un dos deputados ou deputadas terá a consideración de vicedecano ou vicedecana, e desempeñará as funcións que lle confira o decano ou a decana, e asumiraas nos supostos de falecemento, ausencia, enfermidade, abstención, recusación ou vacante. No caso de que o afecte algunha das mencionadas circunstancias será substituído polo deputado ou a deputada que o siga en numeración.

Artigo 71. Dos deputados e deputadas

1. Os deputados e as deputadas actuarán como vogais das xuntas de goberno e desenvolverán, ademais das funcións previstas nos estatutos, as que especialmente lles sexan encomendadas por aquela.

2. Os deputados e as deputadas enumeraranse a fin de substituír por orde de categoría o decano ou decana, nos casos previstos no artigo anterior, na falta do vicedecano ou vicedecana.

3. As substitucións de decano ou decana, vicedecano ou vicedecana, secretario ou secretaria, tesoureiro ou tesoureira, bibliotecario-contador ou bibliotecaria-contadora corresponderán ao deputado ou deputada que designe a Xunta de Goberno. En caso de urxencia, decidirá o decano ou decana.

Artigo 72. Funcións do tesoureiro ou tesoureira

1. Corresponderá ao tesoureiro ou tesoureira materializar a recadación e custodiar os fondos do Colexio.

2. Pagar os libramentos que expida o decano ou decana.

3. Redactar os orzamentos anuais que a Xunta de Goberno deba presentar para a aprobación da Xunta Xeral.

4. Ingresar e retirar fondos das contas bancarias conxuntamente co decano ou decana.

5. Levar inventario minucioso dos bens do Colexio, dos que será administrador.

6. Controlar a contabilidade e verificar a caixa.

7. Cobrar os xuros e rendas do capital do Colexio.

Artigo 73. Do bibliotecario-contador ou da bibliotecaria-contadora

Funcións:

1. Coidar a biblioteca.

2. Formar e xestionar catálogos de obras.

3. Propoñer a adquisición das que considere procedentes para os fins corporativos.

4. Intervir as operacións de tesouraría.

Artigo 74. Do secretario ou secretaria

Funcións:

1. Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do Colexio segundo as instrucións do decano ou decana coa antelación debida.

2. Redactar as actas das xuntas xerais e das xuntas de goberno.

3. Levar os libros necesarios para o mellor e máis ordenado servizo. Deberá existir obrigatoriamente aquel en que se anoten as correccións que se impoñan aos colexiados e colexiadas, así como o libro rexistro de títulos.

4. Recibir e dar conta ao decano ou decana de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao Colexio.

5. Expedir, co visto e prace do decano ou decana, as certificacións que soliciten os interesados ou interesadas.

6. Organizar e dirixir as oficinas e exercer a xefatura de persoal.

7. Levar un rexistro en que, por orde alfabética dos apelidos dos colexiados e colexiadas, se consigne o seu historial no Colexio.

8. Revisar cada ano as listas dos avogados e as avogadas do Colexio expresando a súa antigüidade e domicilio.

Artigo 75. Prohibicións para ser membro da Xunta de Goberno

Non poderán formar parte da Xunta de Goberno os que estean incursos nalgunha das seguintes situacións:

a) Ter sido condenados por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos.

b) Ter sido disciplinariamente sancionados en calquera colexio da avogacía sen atoparse rehabilitado.

c) Ser membro de órganos reitores doutro colexio profesional.

d) Non atoparse ao día no pagamento das cotas corporativas.

Artigo 76. Agrupacións, comisións e seccións no seo do colexio

1. Corresponde á Xunta de Goberno aprobar a constitución, suspensión ou disolución das agrupacións da avogacía nova ou calquera outra que poida constituírse no seo do Colexio, así como os seus estatutos e modificacións.

2. As agrupacións profesionais da avogacía que estean constituídas ou se constitúan no Colexio actuarán subordinadas á Xunta de Goberno.

3. A Xunta de Goberno, para unha maior eficacia no desenvolvemento das súas funcións, estará asistida polas comisións que se creen mediante acordo de forma permanente ou temporal cando se considere necesario ou oportuno, e poderá delegar nelas as competencias oportunas.

4. A Xunta de Goberno, por propia iniciativa ou a petición dun número de colexiados e colexiadas que supoña o 20 % do censo, poderá crear cantas seccións teña por conveniente, co obxecto de posibilitar o contacto entre profesionais da avogacía con dedicación preferente a materias concretas e o recíproco intercambio de información técnico-xurídica sobre a especialidade de que se trate.

5. As actuacións e comunicacións das agrupacións, comisións e seccións existentes no seo do Colexio, destinadas a transcender fóra do ámbito colexial, serán consultadas previamente coa Xunta de Goberno e deberán de ser identificadas como de tal procedencia, sen atribuírse á corporación.

Sección 2ª. Requisitos, duración do mandato e procedemento electoral

Artigo 77. Condicións e antigüidade para os cargos

1. O decano ou decana e os demais cargos da Xunta de Goberno serán elixidos en votación directa e secreta, entre os colexiados e colexiadas exercentes e residentes na demarcación do Colexio, que posúan a condición de elector.

2. Serán elixibles como decano ou membros da Xunta de Goberno os colexiados e colexiadas exercentes e residentes no seu respectivo ámbito territorial, sempre que non estean incursos nalgunha das seguintes situacións:

a) Ter sido condenados por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos ou o exercicio da profesión, mentres subsistan.

b) Ter sido sancionados disciplinariamente por resolución administrativa firme, mentres non fosen rehabilitados.

c) Ser membros dos órganos reitores doutro colexio profesional.

d) Non atoparse ao día no pagamento das cotas corporativas.

3. Para ser decano ou decana do Colexio, será necesario acreditar unha antigüidade mínima de exercicio profesional de 10 anos.

Para os demais cargos, exixiranse as seguintes antigüidades mínimas de exercicio profesional:

– Para deputados ou deputadas 1º, 2º e 3º, dez anos.

– Para secretario ou secretaria, cinco anos.

– Para os restantes membros da Xunta, dous anos.

Artigo 78. Duración do mandato

O mandato dos membros da Xunta de Goberno será de cinco anos e poderán ser obxecto de reelección.

Os que foren elixidos para substituír aqueles que non esgotasen o termo do seu mandato ocuparán o cargo polo tempo estatutario que lles faltase aos substituídos. Con todo, a Xunta, por razóns de oportunidade, poderá demorar a convocatoria para prover algún cargo vacante, facéndoa coincidir coa renovación correspondente ao devandito cargo.

Artigo 79. Tempo das eleccións

1. As eleccións para cubrir os cargos vacantes da Xunta de Goberno terán lugar dentro do derradeiro trimestre do ano en que remate o seu mandato.

2. As eleccións poderán convocarse dentro da orde do día da segunda xunta xeral ordinaria ou como acto separado dela.

Artigo 80. Proceso electoral

1. Serán electores todos os colexiados e colexiadas incorporados con máis de tres meses de antelación á data da convocatoria das eleccións.

2. O voto dos colexiados e colexiadas exercentes terá dobre valor que o dos non exercentes.

3. Os colexiados e colexiadas que quixesen formular reclamación contra as listas de electores deberán verificala dentro do prazo dos cinco días hábiles seguintes ao da súa exposición no taboleiro de anuncios.

4. A Xunta de Goberno resolverá sobre elas dentro dos tres días hábiles seguintes á finalización do prazo para formulalas, e notificarase a súa resolución a cada reclamante dentro dos dous días naturais seguintes.

Artigo 81. Convocatoria

Na convocatoria deberán constar os seguintes datos:

a) Cargos que deben ser obxecto de elección e requisitos tanto de antigüidade como de situación colexial exixidos para aspirar a cada un deles.

b) Día, hora e lugar da celebración das eleccións, que coincidirá cun día hábil, e hora á que se pecharán as urnas para o comezo do escrutinio.

c) Posibilidade de exercer o voto por correo e os requisitos que debe cumprir.

Artigo 82. Anuncio das eleccións

1. A convocatoria anunciarase con trinta días naturais de antelación, como mínimo, á data de celebración da elección.

2. Dentro dos cinco días hábiles posteriores á data da convocatoria, a Secretaría formalizará os seguintes particulares:

a) Inserirase no taboleiro de anuncios do Colexio a convocatoria electoral, nas eelegacións e na páxina web e remitirase a todos por medios telemáticos.

b) Así mesmo, expoñeranse no taboleiro de anuncios do Colexio as listas separadas de colexiados e colexiadas exercentes e non exercentes con dereito a voto.

Artigo 83. Candidaturas

As candidaturas deberán presentarse na Secretaría do Colexio con, polo menos, quince días naturais de antelación á data sinalada para o acto electoral.

As candidaturas poderán ser conxuntas para varios cargos, ou individuais para cargos determinados, e deberán ser subscritas exclusivamente polos propios candidatos ou candidatas.

Ningún colexiado ou colexiada poderá presentarse a máis dun cargo.

Artigo 84. Proclamación de candidatos ou candidatas

A Xunta de Goberno, o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de candidaturas, proclamará candidato e candidata a quen reúna os requisitos establecidos, considerando electos os que non teñan opoñentes.

Seguidamente, publicarao no taboleiro de anuncios e na páxina web, comunicándoo aos interesados.

Os representantes de cada candidatura, dentro dos dous seguintes días ao da súa proclamación, recibirán unha copia do censo electoral, en soporte apto para o seu tratamento informático, que poderá ser utilizado exclusivamente para os fins electorais e durante o período de campaña con respecto á normativa de protección de datos persoais.

Artigo 85. Voto por correo postal

1. O voto por correo queda reservado, exclusivamente, para aqueles colexiados e colexiadas non residentes na xurisdición do Colexio.

2. Excepcionalmente, poderá autorizarse o voto por correo para os colexiados e colexiadas residentes, sempre que o soliciten por escrito á Xunta de Goberno cunha antelación, cando menos, de cinco días á data de celebración das eleccións. A Xunta de Goberno expedirá autorización expresa e nominal ao peticionario, para que este poida emitir o voto por correo.

3. O colexiado ou colexiada remitirá ao Colexio, por calquera medio, a papeleta de voto en sobre pechado que, coa fotocopia do seu documento nacional de identidade, será introducido noutro, que virá rotulado coa seguinte lenda: «Inclúe papeleta de voto para as eleccións que terán lugar o día ...».

4. O voto deberá ser recibido na Secretaría do Colexio antes do inicio da xornada electoral.

Artigo 86. Voto telemático

Na medida en que os avances tecnolóxicos e a dispoñibilidade de medios do Colexio o permitan, a Xunta de Goberno poderá acordar e regular o exercicio de voto por medios telemáticos, fixando as condicións e o sistema seguro e proporcionado aos ingresos do Colexio, que garanta a identidade da persoa que vota e a confidencialidade do voto emitido, así como a integridade dos resultados.

Artigo 87. Desenvolvemento da votación

1. Para a celebración da elección constituirase a Mesa electoral, que estará presidida polo decano ou decana, ou por un membro da Xunta que o substitúa no devandito acto, auxiliado, como mínimo, por dous membros máis da propia Xunta, como vogais; o máis novo destes actuará como secretario ou secretaria, de non formar o titular parte da Mesa.

Cada candidato ou candidata poderá, pola súa banda, designar entre os colexiados e colexiadas unha persoa interventora que o represente no desenvolvemento das eleccións.

2. Na Mesa electoral deberá haber urnas separadas para o depósito dos votos dos colexiados e colexiadas exercentes e non exercentes. As urnas deberán estar pechadas, deixando unicamente unha rañura para depositar os votos.

3. Constituída a Mesa electoral, o presidente ou presidenta indicará o comezo da votación, e introduciranse en primeiro lugar os votos recibidos por correo. Á hora prevista para a súa finalización pecharanse as portas e só poderán votar os colexiados e colexiadas que xa estivesen na sala. A Mesa votará en último lugar.

4. A votación terá para o seu desenvolvemento un tempo mínimo de catro horas e máximo de oito.

5. As papeletas de voto, que unicamente poderán ser editadas polo Colexio, deberán ser brancas, do mesmo tamaño, e levarán impresos por unha soa cara, correlativamente, os cargos a cuxa elección se procede.

6. Na sede en que se celebre a votación a Xunta deberá dispoñer de suficiente número de papeletas cos nomes dos candidatos e as candidatas en branco.

Artigo 88. Emisión do voto

O exercicio do dereito de voto é persoal, segredo, libre e directo. O voto é indelegable.

Os votantes deberán acreditar á Mesa a súa identidade. A Mesa comprobará a súa inclusión no censo elaborado para as eleccións; o seu presidente pronunciará en voz alta o nome e apelidos do votante, indicando que vota, tras o cal o propio presidente introducirá a papeleta dobrada na urna correspondente.

Artigo 89. Escrutinio

1. Acabada a votación, procederase ao escrutinio, léndose en voz alta todas as papeletas.

2. Deberán ser declarados nulos totalmente aqueles votos que conteñan expresións alleas ao estrito contido da votación ou que conteñan riscadas ou raspaduras; e, parcialmente, en canto ao cargo que afectase, as que indiquen máis dun candidato para un mesmo cargo, ou nomes de persoas que non concorran á elección.

Aquelas papeletas que se atopen só parcialmente cubertas en canto ao número de candidatos e candidatas, pero que reúnan os requisitos exixidos para a súa validez, serán para os cargos e persoas correctamente expresados.

3. Rematado o escrutinio, a Presidencia anunciará o seu resultado, e seguidamente proclamaranse electos os candidatos e candidatas que obtivesen para cada cargo o maior número de votos. En caso de empate entenderase elixido o que máis votos obtivese entre os exercentes; de persistir este, entenderase elixido o de maior tempo de exercicio no Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo.

Artigo 90. Toma de posesión

1. Os candidatos e candidatas proclamados electos tomarán posesión dos seus cargos na primeira xunta xeral ordinaria do ano, logo de xuramento ou promesa de cumprir lealmente o cargo respectivo e gardar segredo das deliberacións da Xunta de Goberno, momento no cal cesarán os substituídos.

2. No prazo de cinco días desde a constitución dos órganos de goberno deberá comunicarse esta ao Consello Xeral da Avogacía Española, ao Consello da Avogacía Galega e á consellería competente en materia de colexios profesionais.

3. O decano ou decana, baixo a súa responsabilidade, impedirá a toma de posesión, ou decretará o cesamento se xa se producise, a daqueles candidatos ou candidatas elixidos dos que teña coñecemento que se atoparen en calquera das situacións expresadas no artigo 75 destes estatutos.

Artigo 91. Recursos en materia electoral

Os recursos que se interpoñan no proceso electoral ou contra o seu resultado, ante a Xunta de Goberno do Colexio ou ante o Consello da Avogacía Galega, serán admitidos nun só efecto e non suspenderán a votación, proclamación e posesión dos elixidos, salvo cando así se acorde por causas excepcionais mediante resolución expresa e motivada.

Sección 3ª. Cesamentos e vacantes na Xunta de Goberno

Artigo 92. Cesamentos

Os membros da Xunta de Goberno cesarán polas causas seguintes:

a) Falecemento.

b) Renuncia.

c) Falta de concorrencia ou perda dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

d) Finalización do termo ou prazo para o que foron elixidos ou designados.

e) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas no termo dun ano.

f) Aprobación de moción de censura, segundo o regulado no seguinte capítulo.

Artigo 93. Vacantes

Cando, por calquera causa, a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno do Colexio queden vacantes, o Consello da Avogacía Galega designará unha xunta provisional de entre os seus membros máis antigos. A xunta provisional convocará, no prazo de trinta días naturais, eleccións para a provisión dos cargos vacantes polo resto do mandato, que deberán celebrarse dentro dos trinta días naturais seguintes, contados a partir da convocatoria.

Da mesma forma complementarase provisionalmente a Xunta de Goberno cando se producise a vacante da metade ou máis dos cargos, procedéndose de igual modo á convocatoria de eleccións para a súa provisión definitiva.

CAPÍTULO III

Das xuntas xerais

Artigo 94. Clases de xuntas xerais

1. O Colexio celebrará cada ano dúas xuntas xerais ordinarias, unha no primeiro trimestre e outra no último.

2. Ademais, poderanse celebrar cantas xuntas xerais extraordinarias sexan debidamente convocadas.

Artigo 95. Dereito de asistencia

Todos os colexiados incorporados con anterioridade á data da convocatoria da Xunta Xeral poderán asistir con voz e voto ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias que se celebren.

Artigo 96. Convocatoria das xuntas

1. As xuntas xerais deberán convocarse cunha antelación mínima de quince días, agás os casos de urxencia en que, a xuízo da Xunta de Goberno, deba reducirse o prazo, e deberá motivarse na convocatoria a causa concreta que a xustifique.

A convocatoria inserirase no taboleiro de anuncios do Colexio e na páxina web a través do portelo único, con sinalamento da orde do día. Se a convocatoria ou algún dos puntos por tratar fosen por instancia de colexiados ou colexiadas, deberá indicarse tal circunstancia.

2. Sen prexuízo do anterior, citaranse tamén os colexiados ou colexiadas por comunicación escrita por medio de correo electrónico e/ou por medios tecnolóxicos, na que igualmente se inserirá a orde do día e cuxa citación poderá facer o decano ou decana ou secretario ou secretaria, indistintamente; citación persoal que, en caso de convocatoria urxente, poderá ser substituída pola súa publicación nos medios locais de comunicación.

3. Na Secretaría do Colexio, durante as horas de despacho, estarán ao dispor dos colexiados os antecedentes dos asuntos sobre os que se deliberará na xunta convocada.

Artigo 97. Xunta xeral ordinaria do primeiro trimestre

1. A xunta xeral ordinaria que se celebre no primeiro trimestre de cada ano terá a seguinte orde do día:

1º. Resumo que fará o decano ou decana dos acontecementos máis importantes que durante o ano anterior tivesen lugar con relación ao Colexio.

2º. Exame e votación da conta xeral de gastos e ingresos do exercicio anterior.

3º. Lectura, discusión e votación dos asuntos que se consignen na convocatoria.

4º. Proposicións.

5º. Rogos e preguntas.

6º. Toma de posesión, de ser o caso, dos seus cargos respectivos, polos membros da Xunta de Goberno elixidos, cesando aqueles a quen corresponda saír.

2. Ata quince días antes da xunta, os colexiados poderán presentar as proposicións que desexen someter á deliberación e acordo da Xunta Xeral, e que serán tratadas na orde do día dentro da sección denominada proposicións. Estas proposicións deberán aparecer subscritas por un número de colexiados non inferior ao 5 % do total do censo. Ao darse lectura destas proposicións, a Xunta Xeral acordará se procede ou non abrir discusión sobre elas.

Artigo 98. Xunta xeral ordinaria do último trimestre

A xunta xeral ordinaria que se celebre no último trimestre de cada ano terá a seguinte orde do día:

1º. Exame e votación do orzamento formado pola Xunta de Goberno para o exercicio seguinte.

2º. Lectura, discusión e votación dos asuntos que se consignen na convocatoria.

3º. Elección para cargos vacantes da Xunta de Goberno, cando proceda.

4º. Rogos e preguntas.

Artigo 99. Xuntas xerais extraordinarias

1. As xuntas xerais extraordinarias celebraranse por iniciativa do decano ou decana, da Xunta de Goberno ou por solicitude do 20 % dos colexiados exercentes, con expresión dos asuntos concretos que deban de tratarse nelas.

2. A Xunta deberá de celebrarse dentro do prazo de trinta días hábiles contados desde o acordo do decano ou decana, ou da Xunta de Goberno, no primeiro caso, ou despois da presentación da solicitude, no segundo, e nunca poderán ser tratados máis asuntos que os expresados na convocatoria.

3. Só por resolución motivada e no caso de que a proposición sexa allea aos fins atribuídos á corporación, poderá denegarse a celebración da xunta extraordinaria, sen prexuízo dos recursos que puidesen corresponder aos peticionarios.

Artigo 100. Competencia das xuntas xerais extraordinarias

As xuntas xerais extraordinarias serán, en todo caso, competentes para propoñer a aprobación ou modificación do estatuto do Colexio, autorizar á Xunta de Goberno o alleamento de bens inmobles da corporación, e aprobar ou censurar a actuación da Xunta de Goberno ou dos seus membros.

Artigo 101. Celebración das xuntas xerais

1. As xuntas xerais celebraranse no día e hora sinalados, calquera que sexa o número de colexiados concorrentes, salvo nos casos en que se exixa un quórum de asistencia determinado.

2. Os acordos das xuntas xerais adoptaranse por maioría de votos emitidos, salvo nos supostos en que este estatuto exixa quórum especial, e unha vez adoptados, serán obrigatorios para todos os colexiados, sen prexuízo do réxime de recursos establecidos nos estatutos.

Artigo 102. Desenvolvemento da xunta xeral

1. Presidirá a xunta o decano ou decana, ou quen estatutariamente o substitúa.

2. Os acordos serán adoptados por votación secreta cando así o solicite a maioría de asistentes. En calquera caso, será secreto o voto cando afecte cuestións relativas ao decoro dos colexiados.

3. O sistema xeral de votación será o de «a man alzada». En caso de votación secreta, facilitarase aos asistentes unha papeleta de voto, selada co selo do Colexio, na cal cada un escribirá as palabras «si» ou «non», segundo se apoie ou rexeite o asunto sometido a votación.

A Presidencia chamará un por un os colexiados e aquela irá introducindo a papeleta nunha urna designada para tal fin. Depositadas todas as papeletas, procederase ao seu reconto e escrutinio.

4. O voto dos colexiados exercentes computará con dobre valor que o de non exercentes.

5. Das sesións e deliberacións dos órganos colexiados elaborarase unha acta que asinarán o titular da Secretaría e quen presidise a reunión.

6. Os acordos recollidos nas actas serán de contado executivos, agás que o propio acordo estableza outra cousa.

Artigo 103. Moción de censura

1. A moción de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros competerá sempre á xunta xeral extraordinaria convocada para o efecto.

2. A solicitude de convocatoria de xunta xeral extraordinaria requirirá a sinatura dun mínimo do vinte por cento dos exercentes, incorporados polo menos con tres meses de antelación, e expresará con claridade as razóns en que se funde.

3. A xunta xeral extraordinaria celebrarase dentro dos trinta días hábiles contados desde que se presentou a solicitude e non poderán tratarse máis asuntos que os expresados na convocatoria.

4. A válida constitución da xunta xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal da metade máis un do censo colexial con dereito a voto en primeira convocatoria e, en segunda convocatoria, bastará un terzo do censo colexial con dereito a voto. Para que prospere, será necesario o voto favorable, directo, segredo e persoal, da metade máis un dos exercentes asistentes.

5. Nesta clase de xuntas o voto será necesariamente de forma directa, secreta e persoal; non se admite o voto por correo.

Artigo 104. Aprobación e modificación do estatuto

1. A modificación dos presentes estatutos, que se someterá aos principios de autonomía, democracia e transparencia, é competencia da xunta xeral extraordinaria, nos termos e cos requisitos que prevé este Estatuto, o Estatuto xeral da avogacía española, a Lei de colexios profesionais de Galicia e a Lei de colexios profesionais estatal.

2. A modificación iniciarase por proposta da Xunta de Goberno ou por petición de, polo menos, o vinte por cento dos colexiados con dereito a voto, con máis de tres meses de antigüidade.

3. Coa proposta de modificación presentarase o correspondente proxecto, que será posto de manifesto a todo o censo colexial; poderanse formular emendas, totais ou parciais, dentro do mes seguinte á publicación do proxecto, que serán as únicas que se someterán a discusión e votación.

4. A válida constitución da xunta xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal da metade máis un do censo colexial con dereito a voto, aínda que poderá preverse unha segunda convocatoria na que non se exixirá quórum especial ningún.

5. A Xunta Xeral convocarase dentro do mes seguinte á finalización do prazo para presentación de emendas, e deberá de celebrarse dentro do mes posterior á convocatoria.

6. Na Xunta Xeral, o decano ou membro da Xunta que esta designe, defenderá o proxecto, se este fose iniciativa dela; noutro caso, farao o colexiado que sexa designado por aqueles que propuxesen a modificación. Seguidamente abriranse quendas, en favor e en contra da proposta ou, de ser o caso, das emendas presentadas, que se someterán finalmente a votación.

7. Cando a modificación estatutaria veña imposta por unha norma legal, a Xunta de Goberno poderá acurtar os prazos sinalados nos números anteriores.

8. O texto definitivo aprobado elevarase ao Consello Xeral da Avogacía para a súa aprobación nos termos do artigo 70 do Estatuto xeral da avogacía, ao Consello da Avogacía Galega para que emita informe e, a seguir, á consellería competente en materia de colexios profesionais da Xunta de Galicia para os efectos da súa aprobación definitiva, logo de cualificación de legalidade e inscrición no Rexistro de Colexios e publicación mediante orde no Diario Oficial de Galicia.

TÍTULO IV

Do réxime económico colexial

Artigo 105. Exercicio económico

1. O exercicio económico do Colexio coincidirá co ano natural.

2. O funcionamento económico do Colexio deberá axustarse ao réxime de orzamento anual e será obxecto dunha ordenada contabilidade, adaptada ao Plan xeral de contabilidade vixente en cada momento.

3. Os colexiados e colexiadas poderán examinar as contas do Colexio durante os quince días hábiles anteriores á data de celebración da Xunta Xeral que haxa de aprobalas e poderán ser auxiliados por peritos titulados na materia.

Artigo 106. Orzamento

1. A Xunta de Goberno elaborará anualmente o orzamento que elevará á Xunta Xeral ordinaria para o seu exame, emenda e aprobación.

2. Se non se aprobase antes do primeiro día do exercicio económico correspondente, considerarase automaticamente prorrogado o orzamento do exercicio económico anterior.

Artigo 107. Recursos económicos do Colexio

Constitúen recursos do Colexio:

a) Os rendementos de calquera natureza que produzan as actividades, servizos e prestacións que realice, especialmente os derivados da organización de actividades de formación, os bens ou dereitos que integren o patrimonio do Colexio, así como os rendementos dos fondos depositados nas súas contas.

b) As cotas de incorporación ao Colexio.

c) Os dereitos que fixe a Xunta de Goberno por expedición de certificacións.

d) Os dereitos que fixe a Xunta de Goberno pola emisión dos ditames, resolucións, informes ou consultas que efectúe, sobre calquera materia, incluídas as referidas a honorarios, por petición xudicial ou extraxudicial, así como a prestación doutros servizos colexiais.

e) O importe das cotas ordinarias, fixas ou variables, derramas e pólizas colexiais establecidas pola Xunta de Goberno, así como o das cotas extraordinarias que aprobe a Xunta Xeral.

f) As subvencións ou donativos que concedan ao Colexio a Administración ou corporacións oficiais, entidades ou particulares.

g) Os bens e dereitos de toda clase que, por herdanza, legado, doazón ou calquera outro título, pasen a formar parte do patrimonio do Colexio.

h) As cantidades que por calquera concepto corresponda percibir ao Colexio cando administre, en cumprimento dalgún encargo temporal ou perpetuo, mesmo cultural ou benéfico, determinados bens ou rendas.

i) As sancións por multa que, de ser o caso, se apliquen

j) Calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 108. O patrimonio do Colexio

O patrimonio do Colexio será administrado pola Xunta de Goberno e, por delegación desta, polo tesoureiro ou tesoureira, coa colaboración técnica que sexa necesaria para estes efectos. o decano ou decana ordenará os pagamentos que o tesoureiro ou tesoureira executará e coidará da súa contabilización.

TÍTULO V

Do réxime de responsabilidade dos profesionais da avogacía

CAPÍTULO I

Responsabilidade

Artigo 109. Actuacións contra outro avogado

Os profesionais da avogacía están obrigados a comunicar ao Colexio a intención de interpoñer, en nome propio ou do cliente, unha acción de responsabilidade civil ou penal contra outro profesional da avogacía, derivada do exercicio profesional, por se se considera oportuno realizar un labor de mediación.

CAPÍTULO II

Responsabilidade disciplinaria

Sección 1ª. Facultades disciplinarias dos tribunais e Colexio

Artigo 110. Responsabilidade disciplinaria

1. Os avogados, as avogadas e as sociedades profesionais en que participen ou presten servizo están suxeitos a responsabilidade disciplinaria.

2. As facultades disciplinarias da autoridade xudicial sobre os profesionais da avogacía axustaranse ao disposto nas leis procesuais. As sancións ou correccións disciplinarias que impoñan os tribunais ao avogado ou avogada faranse constar no seu expediente persoal.

3. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar, en todo caso, no expediente persoal, ou no particular da sociedade profesional.

Artigo 111. Potestade disciplinaria

A potestade disciplinaria sobre os avogados, avogadas e sociedades profesionais será exercida polo Colexio cando se cometese a infracción no seu ámbito territorial, agás que recaia sobre membros da Xunta de Goberno, conselleiros do Consello Xeral da Avogacía ou do Consello Autonómico. En todo caso, observarase o previsto no Estatuto xeral da avogacía española e nas demais normas aplicables.

Artigo 112. Expedientes a membros da Xunta de Goberno

Competen ao Consello da Avogacía Galega as facultades disciplinarias en relación cos membros da Xunta de Goberno.

Sección 2ª. Das infraccións e sancións

Artigo 113. Das infraccións

Son infraccións disciplinarias as condutas descritas no presente capítulo.

As infraccións que levan aparellada sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 114. Infraccións moi graves

Constitúen infraccións moi graves:

a) A condena en sentenza firme por delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión.

b) A condena en sentenza firme a penas graves conforme o artigo 33.2 do Código penal.

c) O exercicio da profesión en vulneración de resolucións administrativas ou xudiciais firmes de inhabilitación ou prohibición do exercicio profesional.

d) A colaboración ou o encubrimento do intrusionismo profesional.

e) O exercicio da profesión estando incurso en causa de incompatibilidade.

f) A vulneración do deber de segredo profesional cando a concreta infracción non estea tipificada de forma específica.

g) A renuncia ou o abandono da defensa que lle fose confiada cando se cause indefensión ao cliente.

h) A negativa inxustificada a realizar as intervencións profesionais que se establezan por lei, conforme o previsto no artigo 17 do Estatuto xeral da avogacía española.

i) A defensa de intereses contrapostos cos do propio profesional da avogacía ou cos do despacho de que formase parte ou co que colabore.

j) A indebida percepción de honorarios, dereitos ou beneficios económicos polos servizos derivados da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

k) A retención ou apropiación de cantidades correspondentes ao cliente e recibidas por calquera concepto.

l) A apropiación ou retención de documentos ou arquivos relativos a clientes do despacho en que estivese integrado previamente, agás autorización expresa do cliente.

m) O quebrantamento das sancións impostas.

n) A publicidade de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos do artigo 20.2.c) do Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 115. Infraccións graves

Son infraccións graves:

a) A vulneración dos deberes deontolóxicos nos casos seguintes:

1. A infracción dos deberes de confidencialidade e das prohibicións de achega que protexen as comunicacións entre profesionais no Estatuto xeral da avogacía española e no vixente Código deontolóxico.

2. O incumprimento dos compromisos formalizados entre compañeiros ou compañeiras, verbalmente ou por escrito, no exercicio das súas funcións profesionais.

3. A citación dun profesional da avogacía como testemuña de feitos relacionados coa súa actuación profesional.

4. A falta de respecto debido ou a realización de alusións persoais de menosprezo ou descrédito, no exercicio da profesión, a outro profesional da avogacía ou ao seu cliente.

5. A indución inxustificada ao cliente a non aboar os honorarios devindicados por un compañeiro ou compañeira en caso de substitución ou cambio de profesional da avogacía.

6. A retención de documentación dun cliente contra as súas expresas instrucións.

7. A falta de remisión da documentación correspondente ao profesional da avogacía que o substitúa na xestión dun asunto.

b) O incumprimento das obrigas contidas no artigo 7 do Estatuto xeral da avogacía e a inobservancia dos requisitos imprescindibles para o exercicio da avogacía.

c) A publicidade de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos establecidos polo artigo 20 do estatuto xeral da avogacía española, agás o previsto no artigo 20.2.c) do mesmo texto, e o artigo 32 do presente estatuto.

d) O incumprimento dos deberes de identificación e información que se recollen no Estatuto xeral da avogacía española, nos artigos 48 e 49.

e) O incumprimento das obrigas en materia de reclamacións recollidas no Estatuto xeral da avogacía española, no artigo 52.

f) A falta de respecto debido a quen interveña na Administración de xustiza.

g) A falta de pagamento das cotas colexiais, sen prexuízo da baixa no Colexio por este motivo.

h) A falta de respecto debido ou a incomparecencia inxustificada ás citacións efectuadas, baixo apercibimento, polos membros dos órganos corporativos ou de goberno da avogacía no exercicio das súas funcións.

i) A falta de cumprimento das súas funcións como membros de órganos de goberno corporativo que impida ou dificulte o seu correcto funcionamento.

j) A condena penal firme pola comisión de delitos leves dolosos como consecuencia do exercicio da profesión.

k) A defensa de intereses en conflito cos doutros clientes do profesional da avogacía ou despacho do que formase parte ou co que colaborase, en vulneración do establecido no artigo 51 do Estatuto xeral da avogacía.

l) O incumprimento inxustificado do encargo contido na designación realizada polo Colexio en materia de asistencia xurídica gratuíta.

m) O incumprimento da obrigación de comunicar a substitución na dirección profesional dun asunto ao compañeiro substituído, nos termos previstos no Estatuto xeral da avogacía española.

n) A relación ou comunicación coa parte contraria cando lle conste que está representada ou asistida por outro profesional da avogacía, agás que conste a súa autorización expresa.

ñ) O abuso da circunstancia de ser o único profesional da avogacía interveniente causando unha lesión inxusta.

o) A incomparecencia inxustificada a calquera dilixencia xudicial, sempre que cause un prexuízo aos intereses cuxa defensa lle fose confiada.

p) O pagamento, cobramento, exixencia ou aceptación de comisións ou outro tipo de compensación doutro profesional da avogacía ou de calquera persoa, infrinxindo as normas legais sobre competencia ou as reguladoras da deontoloxía profesional.

q) A negativa ou o atraso inxustificado a render contas do encargo profesional ou a facer a correspondente liquidación de honorarios e gastos que lle sexa exixida polo cliente.

r) A compensación de honorarios con fondos do cliente que non fosen recibidos como provisión, sen o seu consentimento.

s) A falsa atribución dun encargo profesional.

t) A embriaguez ou consumo de drogas cando afecten o exercicio da profesión.

u) A falta dun seguro en vigor que cubra a responsabilidade en que poida incorrer no exercicio das súas actividades, cando a obrigación de contar co devandito réxime de garantía estea prevista pola lei.

v) Os demais actos ou omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión e ás regras que a gobernan, conforme o establecido no Estatuto xeral da avogacía española e outras normas legais ou regulamentarias.

Artigo 116. Das infraccións leves

Constitúen infraccións leves:

a) Ofender levemente en calquera comunicación privada, oral ou escrita, o profesional da avogacía da parte contraria, sempre que non transcendese a ofensa.

b) Comprometer nas súas comunicacións e manifestacións co profesional da avogacía da parte contraria o propio cliente con comentarios ou manifestacións que poidan causarlle desprestixio.

c) Impugnar reiterada e inxustificadamente os honorarios doutros profesionais da avogacía.

d) Non atender coa debida dilixencia as visitas, comunicacións escritas ou telefónicas doutros profesionais da avogacía.

e) Non comunicar oportunamente ao Colexio o cambio de domicilio profesional, enderezo de correo postal e electrónico, número de teléfono ou calquera outro dato ou circunstancia persoal que afecte a súa relación con aquel.

f) Non consignar no primeiro escrito ou actuación a súa identificación, o Colexio a que estivese incorporado e o número de colexiado.

g) A incomparecencia inxustificada a calquera dilixencia xudicial, cando non cause un prexuízo aos intereses cuxa defensa lle fose confiada.

h) Tratar de forma incorrecta, faltar ao respecto ou dar ordes particulares ao persoal do Colexio.

i) Calquera outro incumprimento do previsto no Estatuto xeral da avogacía española ou no Código deontolóxico, cando non constitúan infracción grave ou moi grave.

j) Os demais actos ou omisións que constitúan ofensa leve á dignidade da profesión e ás regras a gobernan, conforme o establecido no Estatuto xeral e outras normas legais.

Artigo 117. Infraccións cometidas no servizo da quenda de oficio

Alén das infraccións ou faltas establecidas anteriormente, serán infraccións sancionables, en canto constitúen medidas disciplinarias que resultan precisas na súa aplicación como consecuencia da vulneración das normas propiamente reguladoras da quenda de oficio e de asistencia a detidos e presos, as seguintes:

Serán faltas moi graves:

a) A percepción de honorarios do cliente da quenda de oficio sen ter dereito a iso.

b) A ocultación de causas de incompatibilidade para acceder á quenda de oficio e asistencia ao detido.

c) A presentación do parte de asistencia a garda sen realizala efectivamente.

d) A non comparecencia, estando de garda, nos centros de detención, xulgado ou fiscalía de menores, unha vez requirido para iso, dentro do prazo legalmente establecido.

e) A substitución nunha actuación concernente á quenda de oficio por un letrado que non estivese dado de alta neste servizo.

f) A reincidencia na mesma falta grave dúas veces.

Serán faltas graves:

a) Estar dado de alta na quenda de oficio nun partido xudicial onde non teña aberto despacho único ou principal.

b) Non comunicar a percepción das custas de contrario nos procedementos asignados na quenda de oficio, cando exista recoñecemento do beneficio de xustiza gratuíta.

c) A inasistencia inxustificada ás designacións de garda dúas veces consecutivas ou tres alternas no prazo dun ano.

d) A desatención do servizo ou a imposibilidade de localización do avogado ou avogada durante o período de garda por causa que lle sexa imputable.

e) As substitucións reiteradas do profesional da avogacía designado de oficio por outro compañeiro ou compañeira que estea adscrito á quenda.

f) A reincidencia na mesma falta leve dúas veces.

Serán faltas leves:

a) A comunicación dos partes de garda ou calquera outra documentación fóra do prazo establecido, requirida polo Colexio.

b) Non atender coa dilixencia debida os asuntos derivados da quenda de oficio, cando o incumprimento non constitúa infracción grave ou moi grave.

c) Calquera outra infracción recollida nas normas reguladoras que afectan a quenda de oficio e que non estean tipificadas como infracción moi grave ou grave.

Artigo 118. Sancións para os profesionais da avogacía

1. As sancións que poden impoñerse polas infraccións cometidas son as seguintes:

a) Apercibimento.

b) Multa pecuniaria.

c) Suspensión do exercicio da avogacía por un prazo non superior a dous anos.

d) Expulsión do Colexio.

2. Pola comisión de infraccións:

a) Moi graves: poderá impoñerse a expulsión do Colexio ou a suspensión do exercicio da avogacía por prazo superior a un ano sen exceder dous.

b) Graves: poderá impoñerse a sanción de suspensión do exercicio da avogacía por un prazo superior a quince días sen exceder un ano.

c) Leves: poderá impoñerse a sanción de apercibimento por escrito, ou suspensión do exercicio da avogacía por un prazo non superior a quince días, ou multa pecuniaria de ata 1.000 euros.

3. As sancións que se impoñan por infraccións graves ou moi graves relacionadas con actuacións desenvoltas na prestación dos servizos da quenda de oficio, levarán aparellada, en todo caso, a exclusión do profesional da avogacía dos devanditos servizos por un prazo mínimo de seis meses e inferior a un ano, se a infracción fose grave, e de entre un e dous anos, se fose moi grave.

Nos supostos de infraccións leves, poderá impoñerse tamén a exclusión do profesional da avogacía dos devanditos servizos por un prazo inferior aos seis meses.

Ademais, de se incoar un expediente disciplinario como consecuencia dunha denuncia formulada por un usuario dos servizos de asistencia xurídica gratuíta, cando a gravidade do feito denunciado o aconselle, poderá acordarse a separación cautelar do servizo do profesional da avogacía presuntamente responsable, por un período máximo de seis meses, ata que o expediente disciplinario se resolva.

Artigo 119. Réxime disciplinario aplicable aos profesionais da avogacía titores de prácticas externas dos cursos ou máster de acceso á profesión

1. Os profesionais da avogacía titores de prácticas externas están suxeitos á responsabilidade disciplinaria polo incumprimento das obrigas previstas no artigo 63 do Estatuto xeral da avogacía española, conforme o establecido no presente artigo.

2. A potestade disciplinaria sobre os profesionais da Avogacía titores corresponde exercela ao colexio da avogacía do cal dependan as prácticas externas do curso ou máster de acceso á profesión.

3. Son infraccións graves do profesional da avogacía titor:

a) Incumprir o plan de formación da entidade responsable das prácticas externas ou non cumprir a súa normativa reguladora.

b) Incumprir as instrucións facilitadas pola dirección do curso ou máster ou a normativa que regule a titoría.

c) Encomendar ao alumno tarefas alleas ao exercicio da avogacía.

d) Faltar ao respecto ou consideración ao alumno.

e) Non prestar apoio e asistencia ao alumno durante todo o período de prácticas externas nin proporcionarlle os medios materiais indispensables para o desenvolvemento das prácticas.

f) Non dedicar ao alumno o tempo necesario para transmitirlle os seus coñecementos, experiencias, métodos e usos de traballo, así como os principios propios da avogacía, con especial atención aos seus valores deontolóxicos.

g) Non redactar a memoria explicativa das actividades desenvoltas, que debe ser supervisada polo responsable do equipo de titoría.

h) Non manter a condición de profesional da avogacía durante o desempeño da súa función como titor.

i) Non dar traslado ao centro organizador das prácticas externas do comportamento dos alumnos que considere contrarios ás regras deontolóxicas e estatutarias da profesión.

4. Son infraccións leves do profesional da avogacía titor:

a) Non coordinar co responsable do equipo de titoría a súa actividade titorial no desenvolvemento das prácticas externas ou non facilitarlle a información que este lle requira.

b) Non entrevistarse cos alumnos coa periodicidade que se estableza na normativa reguladora de cada período de prácticas externas.

c) Non manter unha conduta exemplar durante o desenvolvemento da súa función titorial.

5. As infraccións graves serán sancionadas con inhabilitación de ata tres anos para exercer a titoría en calquera curso ou máster de acceso, así como coa perda dos recoñecementos, incentivos ou vantaxes obtidos polo desempeño do seu cargo de titor. As infraccións leves poderán ser sancionadas con apercibimento verbal ou reprensión privada, apercibimento por escrito ou multa de ata cincocentos euros.

6. A sanción deberá graduarse en cada caso atendendo á gravidade e efectos do feito infractor, á intencionalidade, duración, habitualidade ou reiteración na conduta.

Artigo 120. Regra xeral sobre infraccións e sancións a sociedades profesionais

1. A sociedade profesional poderá ser sancionada nos termos previstos no Estatuto xeral da avogacía española.

2. As sociedades profesionais poderán ser sancionadas, consonte o Estatuto xeral da avogacía española, polas infraccións cometidas polos avogados que as integran, e/ou aqueles que, sen cumpriren os requisitos de colexiación do artigo 7 do Estatuto xeral da avogacía española, desempeñan funcións propias da avogacía a través da súa sociedade, cando resulte acreditada a súa responsabilidade concorrente, como partícipes ou encubridores, na comisión das devanditas infraccións.

Presumirase que existe esa responsabilidade concorrente cando as infraccións se cometesen por conta e en proveito da sociedade profesional polos seus administradores ou por quen, seguindo as súas instrucións, a represente. Nestes supostos considerarase a infracción da sociedade profesional como da mesma clase que a cometida polo profesional da avogacía para efectos de aplicar a sanción correspondente.

3. Igualmente poderán ser sancionadas as sociedades profesionais pola realización de condutas directamente imputables á sociedade que se atopen tipificadas como infraccións para os avogados ou avogadas, graduándose as infraccións conforme o previsto no Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 121. Infraccións e sancións para as sociedades profesionais

A) Infraccións:

1º. Infraccións moi graves das sociedades profesionais.

É infracción moi grave das sociedades profesionais a falta dun seguro en vigor que cubra a responsabilidade en que poidan incorrer no exercicio das súas actividades.

2º. Infraccións graves das sociedades profesionais.

Constitúe infracción grave das sociedades profesionais:

a) A falta de presentación para a súa inscrición no Rexistro do colexio correspondente, no prazo establecido, dos cambios de socios e administradores ou de calquera modificación do contrato social que deba ser obxecto de inscrición, así como a falta de pagamento das cargas previstas colexialmente.

b) A falta de comunicación ao Colexio, o favorecemento ou o encubrimento do exercicio irregular polos socios ou por quen desempeñe funcións propias da avogacía a través ou en nome da sociedade, xa sexa debido a incumprimento de requisitos do artigo 7 do Estatuto xeral da avogacía española, incorrecta colexiación, incumprimento das condicións legalmente establecidas para o exercicio da avogacía, ou por estar en situación de suspensión, inhabilitación, incompatibilidade ou prohibición.

3º. Infraccións leves das sociedades profesionais.

Son infraccións leves das sociedades profesionais os incumprimentos de calquera outro deber imposto a estas sociedades que non estea tipificado nos artigos anteriores pero si no Estatuto xeral da avogacía española ou no Código deontolóxico.

B) Sancións:

1. Pola comisión da infracción moi grave tipificada neste artigo, baixa da sociedade no rexistro do colexio correspondente.

2. Pola comisión de infraccións graves, atendendo a criterios de proporcionalidade, apercibimento e multa pecuniaria por importe de entre 1.501 e 15.000 euros.

3. Pola comisión de infraccións leves, atendendo a criterios de proporcionalidade, apercibimento ou multa pecuniaria por importe de 300 euros ata 1.500 euros.

Artigo 122. Principio de proporcionalidade

A imposición de calquera sanción gardará a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada. Para tal fin, considerarase, en todo caso, a existencia de reincidencia ou reiteración, tendo especialmente en conta a natureza e entidade dos prexuízos causados a terceiros ou á profesión.

CAPÍTULO III

Procedemento sancionador

Artigo 123. Procedemento

O Colexio axustarase ao procedemento establecido no estatuto xeral da avogacía española, así como ao seu Regulamento de procedemento disciplinario.

CAPÍTULO IV

Réxime aplicable aos colexiados e colexiadas non exercentes

Artigo 124. Réxime aplicable aos colexiados e colexiadas non exercentes

Os colexiados non exercentes quedan sometidos ás previsións do presente título en todo aquilo que lles sexa de aplicación en relación coa súa actuación colexial.

TÍTULO VI

Do réxime xurídico dos acordos sometidos a dereito administrativo
e da súa impugnación

Artigo 125. Execución e libros de actas

1. Os acordos que adopten a Xunta de Goberno ou a Xunta Xeral serán de contado executivos, agás que o propio acordo estableza outra cousa ou se trate de materia disciplinaria.

2. No Colexio levaranse obrigatoriamente dous libros de actas onde se transcribirán separadamente as correspondentes á Xunta Xeral e á Xunta de Goberno.

Estas actas deberán ser asinadas polo decano ou decana ou por quen nas súas funcións presidise a Xunta, e polo secretario ou secretaria, ou quen desempeñase as súas funcións.

Artigo 126. Notificación e a súa práctica

1. Aqueles acordos que afectasen situacións persoais deberán ser notificados aos interesados.

2. Os acordos que deban ser notificados persoalmente aos colexiados, adscritos a este ou outro colexio, incluídos os referentes a materia disciplinaria, practicaranse preferentemente por medios electrónicos, a través da súa remisión por correo electrónico ao enderezo que obrigatoriamente deben designar para relacionarse con esta corporación ou coa que estean incorporados.

3. Alternativamente, poderán poñerse á disposición na sede electrónica do Colexio.

4. A persoa a quen se lle notifica recibiraas e tomará coñecemento dentro do prazo de dez días contado desde a posta á disposición.

5. De non accederse ao contido, entenderase que a notificación foi efectuada en conformidade e ten plenos efectos.

6. No caso de remisión directa de correo electrónico, a conformidade da posta á disposición acreditarase mediante certificación colexial do informe de confirmación de entrega emitido polo servidor de correo. De igual maneira, a conformidade da posta á disposición na sede electrónica acreditarase mediante certificación de rastrexabilidade.

7. A notificación por medio non electrónico, que poderá practicarse de forma alternativa ou simultánea coa electrónica, acreditarase co correspondente xustificante de recepción. Se o destinatario rexeitase recibila, expresa ou tacitamente, terase por efectuada validamente sempre que se tentase practicala no enderezo que figure nos censos colexiais.

8. Se non se puidese efectuar a notificación desta forma, entenderase perfeccionada aos quince días da súa publicación no taboleiro de anuncios, electrónico ou físico, do Colexio, que se realizará na forma prevista pola lexislación reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. A Xunta de Goberno poderá aprobar outros métodos de notificación, que serán de contado comunicados ao censo colexial.

Artigo 127. Taboleiro electrónico de anuncios

O Colexio dispoñerá dun taboleiro electrónico de anuncios, que se regulará polo establecido no presente estatuto e polo acordo de creación adoptado pola Xunta de Goberno.

Artigo 128. Actos nulos e anulables

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos que establece o artigo 47 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran nos supostos establecidos no artigo 48 da citada lei.

Artigo 129. Recursos

1. Os actos, resolucións e acordos da Xunta de Goberno e da Xunta Xeral poderán ser obxecto de recurso ante o Consello da Avogacía Galega, dentro do prazo dun mes desde a súa publicación ou, se é o caso, notificación aos colexiados ou as colexiadas, ou persoas que afecte.

2. O recurso será presentado ante a Xunta de Goberno que ditou o acordo, que deberá elevalo, cos seus antecedentes e o informe que proceda, ao Consello da Avogacía Galega dentro dos quince días seguintes á data de presentación, agás que de oficio repoña o seu propio acordo no devandito prazo. O Consello da Avogacía Galega, logo dos informes que considere pertinentes, deberá pronunciar resolución expresa dentro dos tres meses seguintes á súa interposición, entendéndose que, en caso de silencio, queda desestimado. O recorrente poderá solicitar a suspensión do acordo impugnado e o Consello da Avogacía Galega poderá acordala ou denegala motivadamente.

Artigo 130. Recursos da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno tamén poderá recorrer contra os acordos da Xunta Xeral ante o Consello da Avogacía Galega, no prazo dun mes desde a súa adopción.

2. Se a Xunta de Goberno entende que o acordo impugnado é nulo de pleno dereito ou gravemente prexudicial para os intereses do Colexio, poderá solicitar a suspensión do acordo impugnado e o Consello da Avogacía Galega poderá acordala ou denegala motivadamente.

Artigo 131. Xurisdición contencioso-administrativa

Os actos emanados das xuntas xerais e das xuntas de goberno, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 132. Cómputo de prazos

Os prazos deste estatuto expresados en días entenderanse referidos a días hábiles, agás que expresamente se diga outra cousa.

Artigo 133. Normas de aplicación supletoria

En todo o non previsto no presente estatuto aplicarase o Real decreto 135/2021, do 2 de marzo, polo que se aproba o Estatuto xeral da avogacía española, o Código deontolóxico da avogacía española, o Regulamento do procedemento disciplinario aprobado polo Consello Xeral da Avogacía Española e a Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións pública, que terá carácter supletorio para o non previsto neste estatuto, e as normas anteriormente citadas reguladoras da profesión da avogacía.

A Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, aplicarase a cantos actos dos órganos colexiais supoñan exercicio de potestades administrativas. En todo caso, esta lei terá carácter supletorio para o non previsto neste estatuto.

TÍTULO VII

Do persoal empregado do Colexio

Artigo 134

A Xunta de Goberno procederá á designación e contratación do persoal administrativo, auxiliar e subalterno necesario para a boa marcha da corporación.

TÍTULO VIII

Disolución e liquidación do Colexio

Artigo 135. Disolución e liquidación do Colexio

O Colexio da Avogacía de Vigo poderase disolver e extinguir por acordo unánime dos seus e das súas integrantes, que se adoptará en xunta xeral extraordinaria convocada para o efecto.

O acordo que declare a disolución expresará o que corresponda en relación coa liquidación do seu patrimonio, coa sucesión dos seus dereitos e obrigas, da súa personalidade e coa extinción ou cesión das súas potestades e competencias administrativas.

Disposición adicional primeira. Habilitación á Xunta de Goberno

Para os efectos da aprobación do presente estatuto polo Consello Xeral da Avogacía ou da definitiva pola consellería competente en materia de colexios profesionais da Xunta de Galicia, a Xunta Xeral Extraordinaria delega na Xunta de Goberno as facultades amplas e necesarias para que poida emendar calquera observación ou incidencia que de tales trámites derive, e deberá informar na primeira xunta xeral ordinaria sobre a súa actuación e xestións.

Disposición transitoria primeira. Estatuto aplicable

1. As infraccións cometidas ata o día da entrada en vigor do presente estatuto sancionaranse conforme a normativa anteriormente vixente. Non obstante o anterior, aplicarase este estatuto, unha vez que entre en vigor, se as súas disposicións son máis favorables para o infractor, aínda que os feitos fosen cometidos con anterioridade á súa entrada en vigor. Se se decidise a aplicación da norma máis favorable, darase coñecemento diso ao interesado, mediante comunicación do órgano instrutor ou mediante audiencia concedida para o efecto.

2. Para a determinación de cal é a norma máis favorable terase en conta a sanción que correspondería impoñer ao feito investigado.

Disposición transitoria segunda. Procedementos disciplinarios en curso

1. Os procedementos disciplinarios iniciados con anterioridade á entrada en vigor do presente estatuto resolveranse consonte a regulación anterior.

2. Para ese efecto, os procedementos disciplinarios consideraranse iniciados cando o órgano competente pronuncie acordo de iniciación, sen que teñan a consideración de acordo de iniciación os períodos de información previa.

Disposición transitoria terceira. Situacións creadas e dereitos adquiridos

As situacións creadas e os dereitos adquiridos de acordo co anterior estatuto anteriormente en vigor serán respectados.