DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 28 de agosto de 2023 Páx. 50715

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 3 de agosto de 2023 pola que se aproban os estatutos do Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura orgánica establecida no Decreto 59/2023, do 14 de xuño).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

O Colexio e as persoas colexiadas

Artigo 1. O Colexio

1. O Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra é unha corporación de dereito público, amparada pola lei e recoñecida polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, que goza de plena autonomía no marco da normativa que lle é aplicable.

2. O Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra rexerase por estes estatutos e, no non previsto por eles, polo Estatuto xeral da avogacía española, as leis de colexios profesionais autonómica e estatal, e as demais disposicións ditadas ao abeiro do artigo 36 da Constitución española, a cuxa regulación se axusta. Tamén se rexerá polos regulamentos e acordos corporativos que se diten no seu desenvolvemento.

3. O acceso e exercicio da profesión dos seus membros réxense polos principios de igualdade de trato e non discriminación por razón de orixe étnica ou racial, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, nos termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 2. Ámbito territorial, domicilio e sede

1. O ámbito territorial do Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra comprende toda a demarcación administrativa da provincia de Pontevedra, con excepción dos partidos xudiciais de Vigo e Redondela.

2. O Colexio terá o seu domicilio na cidade de Pontevedra, e a súa sede estará na avenida Raíña Vitoria Uxía, número 9, sen prexuízo de poder realizar reunións, establecer delegacións e promover actividades en calquera lugar do seu ámbito territorial.

3. O Colexio establecerá delegacións naquelas demarcacións xudiciais en que resulte conveniente para o mellor cumprimento dos seus fins e para unha maior eficacia das funcións colexiais.

4. O traslado da sede do Colexio dentro da mesma cidade de Pontevedra poderá acordarse por acordo da Xunta de Goberno.

Artigo 3. Fins e funcións

1. Son fins esenciais do Colexio no territorio da súa competencia:

a) A ordenación do exercicio da profesión da avogacía e a súa exclusiva representación institucional.

b) A defensa dos dereitos e intereses profesionais das persoas colexiadas.

c) O control deontolóxico e o exercicio da potestade disciplinaria.

d) A formación profesional, inicial, especializada e permanente dos seus integrantes.

e) A colaboración no funcionamento, promoción e mellora da Administración de xustiza.

f) A contribución á garantía do dereito constitucional de defensa e acceso á xustiza mediante a organización e prestación do servizo de asistencia xurídica gratuíta nos termos establecidos nas leis.

g) A intervención no proceso de acceso á profesión da avogacía.

h) A defensa do estado social e democrático de dereito, a promoción e defensa dos dereitos humanos e os demais que recolla o Estatuto xeral da avogacía española e a normativa estatal e autonómica de aplicación.

i) O fomento, a promoción e a dignificación da profesión e do exercicio da avogacía.

j) A protección dos intereses dos consumidores e usuarios, tanto en relación cos servizos que presta de maneira directa como nos servizos que presten os seus membros.

Para tales efectos, o Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores e usuarios, o cal tramitará e resolverá as queixas e reclamacións ou, de ser o caso as remitirá, para a súa resolución, á Xunta de Goberno.

2. Son funcións do Colexio:

a) Elaborar e aprobar os seus estatutos e regulamentos de réxime interior.

b) Exercer, no seu ámbito, a representación e defensa da avogacía ante a Administración, tribunais, institucións, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten os dereitos e intereses profesionais dos seus integrantes, exercendo as accións civís, penais, administrativas ou sociais que sexan procedentes, así como o dereito de petición; todo iso conforme a lexislación vixente.

c) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional da avogacía.

d) Colaborar co Poder Xudicial e os demais poderes públicos mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins.

e) Organizar e xestionar os servizos de asistencia xurídica gratuíta e cantos outros de asistencia e orientación xurídica poidan crearse, especialmente en beneficio dos sectores sociais máis necesitados de protección.

f) Colaborar coa universidade, a través da Escola de Práctica Xurídica «Teucro Iuris», na formación de futuros membros da avogacía a través do máster de acceso á profesión que se imparte de maneira conxunta entre ambas as institucións, e participar na elaboración dos seus plans de estudos.

g) Impulsar a adecuada utilización por parte dos colexiados das tecnoloxías da información e as comunicacións no exercicio profesional e as súas relacións corporativas.

h) Organizar e promover actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, cultural, asistencial, formativo, de previsión e análogos, procurando o perfeccionamento da actividade profesional e a formación continua das persoas colexiadas.

i) Elaborar e aprobar os orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as súas contas e liquidacións.

j) Establecer e exixir achegas económicas.

k) Levar un rexistro dos seus membros en que conste, polo menos, testemuño ou copia auténtica do título académico oficial, a data de alta no Colexio, o domicilio profesional, un número de teléfono de contacto, un enderezo de correo electrónico, a sinatura actualizada e cantas circunstancias afecten a súa habilitación para o exercicio profesional, de ser o caso.

l) Emitir informes nos procedementos administrativos ou xudiciais en que se discutan honorarios profesionais, mesmo emitir informes periciais, cando sexa requirido para iso ou cando se prevexa a súa intervención conforme a lexislación vixente.

m) Propor e, de ser o caso, adoptar as medidas necesarias para perseguir e evitar o intrusionismo profesional e a competencia desleal, exercendo respecto diso as accións legais pertinentes.

n) Exercer, na orde profesional e colexial, a potestade disciplinaria.

ñ) Adoptar as medidas necesarias para garantir o cumprimento do aseguramento da responsabilidade civil dos seus membros, cando legalmente así se estableza.

o) Participar nos órganos consultivos das administracións, entidades e institucións de dereito público, cando sexa preceptivo ou estas o requiran.

p) Emitir informes sobre os proxectos normativos de calquera das administracións acerca das condicións do exercicio profesional ou que afecten directamente o Colexio ou as súas competencias.

q) Cumprir e facerlles cumprir aos seus membros as normas xerais e especiais, os estatutos colexiais, os regulamentos de réxime interior e os acordos adoptados polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

r) Exercer cantas funcións, dentro do ámbito da súa competencia, redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios.

s) Atender as solicitudes de información sobre os seus membros e sobre as sancións firmes impostas a eles, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea, nos termos previstos na lei, sempre que estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou, nos termos previstos na lexislación sobre protección de datos persoais.

t) Exercer funcións de arbitraxe nos asuntos que lle sexan sometidos, así como promover ou participar en institucións de arbitraxe, mediación ou calquera outro método alternativo de resolución de conflitos, así como intervir, logo de solicitude dos interesados, en vías de conciliación, mediación ou arbitraxe nas cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os seus integrantes, ou entre estes e os seus clientes.

u) Aquelas que se lle atribúan por outras normas de rango legal ou regulamentario, lle sexan delegadas polas administracións públicas ou deriven de convenios de colaboración.

v) Exercer cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos seus membros e, en xeral, cantas funcións se encamiñen ao cumprimento dos fins asignados aos colexios profesionais.

Artigo 4. Lingua dos procedementos

1. O galego e o castelán, como linguas cooficiais de Galicia, son as linguas oficiais do Colexio e recoñéceselles a ambas o carácter de lingua de traballo.

2. Nas súas relacións cos colexiados e coa cidadanía, o Colexio garantirá o exercicio dos dereitos lingüísticos recoñecidos nas leis.

3. O Colexio promoverá e impulsará a normalización do uso do galego na Administración de xustiza e nos seus propios procedementos.

4. Nos procedementos que tramite o Colexio será de aplicación o disposto no artigo 15 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 5. Tratamento, símbolos corporativos e padroado

1. O Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra terá o tratamento que tradicionalmente se lle asignou, que é o de ilustre, e o seu decano ou decana, o de excelentísimo señor ou excelentísima señora. A denominación honorífica de decano ou decana terase con carácter vitalicio.

2. O decano ou decana do Colexio terá a consideración honorífica de presidente ou presidenta de sala da Audiencia Provincial de Pontevedra.

3. O Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra ten como emblema un escudo composto pola superposición do escudo provincial sumado ás táboas da lei, sobre a balanza simbólica da Xustiza e sobre a espada e o bastón tradicionais en aspa; e, en orla, dúas follas de palma, na súa cor e unidas en punta, e a lenda «Pontis Veteris Illustre Advocatorum Collegium».

4. O Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra é aconfesional, aínda que, seguindo unha histórica e inveterada tradición gremial, se sitúa baixo o patrocinio da Virxe Branca.

Artigo 6. Acción social do Colexio

1. O Colexio terá en conta a súa responsabilidade coa sociedade en que se integra. Por iso poderá promover, organizar e executar programas de acción social en beneficio dos sectores máis desfavorecidos, con especial atención ás persoas colexiadas e ás súas familias, así como a aquelas que, pertencendo ao Colexio, están xubiladas e cuxos ingresos as colocan nunha situación de risco de exclusión social.

2. Do mesmo xeito, o Colexio poderá participar en programas para a promoción e difusión dos dereitos e valores democráticos de convivencia ou da cooperación internacional.

3. Sen prexuízo das competencias derivadas da lexislación sobre asistencia xurídica en materia de servizos de orientación xurídica, o Colexio poderá organizar e prestar servizos gratuítos, con ou sen financiamento externo público ou privado, dedicados a asesorar a quen non teña acceso a outros servizos gratuítos ou se atope en situacións de necesidade, desvantaxe ou risco de exclusión.

Artigo 7. As persoas colexiadas

1. Exercentes. Son profesionais da avogacía deste colexio as persoas que se achan incorporadas a el en calidade de exercentes e se dedícan de forma profesional ao asesoramento xurídico, á solución de disputas, á defensa de dereitos e intereses alleos, tanto públicos como privados, na vía extraxudicial, xudicial ou arbitral, de maneira libre e independente, guiándose por criterios técnicos e profesionais para a mellor defensa do seu cliente, en garantía do seu dereito constitucional da defensa e da realización da xustiza, en réxime de libre e leal competencia.

2. Non exercentes. Poden pertencer tamén ao Colexio coa denominación de persoas colexiadas non exercentes, aquelas persoas que, reunindo os requisitos para a súa incorporación, non se dedican ao exercicio profesional da avogacía.

3. Inscritas. Son profesionais da avogacía deste colexio, así mesmo, aquelas persoas que, obtendo o título que habilita para o exercicio da profesión no seu país de orixe, poden, de conformidade coa lexislación vixente, exercer esta en territorio español, cumprindo os mesmos requisitos que o resto dos exercentes.

4. A Xunta de Goberno poderá distinguir coa dignidade de decano ou decana e colexiado ou colexiada de honra a aqueles/as que acreditasen méritos ou servizos relevantes prestados á avogacía ou ao propio Colexio.

Artigo 8. Incorporación ao colexio

1. Son requisitos necesarios para a incorporación ao Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra os seguintes:

a) Ser maior de idade e ter nacionalidade española ou dalgún Estado membro da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou de terceiros países, sen prexuízo do disposto en tratados ou convenios internacionais e do cumprimento dos requisitos recollidos na normativa sobre estranxeiría respecto do dereito dos estranxeiros para establecerse e acceder ao exercicio profesional en España.

b) Posuír o título oficial que habilite para o exercicio da profesión da avogacía, salvo as excepcións establecidas en normas con rango de lei.

c) Satisfacer a cota de ingreso, que non poderá superar os custos asociados á tramitación da inscrición.

d) Carecer de antecedentes penais por delitos que comporten a imposición de penas graves ou a inhabilitación para o exercicio da avogacía.

e) Non ser condenado por intrusionismo no exercicio da Avogacía no tres anos anteriores mediante resolución firme, salvo que se cancelasen os antecedentes penais derivados desta condena.

f) Non ser sancionado disciplinariamente coa expulsión dun colexio da avogacía ou, en caso de sufrir tal sanción, ser rehabilitado, o que se acreditará por medio de certificado expedido polo Consello Xeral da Avogacía Española.

g) Non estar incorrendo en causa de incapacidade, incompatibilidade ou prohibición para o exercicio da avogacía, o cal se acreditará por medio de certificado expedido polo Consello Xeral da Avogacía Española.

h) Formalizar a alta no réxime de seguridade social que corresponda ou, de ser o caso, o ingreso nunha mutualidade de previsión social alternativa ao réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos, de conformidade coa lexislación vixente.

i) Acreditar o coñecemento da lingua castelá e, de ser o caso, de linguas cooficiais autonómicas, por calquera medio válido en dereito, salvo cando resulte de modo fidedigno do cumprimento do requisito previsto na alínea b) deste artigo.

2. Para a incorporación como non exercente exixiranse os mesmos requisitos, exceptuando o expresado na alínea h).

3. A solicitude en calquera de ambos os casos realizarase mediante escrito dirixido á Xunta de Goberno, ao cal se xuntará a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para a colexiación.

A solicitude tramitarase de forma telemática na sede electrónica do Colexio.

Nela farase constar o enderezo físico do despacho profesional, un número de teléfono e un enderezo de correo electrónico, así como os demais datos de identificación e contacto que determine a Xunta de Goberno e que serán os que se terán en conta para efectos de comunicacións e notificacións. Tamén se consignará unha conta bancaria para o cobramento das cotas e cargas colexiais.

4. A Xunta de Goberno resolverá as solicitudes de colexiación no prazo máximo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude, transcorrido o cal, sen se producir a resolución, se considerará admitida, sempre que se cumpran as condicións formais e materiais.

O dito prazo será obxecto de interrupción de ser requirida a persoa interesada para a emenda de defectos na documentación presentada. Transcorridos dez días desde o requirimento sen que se cumprise, a solicitude de incorporación decaerá e será arquivada, sen máis trámites.

5. A colexiación unicamente poderá denegarse, mediante resolución motivada, cando quen o solicite incumpra as condicións ou requisitos de colexiación, e deberán indicarse nela os recursos procedentes, o órgano competente e os prazos para a súa interposición.

A denegación de incorporación como exercente adoptada polo Colexio impedirá a incorporación a outro cando se trate de causa non emendable ou que non fose debidamente emendada. As resolucións denegatorias de incorporación comunicaranse ao Consello Xeral da Avogacía Española para o seu traslado a todos os colexios da avogacía.

6. Para o suposto de que a solicitude de incorporación proveña dalgunha persoa que previamente exerceu noutro Estado da Unión Europea, procederase de conformidade co establecido no artigo 9.4 do Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 9. O xuramento ou promesa colexial

1. Antes de iniciar o seu exercicio profesional, as persoas que desexen incorporarse á profesión da avogacía prestarán xuramento ou promesa de acatar a Constitución e o resto do ordenamento xurídico, e de cumprir as normas deontolóxicas da profesión con liberdade e independencia, de boa fe, con lealdade ao cliente, respecto da parte contraria e gardando o segredo profesional.

2. O xuramento ou promesa prestarase solemnemente ante o decano ou decana ou ante o membro da Xunta en quen delegue, na forma que a Xunta de Goberno estableza.

Artigo 10. Colexiación como residente e incorporación ao Colexio de profesionais procedentes doutros colexios

1. É requisito para a colexiación como residente ter aberto despacho único ou principal no ámbito territorial do Colexio e non estar incorporado a ningún outro con tal carácter.

2. Poderán incorporarse como non residentes as persoas colexiadas noutros colexios do territorio español, acreditando a súa pertenza actual e vixente á respectiva corporación de residencia, así como non encontrarse de baixa ou suspendidos temporalmente no exercicio da avogacía por outros colexios.

Artigo 11. Acreditación da condición de persoa colexiada

No momento da incorporación ao Colexio, asignarase a cada persoa un número de colexiación que se deberá consignar xunto ao nome nos documentos de carácter profesional que deba asinar. O Colexio expedirá un carné acreditativo de tal condición.

Artigo 12. Actuación de profesionais doutros colexios

1. Os profesionais da avogacía pertencentes a outros colexios quedarán suxeitos ás normas e ao réxime disciplinario desta corporación cando actúen no seu ámbito territorial, e terán dereito á utilización dos servizos colexiais directamente relacionados co exercicio da profesión.

2. O Colexio ampara a liberdade e a independencia na actuación profesional realizada no seu ámbito territorial.

Artigo 13. Perda da colexiación e suspensión no exercicio profesional

1. A colexiación pérdese:

a) Por falecemento e por baixa voluntaria, desde a data en que se produzan.

b) Pola falta de pagamento de doce mensualidades da cota colexial, mediante resolución motivada e con audiencia da persoa interesada.

c) En execución da sanción de expulsión, de acordo co artigo 127.1 do Estatuto xeral da avogacía española e 101.1 destes estatutos.

d) En execución de resolucións xudiciais que impoñan a pena principal ou accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

2. Terá lugar a suspensión no exercicio profesional, en execución de resolución sancionadora que así a estableza, unha vez firme, e polo tempo que nela se determine.

3. As persoas colexiadas que causen baixa por impagamento de cotas poderán rehabilitar os seus dereitos pagando as cantidades debidas por tales conceptos, incrementados cos correspondentes xuros legais desde a data de impagamento de cada cota pendente.

Artigo 14. Rehabilitación

1. O profesional da avogacía a que lle fose imposta a sanción disciplinaria de expulsión poderá obter a rehabilitación para o exercicio da profesión, unha vez transcorridos cinco anos desde que a sanción fose executada, e deberá acreditar ter superado as actividades formativas que en materia de deontoloxía profesional estableza o Colexio, así como non ter incorrido en causa de indignidade ou desprezo dos valores e obrigacións profesionais e deontolóxicos.

2. A Xunta de Goberno establecerá as actividades formativas que en materia de deontoloxía profesional deberá superar quen solicite a rehabilitación.

3. As resolucións que se adopten en materia de rehabilitación serán sempre motivadas e terán en conta, entre outras circunstancias, os antecedentes penais previos non cancelados ou non cancelables, os posteriores á sanción, as sancións disciplinarias previas non executadas, a transcendencia dos danos causados pola infracción, a súa reparación ou non, e calquera outra derivada das súas relacións con clientes e profesionais do dereito, para apreciar e valorar eventualmente a incidencia da súa conduta no exercicio futuro da profesión.

Artigo 15. Sede electrónica

O Colexio disporá dun portal ou sede electrónica, que fará as funcións a que se refire o artigo 10 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais.

Realizaranse a través da sede electrónica todas as actuacións, procedementos e servizos que requiran a autenticación das persoas colexiadas ou non colexiadas, ou do Colexio nas súas relacións con estas por medios electrónicos, así como aqueloutros respecto de que se decida a súa inclusión na sede por razóns de eficacia e calidade na prestación de servizos.

O enderezo electrónico de referencia será o da páxina web do Colexio. A titularidade da sede electrónica corresponderá ao Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra e a súa xestión será competencia da Xunta de Goberno, quen aprobará o protocolo de funcionamento e os servizos que se presten a través dela.

Artigo 16. Memoria anual

1. O Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra está suxeito ao principio de transparencia e responsabilidade na súa xestión. Para iso elaborará unha memoria anual que conterá, polo menos, a seguinte información:

a) Informe de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando, se as houber, as retribucións de todo tipo dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

b) O importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo prestados polo Colexio, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística, relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que deviñesen firmes, con indicación da infracción a que se refiren e, de ser o caso, a sanción imposta, e das queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, de ser o caso, dos motivos da súa estimación ou desestimación, con observancia, en todos os casos, da lexislación especial en materia de protección de datos.

d) Os cambios no contido do Código deontolóxico da avogacía española, se os houber.

e) As normas sobre incompatibilidades e situacións de conflitos de intereses en que se encontren os membros da Xunta de Goberno.

2. A memoria anual aprobada deberá facerse pública a través da páxina web colexial no primeiro semestre do ano seguinte.

Artigo 17. Servizo de Atención a Persoas Consumidoras ou Usuarias e Colexiadas

1. O Colexio disporá dun servizo de atención, tanto para as persoas consumidoras ou usuarias como para as colexiadas, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas se presenten contra o Colexio ou contra os avogados e avogadas.

2. O Servizo de Atención ás Persoas Consumidoras ou Usuarias e colexiadas poderá resolver sobre a solicitude iniciando a vía da arbitraxe de consumo, propondo a mediación, abrindo un procedemento sancionador, arquivando ou adoptando calquera outra decisión que, de ser o caso, corresponda.

3. A regulación deste servizo deberá recoller a presentación de queixas e reclamacións por vía telemática.

CAPÍTULO II

Obrigacións e dereitos das persoas colexiadas

Artigo 18. Obrigacións das persoas colexiadas

As obrigacións dos colexiados e colexiadas co Colexio son as seguintes:

a) Cumprir as normas estatutarias e deontolóxicas, así como os acordos adoptados polos órganos corporativos.

b) Estar ao día no pagamento das cotas colexiais ordinarias e extraordinarias.

c) Estar ao día no pagamento das cotas de previsión social, sexa cal for o réxime a que estea adscrito.

d) Denunciar ante o Colexio todo acto de intrusionismo ou exercicio ilegal que chegue ao seu coñecemento, xa sexa debido á falta de colexiación, por suspensión ou inhabilitación do denunciado, ou por concorrer en supostos de incompatibilidade ou prohibición.

e) Comunicar ao Colexio o seu domicilio, o do seu despacho profesional principal e os seus eventuais cambios.

f) Manter despacho profesional aberto, propio, alleo ou de empresa, no territorio do Colexio a que estea incorporado como exercente.

g) Ter cuberta a responsabilidade civil profesional en contía adecuada aos riscos que implique, cando así estea previsto na lei; recoméndase en todo caso a contratación dun seguro para cubrir as responsabilidades por razón do exercicio profesional.

h) Relacionarse a través de medios electrónicos co Colexio para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo.

Artigo 19. Dereitos das persoas colexiadas

Son dereitos dos colexiados os seguintes:

a) Participar na xestión corporativa e exercer os dereitos de petición, voto e acceso aos cargos directivos.

b) Solicitar do Colexio o amparo da súa dignidade, independencia e lícita liberdade de actuación profesional, así como o seu dereito a conciliar a vida familiar coa actuación profesional.

c) Ser informadas dos acordos adoptados polos órganos colexiais que as afecten. En todo caso, os estatutos particulares do Colexio, as normas aprobadas polos seus órganos e os acordos de interese xeral deberán figurar, debidamente actualizados, na páxina web do Colexio e nas dependencias colexiais á disposición de quen o solicite.

d) Á igualdade de trato respecto das demais persoas colexiadas en canto ao exercicio dos seus dereitos e deberes.

e) A dirixirse aos órganos do Colexio para formular peticións e queixas.

f) A exercer o dereito de recurso contra os acordos e resolucións dos órganos colexiais en que teñan interese lexítimo.

g) A usar os servizos que preste o Colexio na forma e nas condicións que se determine para cada un deles.

h) A pedir e a obter información sobre a actividade colexial, e a examinar os documentos en que se reflicta a actividade económica do Colexio.

i) A obter a prestación dos servizos colexiais con independencia do seu lugar de residencia dentro do ámbito territorial do Colexio.

j) Á formación profesional inicial e continuada.

k) A beneficiarse, para si ou para os seus familiares, das prestacións asistenciais establecidas polo Colexio.

Artigo 20. Asistencia xurídica gratuíta

1. O Colexio, en cumprimento dun dos seus fins esenciais e de acordo coas funcións públicas atribuídas polas leis, é o encargado da organización e xestión dos servizos de asistencia xurídica gratuíta, así como do Servizo de Orientación Xurídica, cuxo obxecto será o de prestar asesoramento e orientación ás persoas solicitantes destes servizos e a tramitación do beneficio de xustiza gratuíta.

2. Corresponde á avogacía o asesoramento xurídico e a defensa das persoas que teñan dereito á asistencia xurídica gratuíta, así como a asistencia ás persoas detidas e a defensa das que soliciten unha defensa xurídica de oficio ou non a nomeen, cando sexa preceptiva a súa intervención, de acordo coa lexislación vixente, sen prexuízo de aboar os seus honorarios nos supostos en que proceda.

3. A prestación do servizo desempeñarana os profesionais da avogacía conforme os principios de liberdade, independencia e dilixencia profesional que lles son propias, conforme as normas deontolóxicas que rexe a profesión e a normativa reguladora da xustiza gratuíta.

4. O Colexio implantará quendas de oficio especializadas nos diferentes ámbitos da práctica profesional que así o demanden, impartindo cursos de formación especializada para o acceso e a permanencia neles, todo iso coa firme vontade de prestación do mellor servizo á sociedade.

5. O Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra tramitará a solicitude de asistencia xurídica gratuíta daqueles solicitantes que teñan a súa residencia habitual na demarcación territorial do Colexio para litigar noutro Estado da Unión Europea.

TÍTULO II

Formas de exercicio da avogacía

CAPÍTULO I

Exercicio individual

Artigo 21. Exercicio individual da avogacía

1. O exercicio individual da avogacía poderá desenvolverse por conta propia como titular dun despacho, e neste caso, deberá responder profesionalmente fronte ao seu cliente das actuacións que realicen os profesionais da avogacía integrados nel. Todo iso sen prexuízo da asunción das obrigacións deontolóxicas por parte dos axudantes e colaboradores do titular do despacho, que asumirán a súa propia responsabilidade.

2. Os honorarios por conta do cliente devindicaranse a favor do titular do despacho, mesmo cando as actuacións sexan realizadas por outros profesionais da Avogacía por delegación ou substitución. Pola súa vez, o titular do despacho responderá persoalmente dos honorarios debidos aos profesionais da avogacía aos cales encargue ou nos cales delegue actuacións, mesmo no caso de que o cliente deixase de aboarllos, salvo pacto en contrario.

3. Non se perderá a condición de profesional da avogacía titular de despacho individual cando se limite a compartir locais, instalacións, servizos ou outros medios con outros profesionais da avogacía, mantendo a independencia dos seus bufetes e sen identificación conxunta ante os seus clientes, nin tampouco cando concerte acordos de colaboración para determinados asuntos con outros profesionais da avogacía ou despachos colectivos, sexan nacionais ou estranxeiros, calquera que sexa a súa forma.

Artigo 22. A colaboración profesional

1. O exercicio da avogacía por conta propia en réxime de colaboración profesional debe pactarse por escrito, fixando as súas condicións, duración, alcance e réxime económico.

2. O profesional da avogacía colaborador actuará con plena liberdade e independencia e deberá coñecer a identidade do cliente, respecto do cal deberá cumprir con todos os seus deberes deontolóxicos.

3. O colaborador deberá facer constar nas súas intervencións profesionais que actúa por substitución ou delegación do despacho co cal colabora.

CAPÍTULO II

Exercicio en réxime laboral

Artigo 23. Formas de exercicio

1. O exercicio da avogacía poderá realizarse por conta allea en réxime de relación laboral especial ou común.

2. A relación laboral especial de profesionais da avogacía que prestan os seus servizos profesionais en despachos individuais ou colectivos rexerase pola norma reguladora da dita relación laboral especial.

3. A Avogacía tamén se poderá exercer por conta allea como avogado ou avogada en réxime de relación laboral común e na cal respectar os principios de liberdade, independencia e segredo profesional e se deberán expresar se o dito exercicio é en réxime de exclusividade.

CAPÍTULO III

Exercicio colectivo da avogacía

Artigo 24. Exercicio colectivo da avogacía

1. Os profesionais da avogacía poderán exercer esta colectivamente mediante a súa agrupación baixo calquera das formas lícitas en dereito.

2. Cando se cree unha sociedade que teña por obxecto o exercicio da avogacía, deberá constituírse como sociedade profesional conforme o disposto na Lei de sociedades profesionais e demais normativa estatal e autonómica correspondente, e con respecto das previsións específicas do Estatuto xeral da avogacía española, así como das concretas recollidas neste estatuto.

3. Presumirase que existe o exercicio colectivo da avogacía mesmo cando non se constituíseu unha sociedade profesional, cando se desenvolva de maneira pública baixo unha denominación común ou colectiva, ou se emitan documentos, facturas, minutas ou recibos baixo a dita denominación.

Artigo 25. As sociedades profesionais

1. As sociedades profesionais creadas conforme a lexislación vixente para o exercicio da avogacía deberán inscribirse no Rexistro de Sociedades Profesionais creado para ese efecto polo Colexio.

Así mesmo, rexeranse polas mesmas normas as sociedades profesionais que teñan por obxecto o exercicio profesional de varias actividades profesionais cando unha delas sexa a avogacía.

2. Os profesionais da avogacía que formen parte das citadas sociedades estarán sometidos á disciplina colexial e responderán persoalmente da súa actuación profesional.

3. Na folla de encarga profesional deberán figurar os datos de identificación das sociedades profesionais.

4. Os conflitos que xurdan no seo dunha sociedade profesional, incluídos os relativos ao funcionamento, separación, exclusión e determinación da cota de liquidación, poderán someterse a arbitraxe ou mediación colexial.

5. As inscricións no Rexistro, o mantemento destas e a emisión de certificacións relativas ao Rexistro de Sociedades Profesionais comportarán, por parte da sociedade profesional, a obrigación de pagamento das cotas de inscrición, mantemento anual e dereitos económicos que determine a Xunta de Goberno.

Artigo 26. Exercicio colectivo da avogacía en forma non societaria

1. Os profesionais da avogacía poderán exercer esta de forma colectiva, sen necesidade de constituír unha sociedade, coa condición de que o dito exercicio profesional sexa o seu obxecto exclusivo e estea integrado unicamente por profesionais da avogacía, sen prexuízo do auxilio de persoal administrativo.

2. A agrupación deberá constituírse por escrito e permitir a identificación dos seus integrantes en todo momento.

3. A actuación profesional dos integrantes do despacho estará suxeita á disciplina do Colexio cando actúen no ámbito da súa circunscrición, e responderá persoalmente o profesional da avogacía que actuase.

4. Esténdese a todos os membros do despacho a obrigación de gardar segredo profesional, así como as incompatibilidades que afecten calquera dos seus integrantes e a prohibición de actuar en defensa de intereses contrapostos cos clientes de calquera deles.

5. Nas intervencións profesionais que realicen, nas follas de encarga profesional que subscriban e nas minutas que emitan, os profesionais da avogacía agrupados nun despacho colectivo deben deixar constancia desta circunstancia.

6. Os honorarios dos profesionais da avogacía agrupados nun despacho colectivo corresponden ao colectivo, sen prexuízo do réxime interno de distribución que acordasen.

As intervencións correspondentes á asistencia xurídica gratuíta terán carácter persoal, mesmo cando se poderá aboar a retribución a nome do despacho colectivo, o cal deberá emitir a correspondente factura ou documento que a substitúa.

7. A responsabilidade civil que poida corresponder ao despacho colectivo exixirase conforme o réxime xurídico que corresponda á forma de agrupación utilizada.

Sen prexuízo do establecido na Lei de sociedades profesionais, todos os profesionais da avogacía que interviñesen nun asunto responderán civilmente fronte ao cliente de maneira persoal, solidaria e ilimitada.

8. Poderán someterse a arbitraxe ou mediación colexial as discrepancias que poidan xurdir entre os membros do despacho en cuestións relativas ao seu funcionamento, separación ou liquidación.

Artigo 27. Exercicio en réxime de colaboración multiprofesional

1. O exercicio da avogacía en réxime de colaboración multiprofesional e, polo tanto, con profesionais liberais doutros ámbitos, é unha práctica lícita recoñecida polo Colexio, coa condición de que se cumpran as condicións establecidas para ese efecto no Estatuto xeral da avogacía española.

2. Na folla de encarga profesional deben figurar os datos de identificación das entidades multiprofesionais que prestan os servizos de avogacía.

3. O Colexio disporá dun Rexistro Especial de Agrupacións en réxime de colaboración multiprofesional, no cal se deberán inscribir todas aquelas con domicilio no ámbito deste colexio.

4. Os profesionais da avogacía deberán separarse cando calquera dos integrantes da agrupación incumpra as normas sobre prohibicións, incompatibilidades ou deontoloxía propias da avogacía, sen prexuízo das sancións que, de ser o caso, sexan procedentes.

Artigo 28. Rexistro de Sociedades Profesionais

1. A inscrición nos rexistros ten por obxecto a incorporación das sociedades profesionais ao Colexio para que este poida exercer validamente as súas competencias.

2. As sociedades profesionais que exerzan a avogacía, xa sexa de forma multidisciplinar ou única, con domicilio social dentro do ámbito territorial do Colexio, ademais de inscribirse no Rexistro Mercantil correspondente, deberán inscribirse no Rexistro de Sociedades Profesionais deste colexio.

3. Todos os actos inscribibles deberán comunicarse e presentarse a inscrición dentro do prazo de vinte días hábiles contados desde a súa inscrición no Rexistro Mercantil, cumprindo cos requisitos e xuntando a documentación establecidos na normativa reguladora.

4. O prazo para acordar a inscrición ou a súa denegación non poderá exceder os tres meses desde que se presentase a solicitude. O silencio operará con carácter positivo e nese caso deberá procederse a efectuar a inscrición.

5. O Rexistro colexial contará cunha folla rexistral en soporte informático por cada sociedade profesional inscrita, na cal constarán todas as inscricións relativas a ela. Así mesmo, existirá un anexo ou ficheiro auxiliar do Rexistro ao cal se incorporará toda a documentación achegada ou relativa ás sociedades profesionais inscritas.

6. Sen prexuízo doutras formas de publicidade que prevexa a lexislación sobre sociedades profesionais, a publicidade dos datos inscritos realizarase por certificación do contido da folla ou dos seus asentos ou por simple nota informativa ou copia.

7. As inscricións no Rexistro, o mantemento destas e a emisión de certificacións comportarán, por parte das sociedades profesionais, a obrigación de pagamento das cotas de inscrición, mantemento anual e dereitos económicos que determine a Xunta de Goberno.

TÍTULO III

Ordenación do exercicio profesional

Artigo 29. Ámbito de actuación

1. As persoas colexiadas poderán prestar os seus servizos profesionais libremente en todo o territorio do Estado, con igualdade de facultades e deberes, así como no resto de Estados membros da Unión Europea e nos demais países, conforme as normas, tratados e convenios internacionais aplicables.

2. Calquera profesional da avogacía, con independencia do seu colexio de adscrición, que leve a cabo actuacións profesionais no ámbito territorial deste colexio estará suxeito ás normas de actuación, deontoloxía e réxime disciplinario deste.

Artigo 30. Incompatibilidades

1. O exercicio da avogacía é incompatible co desempeño, en calquera concepto, de cargos, funcións ou empregos ao servizo do Poder Xudicial, das administracións estatal, autonómica e local e das entidades de dereito público dependentes ou vinculadas a elas cuxa normativa reguladora así o impoña.

2. Coa actividade de auditoría de contas nos termos legalmente establecidos.

3. Os profesionais da avogacía non poderán manter vínculos asociativos de carácter profesional coas persoas afectadas polas incompatibilidades referidas no punto anterior, cando así o dispoña a lei.

4. O exercicio da avogacía é incompatible con calquera actividade que poida supor menosprezo da liberdade, a independencia ou a dignidade que lle son inherentes, ou que supoña un conflito de intereses que impida respectar os principios do correcto exercicio profesional.

5. O profesional da avogacía que incorra en causa de incompatibilidade deberá cesar de maneira inmediata nunha das actividades incompatibles.

De facelo no exercicio da avogacía, deberá formalizar a súa baixa como exercente no prazo máximo de quince días desde que incorra na dita causa. De non o facer, a Xunta de Goberno poderá suspendelo preventivamente no exercicio da profesión, pasando automaticamente á condición de non exercente, e acordar a incoación do correspondente expediente disciplinario.

Artigo 31. Liberdade profesional

1. A independencia e liberdade son principios reitores da profesión que deben orientar en todo momento a actuación do profesional da avogacía, calquera que sexa a forma en que exerza a profesión. O profesional da avogacía deberá rexeitar a realización de actuacións que poidan comprometer a súa independencia e liberdade.

2. A relación do profesional da Avogacía co cliente debe fundarse na recíproca confianza.

3. En todo caso, deberá cumprir coa máxima dilixencia a misión de asesoramento ou defensa que lle fose encomendada, procurando de modo prioritario a satisfacción dos intereses do seu cliente.

4. O profesional da avogacía realizará, con plena liberdade e independencia, e baixo a súa responsabilidade, as actividades profesionais que lle impoña a defensa do asunto que lle fose encomendado, aténdose ás exixencias técnicas e deontolóxicas adecuadas á tutela xurídica do asunto.

5. O profesional da avogacía poderá renunciar á defensa procesual que lle fose confiada en calquera fase do procedemento, sempre que non cause indefensión ao cliente, neste caso, deberá comunicar a súa renuncia por escrito dirixido ao cliente e, de ser o caso, ao órgano xudicial ou administrativo ante o cal comparecese.

6. A asistencia xurídica gratuíta e a quenda de oficio rexeranse pola súa propia normativa específica.

Artigo 32. Publicidade

1. O profesional da avogacía poderá realizar publicidade dos seus servizos con pleno respecto á lexislación sobre publicidade, defensa da competencia, competencia desleal, así como ao Estatuto xeral da avogacía española e códigos deontolóxicos.

2. A publicidade dos profesionais da avogacía realizarase con pleno respecto aos principios de liberdade, independencia, dignidade e integridade, así como ao segredo profesional.

3. A actividade publicitaria non poderá supor:

a) A revelación directa ou indirecta de feitos, datos ou situacións protexidos polo segredo profesional.

b) A incitación xenérica ou particular ao preito ou conflito.

c) A oferta de servizos profesionais, por si ou a través de terceiros, no prazo de corenta e cinco (45) días desde o feito, ás vítimas directas ou indirectas, de accidentes, catástrofes, calamidades ou outros sucesos que producisen un elevado número de vítimas que poidan condicionar o dereito á libre elección do profesional da avogacía.

Esta prohibición non resultará aplicable no caso de que a prestación de servizos profesionais sexa solicitada expresamente pola vítima.

d) Prometer a obtención de resultados que non dependen en exclusiva do exercicio da avogacía.

e) A referencia a clientes do propio profesional, salvo que medie a súa autorización expresa, coa excepción en canto a esta última en materia de contratación pública, de acordo co establecido no artigo 54 do Estatuto xeral da avogacía española.

f) A utilización de símbolos ou emblemas institucionais ou colexiais e daqueloutros que pola súa similitude poidan dar lugar a confusión.

g) As referencias á especialización nunha determinada materia, sen estar dotado dos correspondentes títulos, cursos de especialización ou práctica profesional que o avale.

h) A mención de actividades realizadas polo profesional da avogacía que sexan incompatibles co exercicio da avogacía.

Artigo 33. Substitucións

1. O profesional da avogacía a quen se encargue a dirección profesional dun asunto encomendado a outro compañeiro ou compañeira deberá comunicarllo de maneira que permita a constancia da recepción, acreditando ter recibida a encarga do cliente.

2. O profesional da avogacía substituído deberá xustificar a recepción da comunicación o máis pronto posible, pór a disposición do compañeiro a documentación relativa ao asunto que conste no seu poder e proporcionarlle os datos e informacións que sexan necesarios.

3. O novo profesional da avogacía encargado do asunto queda obrigado a respectar e preservar o segredo profesional sobre a documentación recibida, con especial atención á confidencialidade das comunicacións entre compañeiros.

4. Se a substitución entre profesionais ten lugar no marco dun expediente xudicial electrónico, iso non afecta as obrigacións entre profesionais establecidas nos puntos anteriores deste precepto.

5. O profesional da avogacía substituto deberá informar o cliente, de ser o caso, do dereito do profesional que o precedese na dirección do asunto a cobrar os seus honorarios e da obrigación daquel de aboalos, sen prexuízo dunha eventual discrepancia.

6. As anteriores normas tamén serán de aplicación cando o letrado ou letrada designados de oficio sexan substituídos por outro compañeiro ou compañeira de libre designación.

7. As obrigacións anteriormente referidas son exixibles polo Colexio dentro do seu ámbito territorial e de necesario cumprimento, tanto en asuntos xudiciais como extraxudiciais, defensa, asesoramento e xestión.

Artigo 34. Honorarios profesionais

1. O profesional da avogacía ten dereito a unha compensación económica adecuada polos servizos prestados, así como ao reintegro dos gastos que lle causasen.

2. A contía dos honorarios será libremente acordada entre o cliente e o profesional da avogacía, con respecto ás normas deontolóxicas, de defensa da competencia e de competencia desleal.

3. Con carácter previo á súa intervención profesional, o profesional da avogacía debe proporcionar ao cliente a información recollida no artigo 48 do Estatuto xeral da avogacía española, preferiblemente a través da folla de encarga de profesional.

4. O profesional da avogacía ou a sociedade profesional debe emitir factura detallada ao cliente pola súa intervención profesional, con inclusión dos distintos conceptos de honorarios e relación de gastos.

TÍTULO IV

Organización e órganos de goberno do colexio

CAPÍTULO I

Organización do colexio

Artigo 35. Principios reitores e órganos de goberno

1. O goberno do Colexio estará presidido polos principios de democracia, autonomía e transparencia.

2. Das sesións e deliberacións dos órganos colexiados levantarase a acta, que asinará a persoa titular da Secretaría, en unión daquela que presida a sesión. As actas someteranse a aprobación na seguinte sesión que realice o órgano de que se trate, e bastará o voto favorable da maioría simple dos asistentes.

3. Os acordos contidos nas actas serán inmediatamente executivos, sen prexuízo da súa ulterior aprobación.

4. Os órganos de goberno do Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra son a Xunta Xeral, a Xunta de Goberno e o decano ou decana.

CAPÍTULO II

Decanato

Artigo 36. Competencias e funcións do Decanato

Correspóndelle ao decano ou decana:

a) Exercer a representación legal do Colexio en todas as súas relacións cos tribunais de xustiza, administracións públicas, entidades e corporacións de toda clase, autoridades e particulares.

b) Presidir e dirixir os debates e as deliberacións da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno, e as reunións dos outros órganos colexiados a que asista, con voto de calidade en caso de empate.

c) Fixar a orde do día das reunións da Xunta de Goberno.

d) Conformar, co seu visto e prace, as actas e certificacións expedidas pola Secretaría da Xunta de Goberno.

e) Expedir as ordes de pagamento e libramentos para atender os gastos e investimentos colexiais.

f) Exercer as funcións de consello e corrección que os estatutos reserven á súa autoridade.

g) Representar o Colexio na realización e formalización de calquera negocio ou acto xurídico, sen prexuízo de que non poderá subscribir contratos nin asumir obrigacións en nome do Colexio sen o acordo previo da Xunta de Goberno e, se se trata de negocios de disposición sobre bens inmobles, da Xunta Xeral.

h) Propor os avogados que deban formar parte de tribunais de oposicións e concursos.

i) Presidir o Padroado reitor da Escola Superior de Práctica Xurídica «Teucro Iuris».

j) Representar o Colexio ante o Consello Xeral da Avogacía Española e ante o Consello da Avogacía Galega.

k) As demais que lle sexan atribuídas polo Estatuto xeral da avogacía española ou nestes estatutos.

CAPÍTULO III

A Xunta de Goberno

Artigo 37. Composición

1. A Xunta de Goberno é o órgano colexiado de dirección, xestión e administración do Colexio.

2. A Xunta de Goberno estará integrada polas persoas que exercerán os cargos do Decanato, a Secretaría, a Tesouraría, Biblioteca, así como seis deputados e deputadas, numerados ordinalmente, a deputada ou o deputado primeiro exercerá o cargo do Vicedecanato.

Artigo 38. Período de mandato

O período de mandato dos membros da Xunta de Goberno será de cinco anos.

Artigo 39. Reunións

1. A Xunta de Goberno reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ao mes, salvo o mes de agosto, e cantas outras veces sexa preciso para o exercicio das súas funcións, por iniciativa do Decanato ou por petición por escrito de, polo menos, tres dos seus membros. Neste último caso, deberán sinalar o obxecto da convocatoria.

2. A orde do día confeccionarao o Decanato coa asistencia da Secretaría e deberá estar en poder dos compoñentes da Xunta de Goberno, xunto coa documentación relativa aos asuntos que se van tratar, polo menos con corenta e oito horas de antelación, salvo situacións de urxencia. A posta á disposición realizarase por medios telemáticos e incluirá de forma ordinaria os seguintes asuntos:

a) Os que o propio Decanato xulgue pertinentes.

b) Os asuntos de xestión e administración do Colexio que expoña a Secretaría Técnica.

c) Os propostos polos integrantes da Xunta de Goberno.

d) Os expedientes elevados á Xunta de Goberno polas respectivas comisións e delegacións.

e) Os propostos polas persoas colexiadas e que o Decanato considere oportunos e convenientes.

f) Rogos e preguntas.

3. Para que se poidan adoptar acordos sobre materias non incluídas na orde do día, a propia Xunta deberá apreciar previamente a súa urxencia.

4. Cando sexan razóns de máxima urxencia as que motiven a convocatoria da Xunta de Goberno, prescindirase da orde do día e do requisito temporal de coñecemento da convocatoria antes establecido, e bastará con que, por calquera medio, se lles fagan saber aos integrantes da Xunta o motivo da convocatoria e o lugar e a hora de realización.

5. Das sesións e deliberacións da Xunta de Goberno levantarase a acta, que asinará o titular da Secretaría en unión de quen presida a sesión. As actas someteranse a aprobación na seguinte sesión e, bastará o voto favorable da maioría simple dos asistentes, con voto dirimente do decano ou decana ou de quen o/a substitúa en caso de empate.

6. A Xunta de Goberno será presidida polo decano ou decana ou por quen estatutariamente o/a substitúa, quen dirixirá os debates, dará quenda de palabra e coidará de que as intervencións sexan concisas e axustadas ao asunto obxecto de cuestión.

7. Para a válida constitución da Xunta de Goberno será necesaria a presenza da metade máis un dos seus integrantes. Todas as ausencias deberán ser adecuadamente xustificadas.

8. A documentación relativa aos asuntos que se van tratar deberá custodiarse na Secretaría do Colexio, á disposición dos compoñentes da Xunta de Goberno con antelación á realización da sesión de que se trate.

9. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. En caso de empate, decidirá o voto de calidade do decano ou decana ou de quen estea a desempeñar as súas funcións.

10. Os integrantes da Xunta de Goberno que teñan interese directo ou indirecto nun concreto asunto incluído na orde do día ausentaranse da sesión durante a súa discusión e votación, e incorporaránse a ela unha vez que a Xunta tomase a decisión que sobre tal cuestión considere pertinente. De tal feito deixarase constancia na acta.

11. A asistencia ás sesións da Xunta de Goberno é obrigatoria para todos os seus compoñentes, polo que as ausencias inxustificadas a tres sesións consecutivas ou cinco alternas nun período dun ano comportará a perda da súa condición de integrante da Xunta, logo de acordo en tal sentido adoptado pola Xunta de Goberno.

Artigo 40. Atribucións e funcións

Son atribucións da Xunta de Goberno:

a) Resolver sobre a admisión de quen solicite incorporarse ao Colexio; en casos de urxencia poderá exercer esta facultade o decano ou decana, e aquela debera ser ratificada pola Xunta de Goberno.

b) Convocar xuntas xerais ordinarias e extraordinarias sinalando a orde do día para cada unha.

c) Convocar eleccións para a provisión dos cargos de decano ou decana e demais membros da Xunta de Goberno, proclamando e publicando as candidaturas e dispondo o necesario para a súa elección.

d) Determinar as cotas de incorporación, que non poderán superar os custos asociados á tramitación da inscrición, as cotas ordinarias e os dereitos que deben satisfacer as persoas colexiadas para o sostemento das cargas e servizos colexiais.

e) Propor, se o considera pertinente, a imposición de cotas extraordinarias ás persoas colexiadas.

f) Redactar os orzamentos, render contas anuais e recadar, administrar e distribuír os fondos colexiais, as cotas fixadas para o sostemento das cargas do Colexio, do Consello Xeral da Avogacía Española e do Consello da Avogacía Galega.

g) Aprobar ou someter á Xunta Xeral a aprobación de criterios orientadores de honorarios profesionais para os efectos de taxación de custas e xura de contas.

h) Emitir informes periciais sobre honorarios profesionais cando sexa requirida para ese efecto.

i) Emitir consultas e ditames, administrar arbitraxes e ditar laudos arbitrais.

j) Exercer a potestade disciplinaria do Colexio.

k) Velar por que as persoas colexiadas observen boa conduta con relación aos tribunais de xustiza, aos seus compañeiros e aos seus clientes, e que no desempeño da súa función despreguen a necesaria dilixencia e competencia profesional.

l) Outorgarlles ás persoas colexiadas amparo cando a súa independencia e liberdade, a consideración debida á avogacía, a salvagarda do segredo profesional e a protección do dereito e deber de defensa se vexan limitados ou perturbados por calquera causa.

m) Promover ante as autoridades públicas canto se considere adecuado para o exercicio da avogacía, exercendo os dereitos e accións que correspondan ao Colexio contra quen entorpeza o bo funcionamento da Administración de xustiza ou a liberdade e independencia do exercicio profesional.

n) Exercer as accións e actuacións oportunas para impedir e perseguir o intrusionismo, así como o exercicio da profesión por quen, colexiado ou non, a exerza en forma e baixo condicións contrarias ás legalmente establecidas.

ñ) Someter a referendo asuntos concretos de interese colexial, por sufraxio secreto e na forma que a propia Xunta estableza.

o) Regular o funcionamento do servizo de asistencia xurídica gratuíta.

p) Proceder á contratación e, de ser o caso, á extinción ou modificación da relación laboral das persoas empregadas no Colexio.

q) Supervisar e organizar a actividade da Escola Superior de Práctica Xurídica «Teucro Iuris», nomear e substituír as persoas encargadas da súa dirección.

r) Promover o respecto e cumprimento, a divulgación, coñecemento e ensino das normas deontolóxicas.

s) Ditar as normas que xulgue necesarias para o adecuado funcionamento dos distintos servizos colexiais.

t) Cantas outras atribucións se establecen nestes estatutos e no Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 41. O vicedecano ou vicedecana

O cargo será exercido pola deputada primeira ou o deputado primeiro da Xunta de Goberno, que levará a cabo todas aquelas funcións que lle delegue o Decanato. Así mesmo, asumirá as funcións de Decanato nos casos de vacante por calquera causa, tales como falecemento, ausencia, enfermidade, recusación ou abstención nos asuntos que o/a poidan afectar.

Artigo 42. O secretario ou secretaria

1. O secretario ou a secretaria da Xunta de Goberno serao tamén das xuntas xerais.

2. Son funcións do secretario ou secretaria:

a) Efectuar as convocatorias da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno conforme o previsto nestes estatutos, e calquera outro oficio de citación para todos os actos do Colexio, seguindo as instrucións que lle poida dar o Decanato.

b) Redactar e autorizar as actas das sesións que realicen a Xunta Xeral e a Xunta de Goberno, co visto e prace do Decanato.

c) Velar pola legalidade dos acordos dos órganos colexiais.

d) Expedir as certificacións dos acordos e situacións administrativas colexiais co visto e prace do Decanato.

e) Custodiar a documentación do Colexio.

f) Recibir e dar conta ao Decanato de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao Colexio.

g) Organizar e dirixir a actividade administrativa da Secretaría do Colexio.

h) Exercer a xefatura do persoal administrativo e das dependencias do Colexio.

i) Cantas outras funcións lle encomende a Xunta de Goberno.

Artigo 43. O tesoureiro ou tesoureira

Funcións e responsabilidades:

a) Elaborar o anteproxecto de orzamentos e das contas anuais.

b) Elaborar as propostas de modificación das cotas colexiais.

c) Informar periodicamente, polo menos unha vez cada trimestre, a Xunta de Goberno do estado de contas de ingresos e de gastos, e do grao de execución dos orzamentos.

d) Redactar, para a súa presentación á Xunta Xeral, as contas do exercicio económico vencido e os orzamentos anuais.

e) Controlar a recadación e a contabilidade, así como custodiar os fondos do Colexio.

f) Proporlle á Xunta de Goberno a adopción de medidas fronte aos colexiados que incumpran as súas obrigacións económicas respecto do Colexio.

g) Abrir e pechar contas bancarias, ingresar e retirar fondos das ditas contas, autorizar os gastos e ordenar os pagamentos, de forma solidaria ou mancomunada co Decanato, o secretario ou a secretaria e, de ser o caso, coa secretaria técnica, na forma que estableza a Xunta de Goberno.

h) Levar o inventario dos bens do Colexio.

i) Calquera outra función vinculada coas anteriores ou que lle encomende a Xunta de Goberno.

Artigo 44. O bibliotecario ou a bibliotecaria

Correspóndelle ao bibliotecario ou á bibliotecaria:

a) Adoptar as medidas oportunas co fin de que a biblioteca colexial estea en adecuado uso, actualizando permanentemente os fondos bibliográficos ou informáticos que deba acoller.

b) Formar e levar os oportunos rexistros e catálogos de obras.

c) Proporlle á Xunta de Goberno as adquisicións de toda orde que entenda precisas ou convenientes para o bo servizo da biblioteca.

Artigo 45. Os deputados e as deputadas

1. Os deputados e as deputadas actuarán como vogais da Xunta, desempeñando as funcións que a propia Xunta de Goberno e o decano ou a decana lles encomenden.

2. Os cargos de deputados estarán numerados.

3. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou cesamento do decano ou da decana, será substituído/a temporalmente polo vicedecano ou a vicedecana; na súa falta, polos demais deputados ou deputadas en orde de maior a menor prelación na súa ordenación.

4. Nos mesmos casos, as persoas responsables da Secretaría e da Tesouraría serán substituídas temporalmente polos deputados ou as deputadas en orde de menor a maior prelación na súa ordenación.

Artigo 46. Cesamentos

As persoas que formen parte da Xunta de Goberno cesarán no seu cargo polas seguintes causas:

a) Falecemento.

b) Renuncia ao cargo.

c) Expiración do mandato para o cal foron elixidas.

d) Falta inicial non coñecida ou perda sobrevida dos requisitos estatutarios e de capacidade para desempeñar o cargo, que deberá ser declarada polo Decanato, logo de informe vinculante da Xunta de Goberno da cal non formará parte o excluído, aínda que deberá ser oído previamente a adoptar a dita decisión.

e) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou a cinco alternas no termo dun ano, logo de acordo da propia Xunta.

f) Aprobación de voto de censura que os/as afecte.

Artigo 47. Provisión de vacantes

1. En caso de cesamento anticipado dun cargo da Xunta de Goberno, a vacante cubrirase na primeira renovación estatutaria da Xunta que deba ter lugar. No entanto, poderá o decano ou a decana, ou quen faga as súas funcións, convocar eleccións ao cargo vacante cando aprecie grave prexuízo para o funcionamento da Xunta de Goberno.

2. A duración do cargo cuberto será polo período que reste para a expiración do mandato.

3. Cando, por calquera causa, queden vacantes á totalidade dos cargos da Xunta de Goberno, o Consello da Avogacía Galega designará unha xunta provisional de entre as persoas colexiadas con máis antigüidade no Colexio.

A dita xunta provisional convocará, no prazo de trinta días naturais, eleccións para a provisión dos cargos vacantes polo resto do mandato que queda, eleccións que deberán ter lugar dentro dos trinta días naturais seguintes contados a partir da convocatoria.

Artigo 48. Voto de censura

1. O voto de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros deberá decidirse en xunta xeral extraordinaria convocada para ese efecto.

2. A solicitude de convocatoria da xunta xeral extraordinaria para ese efecto requirirá a sinatura de, polo menos, o vinte por cento das persoas colexiadas exercentes incorporadas con polo menos tres meses de antelación, e expresará con claridade as razóns en que se funda.

3. A xunta xeral extraordinaria deberá ter lugar no prazo de trinta días hábiles contados desde que se presentase a solicitude e non se poderán tratar máis asuntos que os expresados na convocatoria.

4. A válida constitución da dita xunta xeral extraordinaria requirirá en primeira convocatoria a concorrencia persoal da metade máis un do censo colexial con dereito a voto, e en segunda convocatoria bastará un terzo do censo colexial con dereito a voto.

5. O voto deberá ser expresado necesariamente de forma persoal, directa e secreta e non se poderá, en ningún caso, delegar o voto.

6. Se o voto de censura non é aprobado, ou se a Xunta Xeral extraordinaria non se constitúe validamente por falta do quórum establecido no punto cuarto anterior, non se poderá presentar ningún outro ata que transcorrese un ano desde a presentación do anterior.

7. Aprobado o voto de censura, deberán cesar nos seus cargos os integrantes da Xunta de Goberno censurados e deberá actuarse conforme o establecido nestes estatutos.

CAPÍTULO IV

As xuntas xerais

Artigo 49. As xuntas xerais

1. A Xunta Xeral é o órgano supremo de expresión da vontade colexial e está composta pola totalidade das persoas colexiadas.

2. As reunións da Xunta Xeral poderán ser ordinarias ou extraordinarias.

Artigo 50. Funcións

A Xunta Xeral terá as seguintes atribucións, ademais das establecidas no Estatuto xeral da avogacía española e demais normativa aplicable:

a) Aprobar os estatutos do Colexio e as súas modificacións ou reformas.

b) Debater e, de ser o caso, aprobar os orzamentos e as contas anuais de cada exercicio.

c) Debater e, de ser o caso, resolver sobre a reprobación ou censura da Xunta de Goberno ou de calquera dos seus membros.

d) Aprobar a imposición de cotas extraordinarias.

e) Aprobar o investimento ou disposición do patrimonio colexial se se trata de bens inmobles ou bens patrimoniais inventariados como de considerable valor.

f) Aprobar os regulamentos de réxime interior que lle propoña a Xunta de Goberno.

g) Discutir e votar cantos outros asuntos se consignen na convocatoria.

Para ese efecto, e con carácter previo á convocatoria, as persoas colexiadas poderán presentar as propostas que desexen someter á deliberación e ao acordo da Xunta Xeral. As ditas propostas deben estar subscritas por un número mínimo de vinte colexiados ou colexiadas e formularse cunha antelación mínima de dez días hábiles ao da data de realización da xunta xeral. Ao darse lectura a estas proposicións, a Xunta Xeral acordará se procede ou non abrir discusión sobre elas.

h) Calquera outra facultade que lle atribúan as leis, os regulamentos ou estes estatutos.

Artigo 51. Convocatoria

1. A Xunta Xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces ao ano, unha en cada semestre. A primeira para a aprobación das contas anuais do exercicio anterior, e a segunda para a aprobación do orzamento do ano seguinte.

2. Poderán ter lugar, ademais, cantas xuntas xerais extraordinarias sexan debidamente convocadas, por iniciativa do decano ou decana, ou por solicitude do trinta por cento dos membros da Xunta de Goberno, ou do dez por cento dos profesionais da avogacía exercentes; nese caso, terá lugar no prazo máximo de trinta días hábiles desde a presentación da solicitude, á cal se deberá xuntar a orde do día proposto para a dita convocatoria.

3. A xunta xeral ordinaria será convocada cunha antelación mínima de vinte días hábiles, salvo nos casos de urxencia en que ao xuízo da Xunta de Goberno se deba reducir o prazo, debendo motivarse na convocatoria a causa concreta que a xustifique.

4. A xunta xeral extraordinaria será convocada cunha antelación mínima de dez días hábiles.

5. A convocatoria de xunta xeral, que conterá a orde do día, data, hora e lugar de realización, publicarase no taboleiro electrónico do Colexio e comunicaráselles a todas as persoas colexiadas por medios telemáticos. Se a convocatoria ou algún dos puntos que se van tratar son por instancia das persoas colexiadas, deberá indicarse expresamente tal circunstancia.

6. As persoas colexiadas terán á súa disposición, ben a través do portal electrónico do Colexio, ben na Secretaría durante as horas de apertura, a documentación correspondente aos asuntos da orde do día da convocatoria.

Artigo 52. Orde do día

1. A primeira xunta xeral ordinaria, que terá lugar no primeiro trimestre de cada ano, terá a seguinte orde do día:

a) Recensión que fará o Decanato dos acontecementos máis importantes que durante o ano anterior tivesen lugar en relación co Colexio.

b) Exame e votación da conta xeral de ingresos e gastos do exercicio anterior.

c) Lectura, discusión e votación dos asuntos que se consignen na convocatoria.

d) Lectura, discusión e votación, se procede, das proposicións presentadas conforme o disposto no artigo 50.g) deses estatutos.

e) Rogos e preguntas.

2. A segunda xunta xeral ordinaria, que terá lugar no segundo semestre de cada ano, terá a seguinte orde do día:

a) Exame e votación do orzamento confeccionado pola Xunta de Goberno para o exercicio seguinte.

b) Lectura, discusión e votación dos asuntos que se consignen na convocatoria.

c) Rogos e preguntas.

3. Deberán ser obxecto de xunta xeral extraordinaria os seguintes asuntos:

a) A aprobación ou modificación dos estatutos.

b) O voto de censura.

c) O cambio de denominación, fusión, segregación, disolución ou liquidación do Colexio.

d) A aprobación dos actos de disposición do patrimonio colexial se se trata de bens inmobles ou bens patrimoniais inventariados como de considerable valor.

Artigo 53. Constitución

1. As xuntas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, terán lugar en convocatoria única, sen que se exixa quórum especial ningún para a súa válida constitución. Quedan exceptuadas as xuntas xerais extraordinarias que teñan por obxecto a aprobación ou modificación dos estatutos, o voto de censura ou o cambio de denominación, fusión, segregación, disolución ou liquidación do Colexio, cuxa válida constitución se rexerá polo establecido en cada caso nestes estatutos.

2. A Mesa da Xunta Xeral estará constituída polo decano ou decana, a Secretaría e por outro tres membros da Xunta de Goberno designados por esta.

3. O decano ou a decana presidirá a Mesa, salvo en caso de ausencia; nese caso, farao o deputado primeiro ou a deputada primeira ou, na súa falta, o membro da Xunta de Goberno que substitúa ambos. Correspóndelle a quen presida a Xunta Xeral dirixir o debate, e para estes efectos terá a facultade de abrir a sesión, conceder o uso da palabra, moderar e ordenar a quenda de intervencións, velar polo correcto desenvolvemento das deliberacións e considerar cando un asunto está suficientemente debatido para ser sometido a votación.

Artigo 54. Votación

1. Terán dereito a voz e voto todas as persoas colexiadas incorporadas ao Colexio con carácter previo á convocatoria da xunta, que estean ao día nas súas obrigacións colexiais e non estean suspendidas nos seus dereitos no momento da súa realización.

2. As persoas colexiadas poderán delegar por escrito o seu voto, deberá ser específico para a Xunta Xeral á cal se refira a delegación.

A Mesa deberá comprobar e verificar con carácter previo ás votacións a dita delegación, a cal deberá consignar coa debida claridade se está feita para todos os puntos da orde do día ou só para algún ou algúns deles.

3. Non se pode delegar o voto para as eleccións e votacións de censura, nin tampouco o voto para participar nas xuntas xerais onde se deba tratar a modificación dos estatutos ou o cambio de denominación, a fusión, segregación, disolución e liquidación do Colexio.

4. A delegación de voto só se poderá facer a unha persoa colexiada que cumpra os requisitos para poder exercer o dereito a voto. O número máximo de votos delegados nunha mesma persoa colexiada será de tres.

5. As votacións serán públicas e á man alzada, aínda que serán nominais ou secretas se o solicitan polo menos o vinte por cento das persoas colexiadas asistentes.

En todo caso, será secreta a votación nas mocións de censura e cando a cuestión afecte a dignidade persoal ou profesional dalgunha persoa colexiada.

6. O voto dunha persoa exercente terá o dobre de valor que o dunha non exercente.

Artigo 55. Acordos

1. Os acordos da xunta xeral adoptaranse por maioría simple, salvo nos casos en que se exixa, ben nestes estatutos, ben no Estatuto xeral da avogacía española, maioría cualificada.

2. Os acordos aprobados pola Xunta Xeral obrigarán a todas as persoas colexiadas, presentes e ausentes, desde o momento da súa adopción, sen prexuízo do réxime de recursos que proceda.

3. Non se poderán adoptar na xunta xeral acordos sobre asuntos que non figuren expresamente na orde do día.

4. Do contido da xunta xeral levantarase acta, que será asinada por quen a presida e pola persoa que desempeñe a Secretaría.

CAPÍTULO V

Delegacións, agrupacións e comisións

Artigo 56. Delegacións territoriais

1. Para o mellor cumprimento dos seus fins e a maior eficacia das súas funcións, a Xunta de Goberno poderá acordar o establecemento e a regulación de delegacións do Colexio naquelas demarcacións en que así o requiran os intereses profesionais. A demarcación de cada delegación poderá comprender un ou varios partidos xudiciais.

2. A delegación exercerá a representación da Xunta de Goberno no ámbito da súa demarcación e terá como misión colaborar con esta, baixo cuxas directrices actuará.

3. Terán, no ámbito da súa demarcación, as seguintes funcións:

a) Velar pola liberdade e independencia das persoas colexiadas no cumprimento dos seus deberes profesionais, e polo recoñecemento e a consideración debida á avogacía, informando con toda dilixencia a Xunta de Goberno sobre calquera vulneración ou irregularidade de que teña coñecemento.

b) Velar pola ética e dignidade profesionais, e polo respecto debido aos dereitos dos particulares, informando a Xunta de Goberno de todo comportamento incorrecto en que incorran as persoas colexiadas.

c) Combater o intrusionismo, denunciando a Xunta de Goberno todo suposto exercicio irregular da avogacía ou que se realice en forma e baixo condicións contrarias ás exixencias legais.

d) Canalizar cara á Xunta de Goberno as queixas, reclamacións e suxestións das persoas colexiadas residentes no ámbito territorial da delegación.

e) Representar o Colexio nos actos oficiais dentro da súa demarcación, logo de delegación específica para cada caso da Xunta de Goberno.

f) Informar inmediatamente a Xunta de Goberno e asumir a defensa en casos graves e urxentes das persoas colexiadas que no exercicio da profesión o precisen e ata que a Xunta provexa o necesario.

g) Colaborar coa Xunta de Goberno en todos aqueles asuntos que lle sexan encomendados e exercer as facultades que lle sexan delegadas.

4. As delegacións estarán a cargo dunha ou máis persoas colexiadas cuxa designación e cesamento corresponde á Xunta de Goberno.

5. As persoas colexiadas así designadas prestarán ante a Xunta de Goberno xuramento ou promesa de manter o segredo das deliberacións en que participen.

6. As delegacións poderán ser disoltas en calquera momento mediante acordo da Xunta de Goberno.

Artigo 57. Agrupacións

1. Poderán constituírse no seo do Colexio as agrupacións de profesionais da avogacía, por razóns de idade, forma de exercicio ou especialidades profesionais, sempre que o considere conveniente para unha mellor defensa e representación dos intereses destes colectivos.

2. Correspóndelle á Xunta de Goberno aprobar a súa constitución, suspensión ou disolución, así como os seus estatutos, que se axustarán ás normas e aos acordos corporativos.

3. As agrupacións de profesionais da avogacía que se constitúan no seo do Colexio estarán subordinadas á Xunta de Goberno e non se arrogarán as competencias xerais da Xunta de Goberno ou do propio Colexio, sen prexuízo da defensa dos intereses particulares do colectivo.

4. A regulamentación e funcionamento das agrupacións deberán aterse aos seguintes principios:

a) Os fins e as funcións das agrupacións estarán dentro dos que son propios do Colexio.

b) A adscrición das persoas colexiadas a cada agrupación será voluntaria.

c) O ámbito de actuación das agrupacións será coincidente co do Colexio.

d) A función disciplinaria corresponderá en exclusiva ao Colexio.

e) As agrupacións recoñecidas poderanse unir federativamente coas semellantes doutros colexios da avogacía.

5. As actuacións e comunicacións das agrupacións existentes no Colexio deberán ser identificadas como de tal procedencia, sen atribuírse á Corporación.

Artigo 58. Agrupación de avogados novos

1. Na Corporación existirá unha agrupación da avogacía nova á cal poderán pertencer as persoas colexiadas cunha idade inferior aos 40 anos feitos.

2. A regulamentación e o funcionamento desta agrupación rexerase polos principios recollidos no artigo 57 destes estatutos.

3. Nos orzamentos xerais do Colexio preverase unha partida como dotación económica para atender o mantemento da agrupación, destinada a sufragar as súas actividades. A dita partida estará sometida a fiscalización da Xunta de Goberno, e a agrupación deberá dar conta á Xunta, antes do 30 de novembro de cada ano, do concreto destino dos fondos utilizados, achegando a correspondente xustificación documental.

Artigo 59. Comisións: creación e clases

1. A Xunta de Goberno, para unha maior eficacia no desenvolvemento das súas funcións, estará asistida das comisións que se creen mediante acordo desta, de forma permanente ou temporal, cando se considere necesario ou pertinente, e poderá delegar nelas as competencias que considere oportunas.

2. A Presidencia e a Secretaría das comisións será designada pola Xunta de Goberno.

Artigo 60. Funcionamento, composición e membros das comisións

1. As comisións adoptarán os seus acordos polo voto maioritario dos seus compoñentes, e, en caso de empate, terá voto de calidade a persoa encargada da Presidencia.

2. Para a constitución das comisións requirirase un quórum de asistencia da metade máis un dos seus compoñentes.

3. As persoas membros da Comisión serán designadas pola Xunta de Goberno e desenvolverán o seu labor durante o tempo de mandato da Xunta, sen prexuízo de que poidan ser cesadas por esta en calquera momento.

4. A persoa que exerza a Presidencia poderá non ser membro da Xunta de Goberno, pero en todo caso deberá ser designada por ela.

5. As relacións entre cada Comisión e a Xunta de Goberno manteranse a través da persoa que exerza a Presidencia.

6. Excepcionalmente, en función da transcendencia dunha determinada cuestión sometida ao coñecemento da Comisión, por petición da súa Presidencia, poderá asistir o membro da Comisión designado pola persoa que a exerza, con voz, pero sen voto, á sesión da Xunta de Goberno que deba estudar o asunto ou decidir sobre el.

7. Os membros das comisións presentarán ante a Xunta de Goberno xuramento ou promesa de manter o segredo das deliberacións.

CAPÍTULO VI

Persoal e funcionamento da Secretaría

Artigo 61. A Secretaría administrativa do Colexio

A Secretaría administrativa do Colexio realizará as funcións de rexistro, despacho de comunicacións, atención ás persoas colexiadas e ao público, e todas aquelas propias de oficina administrativa.

Artigo 62. O persoal do Colexio

1. O cadro de persoal do Colexio será aprobado pola Xunta de Goberno.

2. Corresponderalle á Xunta de Goberno a contratación do persoal necesario para o funcionamento e desenvolvemento das actividades do Colexio, así como dos servizos externos que sexan precisos.

Artigo 63. A Secretaría Técnica

1. O Colexio poderá dotarse dunha Secretaría Técnica, na cal, logo de acordo da Xunta de Goberno, se poderá delegar a dirección da actividade administrativa. Deberá ser avogada en exercicio.

2. En todo caso, a Secretaría Técnica emitirá informe sobre os asuntos sometidos a deliberación da Xunta de Goberno, elaborará os informes xurídicos que lle sexan solicitados por esta, asumirá a defensa en xuízo dos asuntos que lle encomende a Xunta de Goberno e realizará aqueloutras funcións que a propia Xunta determine ou delegue, con excepción da competencia para resolver expedientes disciplinarios.

Artigo 64. Delegación de sinatura e de funcións

1. A Xunta de Goberno poderá autorizar a delegación de sinatura dos cargos unipersoais na persoa responsable da Secretaría Técnica, para un acto ou de forma permanente para un tipo de actos. A delegación de sinatura farase constar en cada ocasión que se faga uso dela, con remisión expresa ao acordo en que se autorizase. O acordo determinará o alcance da delegación.

2. A Xunta de Goberno poderá delegar na mesma persoa a realización de actos e trámites, como expedir os libramentos dentro dun límite económico prefixado, ou aqueles que sexa conveniente encomendarlle para cumprir o principio de eficacia administrativa.

Artigo 65. A documentación das actas

1. Na Secretaría do Colexio levaranse os arquivos físicos ou electrónicos, segundo proceda, onde se transcribirán separadamente as actas correspondentes ás xuntas xerais e ás xuntas de goberno.

2. As Ditas actas deberán ser asinadas polo decano ou decana ou por quen estatutariamente presidise a Xunta substituíndoo, e polo secretario ou secretaria, ou por quen desempeñase as súas funcións.

Artigo 66. Comunicacións e notificacións

1. As convocatorias, circulares e comunicacións colexiais poderán realizarse por medios telemáticos, ben no enderezo de correo electrónico que a persoa colexiada facilitase ao Colexio, ben mediante a súa posta á disposición no taboleiro electrónico habilitado para o efecto.

2. As notificacións de actos suxeitos ao dereito administrativo efectuaranse mediante a súa posta á disposición na sede electrónica do Colexio.

De non acceder ao contido da notificación no prazo legalmente establecido para ese efecto, entenderase rexeitada, darase por efectuado o trámite e continuarase coa tramitación do expediente ou procedemento.

3. As comunicacións e notificacións colexiais deberán ser obxecto de publicación no taboleiro electrónico do colexio ou noutros medios cando así o establezan as normas reguladoras de cada procedemento, e en especial:

a) Como medio de notificación subsidiaria, cando non sexa posible a notificación persoal á persoa interesada ou a que se realizou non fose efectiva.

b) Cando sexa preciso para garantir o seu coñecemento polas posibles persoas interesadas, ao criterio da Xunta de Goberno.

TÍTULO V

Réxime electoral

Artigo 67. Sufraxio activo e pasivo

1. Todos os membros da Xunta de Goberno serán elixidos en votación directa e secreta das persoas colexiadas entre as candidaturas legalmente proclamadas.

2. Poderán participar como electores todas as persoas colexiadas incorporadas ao Colexio con, polo menos, tres meses de antelación á data de convocatoria das eleccións, que estean ao día nas súas obrigacións colexiais e non se encontran suspendidas nos seus dereitos na data da dita convocatoria.

3. As persoas candidatas proclamadas terán dereito a utilizar en condicións de igualdade os medios de difusión colexiais para dar a coñecer o seu programa electoral a todas as persoas colexiadas; en concreto, poderán solicitar, dentro dos cinco días seguintes ao da súa proclamación, unha copia do censo electoral, en soporte apto para o seu tratamento informático, e a súa utilización deberá adecuarse á normativa de protección de datos persoais.

4. Nas eleccións, o voto da persoa exercente terá o dobre de valor que o voto das persoas non exercentes. Non cabe a delegación de voto.

5. O mandato de cada membro elixido para formar parte da Xunta de Goberno será de cinco anos, sen prexuízo de que calquera dos seus membros poida optar, por unha vez, á reelección ao mesmo cargo.

6. A Xunta de Goberno renovarase de maneira parcial dentro de cada ciclo electoral, de tal maneira que cada ciclo comeza coa elección do decano ou decana, persoa deputada primeira, persoa deputada terceira, persoa deputada sexta e bibliotecario ou bibliotecaria, e no prazo dun ano desde a toma de posesión dos citados cargos renovarase o resto da Xunta, composto pola persoa deputada segunda, persoa deputada cuarta, persoa deputada quinta, Tesouraría e Secretaría.

Artigo 68. Convocatoria de eleccións

1. A convocatoria das eleccións faraa a Xunta de Goberno e deberá anunciarse con polo menos trinta días de antelación ao da data da súa realización.

2. A convocatoria electoral deberá expresar os cargos que resultan obxecto de elección, os requisitos exixidos para poder optar a cada un deles, o lugar, a data, que deberá coincidir en día hábil, e a hora de comezo e de peche das votacións, con indicación, de ser o caso, da posibilidade de exercer o voto telematicamente ou por correo postal, con indicación, para estes casos, dos requisitos necesarios e do momento ata o cal se pode exercer o dereito.

3. No caso de que a convocatoria for para cubrir vacantes que se produzan na Xunta de Goberno durante a vixencia do seu mandato, a Xunta convocará eleccións para cubrir estas no momento en que considere pertinente, no prazo máximo de seis meses desde que estas se produzan.

4. O prazo de mandato dos elixidos para cubrir as vacantes durará ata o momento en que tería finalizado o mandato do membro que cesou.

Artigo 69. A Xunta Electoral

1. Os procesos electorais desenvolveranse baixo a supervisión dunha xunta electoral, á cal corresponderá velar pola boa marcha de cantos trámites electorais se levaren a cabo durante o período para o que foron elixidos os seus compoñentes.

2. A Xunta Electoral actuará con total independencia e deberá ser provista pola Xunta de Goberno de todos os medios que requira para o desenvolvemento do seu labor.

3. A Xunta Electoral estará composta por un número de persoas colexiadas comprendido entre cinco e dez, e non poderá pertencer a ela ningún membro da Xunta de Goberno, nin das delegacións nos partidos xudiciais, a persoa encargada da Dirección da Escola de Práctica Xurídica, persoas membros de xuntas directivas de agrupacións, coordinadores e comisións ou calquera outro coordinador ou responsable dun órgano estatutario.

4. A validez dos acordos da Xunta Electoral requirirá un quórum de, polo menos, a maioría dos seus membros. Os acordos serán adoptados por maioría simple e, en caso de empate nas deliberacións, quen presida a Xunta Electoral terá voto de calidade.

Presidirá a Xunta Electoral a persoa colexiada que se elixa entre os seus membros ou, se non hai acordo, a de maior antigüidade no Colexio.

5. Os compoñentes da Xunta Electoral serán elixidos entre os candidatos que se presenten para formar parte deste órgano na última xunta xeral ordinaria previa á convocatoria electoral en que se renove o cargo de decano ou decana. A elección farase por maioría simple dos asistentes e desempeñarán o seu labor durante cinco anos.

6. Os membros da Xunta Electoral cesarán polos seguintes motivos:

a) Expiración do prazo para o cal foron elixidos.

b) Renuncia.

c) Perda da condición de persoa colexiada.

d) Revogación pola Xunta Xeral.

e) Sanción firme acordada en expediente disciplinario.

7. Para o suposto de que na Xunta Xeral en que deben ser elixidos non chegue a acadar os cinco membros que deben conformar a Xunta Electoral ou que, como consecuencia dalgunha das circunstancias anteriormente expostas, vise reducido o seu número por debaixo de cinco, a Xunta de Goberno poderá cubrir as vacantes propondo para ese efecto persoas colexiadas da súa libre designación, preferentemente entre membros de anteriores xuntas de goberno.

8. A Xunta Electoral acordará o número de mesas electorais para o acto da votación e as dependencias en que esta debe desenvolverse.

Designará, así mesmo, entre os seus compoñentes quen presida ou desempeñe a Secretaría de cada unha das mesas electorais.

Artigo 70. Publicidade da convocatoria e listas de electores

1. O acordo de convocatoria de eleccións porase de inmediato en coñecemento da Xunta Electoral, que se fará cargo de todo o proceso electoral ata a súa finalización e procederá a darlle a oportuna publicidade mediante a súa inserción no taboleiro de anuncios do Colexio e na súa páxina web, e remitirállelo, así mesmo, a todas as persoas colexiadas de maneira telemática.

2. Dentro do prazo de cinco días desde a convocatoria e ata as 24 horas anteriores á data da votación, exporanse no taboleiro de anuncios do Colexio, así como na páxina web do Colexio, as listas separadas das persoas colexiadas exercentes e non exercentes con dereito a voto.

3. Ao tempo da súa exposición, abrirase un prazo de oito días para a formulación de reclamacións sobre inclusións e exclusións, que serán resoltas motivadamente pola Xunta Electoral no prazo de tres días hábiles desde que se formule a reclamación, e a resolución deberase comunicar á persoa interesada e á Xunta de Goberno.

4. As listas definitivas de electores poranse á disposición das candidaturas proclamadas.

Artigo 71. Presentación de candidaturas

1. As candidaturas deberán presentarse na Secretaría do Colexio con, polo menos, quince días de antelación ao da data sinalada para a realización das eleccións.

2. As candidaturas poderán ser individuais ou conxuntas para varios cargos, sen que ningunha persoa colexiada se poida presentar como candidata a máis dun cargo dos que deban ser elixidos na mesma convocatoria.

3. O día hábil seguinte ao da finalización do prazo de presentación de candidaturas, a Xunta Electoral proclamará aquelas persoas que reúnan os requisitos exixibles.

4. No caso de que haxa unha soa candidatura para algún dos cargos convocados, será proclamado electa.

5. A relación de persoas candidatas proclamadas será exposta no taboleiro de anuncios do Colexio, así como na súa páxina web, e notificaráselles ás persoas interesadas.

Artigo 72. Requisitos de elixibilidade

Serán elixibles como decano ou decana, ou membros da Xunta de Goberno aquelas persoas colexiadas exercentes e con despacho profesional no seu ámbito territorial, sempre que concorran nelas as seguintes condicións:

a) Que non estean condenadas por sentenza firme que comporte a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos, mentres estas subsistan.

b) Que non estean sancionadas disciplinariamente por resolución administrativa firme, mentres non sexan rehabilitadas.

c) Que non sexan membros reitores doutro colexio profesional.

d) Que estean ao día nas súas obrigacións colexiais.

e) Para o cargo de decano ou decana, persoa deputada primeira, persoa deputada segunda e Secretaría requirirase un exercicio profesional mínimo de cinco anos.

f) Se resulta elixida para calquera cargo unha persoa colexiada que preste servizos laborais no Colexio como contratada ou asalariada, deberá pasar á situación de excedencia, se ten dereito a iso, ou rescindir o seu contrato antes da súa toma de posesión.

g) As persoas electas que cesen nos seus cargos poderán ser reelixidas unha soa vez, sen prexuízo de que poidan optar a outros cargos da Xunta de Goberno que non desempeñasen con anterioridade.

Artigo 73. Desenvolvemento das votacións

1. O día fixado para a realización das eleccións constituirase na sede do Colexio a Mesa Electoral, que quedará integrada por tres membros da Xunta Electoral escollidos por esta ben mediante votación ou, en caso de empate, mediante sorteo. Os membros da Mesa Electoral, a partir da súa elección, non poderán participar nas deliberacións e votacións da Xunta Electoral.

2. A persoa colexiada con maior antigüidade exercerá como Presidente da Mesa, auxiliada por dous vogais, e a persoa de menor antigüidade exercerá a Secretaría da Mesa.

3. Cada candidatura poderá designar entre as persoas colexiadas un interventor ou interventora que a represente durante o desenvolvemento das votacións e o escrutinio.

4. Na sede electoral habilitaranse dúas urnas, unha para as persoas colexiadas exercentes e outra para as persoas colexiadas non exercentes.

5. Constituída a Mesa Electoral, as votacións desenvolveranse no horario que se determine na convocatoria.

6. As papeletas de votación deberán ser brancas e levar impresa no seu anverso exclusivamente a relación de cargos que se elixen, sen prexuízo de que se poidan introducir na papeleta de voto as modificacións que sexan necesarias e imprescindibles para a súa lectura e reconto por medios telemáticos, requirirase en todo caso, para a súa edición a aprobación do formato pola Xunta Electoral.

7. As persoas candidatas deberán editar as súas propias papeletas, que deberán de ser exactamente iguais en tamaño, formato e características que as aprobadas pola Xunta Electoral.

8. A Mesa comprobará a inclusión no censo electoral do votante. O seu presidente pronunciará en voz alta o nome e apelidos do votante, tras o cal o propio presidente introducirá a papeleta na urna correspondente.

9. Finalizadas as votacións, inmediatamente despois, comezará o escrutinio e leranse en voz alta todas as papeletas.

10. Serán declarados nulos aqueles votos que conteñan expresións alleas ao contido da votación ou que conteñan debuxos, emendas ou riscaduras, e parcialmente nulos, en canto á candidatura que afecten, as que indiquen máis dunha persoa candidata para un mesmo cargo.

As papeletas que estean só parcialmente cubertas en canto ao número de candidatos, pero que reúnan os requisitos exixidos para a súa validez, serano para os cargos e persoas correctamente expresados.

Artigo 74. Votación anticipada por medios telemáticos

1. Cando na convocatoria das eleccións así se faga constar, poderase exercer o dereito de voto de maneira anticipada e telemática na forma en que se determine.

2. O voto telemático deberá exercerse con sinatura electrónica que garanta a identidade do votante e o carácter secreto do voto a través do sistema de voto telemático que se implemente.

Artigo 75. Votación anticipada por correo

1. O elector ou electora que desexe emitir o seu voto por correo deberá solicitar á Xunta Electoral unha certificación que acredite que reúne os requisitos para exercer o seu dereito a voto.

2. Esta solicitude poderá efectuarse cunha anticipación mínima de quince días ao da data sinalada para a votación, ben mediante comparecencia persoal ante a Secretaría do Colexio, ben a través da súa sede electrónica.

3. A Xunta Electoral, tras a proclamación das candidaturas, remitirá a certificación a que se fai referencia no número 1 anterior, xunto coa relación das candidaturas, dúas papeletas de voto en branco e un sobre de votación.

4. Unha vez que o elector escollese ou, de ser o caso, cubrise a papeleta de voto, introduciraa no sobre de votación e pecharao. Incluirá este sobre e a certificación no sobre dirixido á Mesa, e deberá ter entrada na sede colexial polo menos cinco días antes do da realización das eleccións.

5. Queda prohibida toda intervención directa ou indirecta de persoas candidatas na iniciativa ou nos trámites de voto por correo que corresponde aos electores. A infracción desta norma determinará que a Xunta Electoral, de oficio ou por instancia de parte, exclúa o candidato infractor do proceso electoral en que se cometa.

6. Os votos emitidos por correo conservaranse baixo custodia da Xunta Electoral en sede colexial para seren escrutados inmediatamente despois do voto presencial, tras a finalización da xornada electoral.

Artigo 76. Escrutinio

1. O escrutinio terá lugar inmediatamente despois de terminada a votación e leranse en voz alta todas as papeletas.

2. O voto das persoas colexiadas exercentes terá dobre valor que o das demais persoas colexiadas, e proclamaranse electos para cada cargo aos candidatos ou candidatas que obteñan a maioría.

3. Finalizado o escrutinio, incluídos o voto telemático, se o houber, e o voto por correo, o seu resultado numérico consignarase na acta que asinarán os integrantes da Mesa.

4. Na acta advertiranse as eventuais incidencias que se produzan durante a votación e o escrutinio.

Artigo 77. Proclamación de cargos electos

1. Tras o reconto de votos, proclamaranse electos para cada cargo os candidatos e candidatas que obteñan a maioría.

2. En caso de empate, entenderase elixido o que máis votos obtivese entre os exercentes; de persistir a igualdade, o de maior tempo de exercicio no Colexio, e, se aínda se manten o empate, o de maior idade.

Artigo 78. Toma de posesión

1. As persoas electas tomarán posesión en acto solemne en xunta xeral ordinaria ou nunha xunta extraordinaria, de se celebrar algunha antes que aquela, logo de xuramento ou promesa de cumprir fielmente o cargo respectivo e gardar segredo das deliberacións da Xunta de Goberno.

2. No dito acto imporánselles os distintivos colexiais acreditativos dos seus cargos.

Artigo 79. Comunicacións

No prazo de cinco días desde a constitución dos órganos de goberno, deberá comunicarse esta ao Consello Xeral da Avogacía Española, ao Consello da Avogacía Galega e á consellería competente en materia de colexios profesionais, con indicación da súa composición e do cumprimento dos requisitos legais.

Artigo 80. Recursos

1. Os recursos que se interpoñan durante o proceso electoral ou contra o seu resultado serán admitidos nun só efecto e non suspenderán a votación, proclamación e toma de posesión das persoas electas, salvo cando así se acorde por causas excepcionais mediante resolución expresa e motivada por parte da Xunta Electoral.

2. As resolucións ou os acordos da Xunta Electoral poderán ser impugnados ante a Xunta de Goberno no prazo de cinco días. Será competente para coñecer dos recursos contra os actos da Xunta de Goberno o Consello da Avogacía Galega.

TÍTULO VI

Réxime xurídico dos actos sometidos ao dereito administrativo
e a súa impugnación

Artigo 81. Normativa aplicable

1. Estará sometido ao dereito administrativo o exercicio das funcións públicas que lle foron atribuídas ao Colexio por lei ou delegadas por unha Administración pública. O exercicio destas funcións rexerase pola súa normativa específica e, supletoriamente, pola Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Os demais actos e acordos que adopten os órganos colexiais estarán sometidos a estes estatutos e ao dereito privado, e poderán ser obxecto de impugnación, reclamación ou exixencia das responsabilidades que da súa propia natureza poidan derivar ante a xurisdición que corresponda por razón da materia.

Artigo 82. Cómputo de prazos

O cómputo dos prazos dos actos suxeitos ao dereito administrativo rexerase polas regras establecidas na lexislación do procedemento administrativo común.

Artigo 83. Executividade e eficacia dos actos suxeitos a dereito administrativo

1. Os acordos e actos dos órganos colexiais en materias non suxeitas ao dereito administrativo serán inmediatamente executivos, salvo que nos propios acordos dispoñan outra cousa.

2. Os acordos e actos sometidos ao dereito administrativo presumiranse válidos e producirán efectos desde a data en que se diten, salvo que neles se dispoña outra cousa ou se refiran a materia disciplinaria. A eficacia quedará demorada cando así o exixa o contido do acto ou estea supeditada á súa notificación ou publicación.

3. A suspensión dos actos e acordos sometidos ao dereito administrativo rexerase polo establecido nos artigos 90.3 e 117.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 84. Recurso de alzada

Os acordos e actos definitivos suxeitos ao dereito administrativo dos órganos colexiais poderán ser impugnados en alzada ante o Consello da Avogacía Galega.

O recurso de alzada interporase ante o mesmo órgano que ditou o acto ou acordo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación. O prazo concluirá o mesmo día en que se produciu a notificación ou publicación no mes de vencemento.

O Colexio, no prazo do quince días seguintes ao da data de presentación do recurso, remitirao ao órgano competente para resolver, xunto cunha copia completa e ordenada do expediente.

Artigo 85. Notificación das resolucións colexiais

1. Deberán notificarse persoalmente aqueles acordos que o/a afecten de forma individual, directa e persoal. Non se comprenden nesta notificación persoal as convocatorias a xuntas xerais nin os acordos de interese xeral, aos cales se dará publicidade mediante circular ou inserción no taboleiro electrónico do Colexio.

2. Toda notificación dun acto ou acordo suxeito ao dereito administrativo deberá conter o seu texto íntegro, con indicación de se pon fin ou non á vía administrativa, a expresión dos recursos que procedan, de ser o caso, en vía administrativa e xudicial, o órgano ante o que deban presentarse e o prazo para os interpor, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente.

3. As notificacións que, contendo o texto íntegro do acto, omitisen algún dos demais requisitos previstos no punto anterior producirán efecto a partir da data en que a parte interesada realice actuacións que supoñan o coñecemento do contido e o alcance da resolución ou acto obxecto da notificación, ou interpoña calquera recurso que proceda.

4. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, e só para os efectos de entender cumprida a obrigación de notificar dentro do prazo máximo de duración dos procedementos, será suficiente a notificación que conteña, cando menos, o texto íntegro da resolución, así como o intento de notificación debidamente acreditado.

5. A notificación ás persoas colexiadas efectuarase a través da sede electrónica do Colexio ou, en caso de persoas colexiadas non exercentes ou de terceiras persoas interesadas, no domicilio que estas indiquen para efectos de notificacións, por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción e data. Tamén se poderá efectuar con ocasión da comparecencia espontánea da parte interesada nas oficinas colexiais.

6. Se a notificación persoal non se pode efectuar, poderá levarse a cabo en calquera das formas previstas na lexislación de procedemento administrativo común ou, de non ser iso posible, mediante a súa publicación no taboleiro electrónico do Colexio; producirá todos os seus efectos a notificación, neste último caso, transcorridos quince días desde a data da publicación.

TÍTULO VII

Réxime económico

Artigo 86. Principios informadores

1. De conformidade co establecido no Estatuto xeral da avogacía española, o funcionamento económico do Colexio axustarase ao réxime de orzamento anual e será obxecto dunha ordenada contabilidade, coincidindo o exercicio económico co ano natural, para cuxos efectos se confeccionará unha memoria anual, de acordo co disposto na lei.

2. As persoas colexiadas poderán examinar as contas anuais durante os quince días soltos anteriores ao da data de realización da xunta xeral a que se deban someter para a súa aprobación ou rexeitamento.

Este dereito de información exercerase mediante exame persoal por parte da persoa colexiada, quen se poderá auxiliar para ese efecto de perito titulado na materia.

3. Unha vez aprobadas as contas anuais, publicaranse durante un período de, polo menos, catro anos na páxina web do Colexio.

Artigo 87. O orzamento

1. O orzamento do Colexio é a expresión cifrada, conxunta e sistemática dos gastos e investimentos que se prevé que serán realizados e dos ingresos que se calcula que serán percibidos durante o exercicio económico.

2. O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural.

3. A Xunta de Goberno formulará o orzamento de ingresos e gastos para o exercicio seguinte e someterao a aprobación na segunda xunta xeral ordinaria do ano. Se non son aprobados antes do primeiro día do exercicio económico correspondente, consideraranse automaticamente prorrogados os orzamentos do exercicio anterior.

4. Corresponderalle á primeira Xunta Xeral ordinaria do ano a discusión e votación da conta xeral de ingresos e gastos do exercicio anterior.

Artigo 88. Recursos económicos

Constitúen recursos económicos do Colexio:

a) Os rendementos de calquera natureza das actividades que realice o Colexio.

b) Os rendementos que produzan os bens e dereitos que integran o seu patrimonio.

c) As cotas de incorporación.

d) Os dereitos pola expedición de certificacións.

e) Os importes que correspondan pola emisión de ditames, resolucións, informes ou consultas que se realicen sobre calquera materia, incluídas as referidas á xura de contas de avogados e taxacións de custas, así como pola prestación doutros servizos colexiais, na contía que fixe a Xunta de Goberno.

f) O importe das cotas ordinarias, fixas ou variables, así como o das cotas extraordinarias e de mantemento.

g) As subvencións e os donativos que lle concedan ao Colexio as administracións públicas, corporacións oficiais, entidades públicas ou privadas e demais persoas físicas ou xurídicas.

h) Os bens e dereitos que, por herdanza, legado ou outro título, pasen a formar parte do patrimonio do Colexio.

i) As cantidades que por calquera concepto corresponda percibir ao Colexio pola administración de rendas ou bens alleos.

j) O produto da venda de bens do patrimonio do Colexio.

k) As multas pecuniarias aboadas ao Colexio en virtude de resolución disciplinaria firme.

l) Calquera outra que legalmente proceda.

Artigo 89. Inventario do patrimonio

1. Os bens integrantes do patrimonio do Colexio serán rexistrados nun inventario que estará ao coidado da Tesouraría.

2. A estrutura do inventario e os datos que deba conter serán determinados pola Xunta de Goberno.

Artigo 90. Administración do patrimonio

1. O patrimonio do Colexio será administrado pola Xunta de Goberno, facultade que exercerá a través da Tesouraría e coa colaboración técnica que precise.

2. O decano ou a decana ordenará os pagamentos, que serán executados pola Tesouraría.

Artigo 91. Auditorías

1. A Xunta de Goberno, por acordo propio ou por requirimento da Xunta Xeral, poderá encargar a persoas físicas ou xurídicas habilitadas legalmente e alleas ao Colexio a realización de auditorías sobre o patrimonio e contas do Colexio, ou sobre determinadas actividades ou servizos.

2. En todo caso, cando se produza o cesamento e a renovación do decano ou decana, realizarase unha auditoría co obxecto de comprobar, cando menos, a corrección da contabilidade e a realidade do gasto.

TÍTULO VIII

Responsabilidade profesional

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 92. Responsabilidade penal e civil

1. Os avogados e as avogadas están suxeitos a responsabilidade penal e civil polos actos que realizan no exercicio da súa profesión, a cal se determinará conforme as leis ordinarias.

2. Deberase ter cuberta a responsabilidade profesional en contía adecuada aos riscos que implique.

A contratación dun seguro é obrigatoria para as sociedades profesionais e nos demais casos que prevexa a lei.

Artigo 93. Mediación decanal

A persoa profesional da Avogacía que reciba a encarga de promover actuacións de calquera clase contra calquera outro compañeiro ou compañeira de profesión sobre responsabilidades relacionadas co exercicio deberá informar o Decanato para que este, se o considera oportuno, realice un labor de mediación.

Artigo 94. Responsabilidade disciplinaria

1. Os profesionais da avogacía ou as sociedades profesionais de que participen están suxeitos a responsabilidade disciplinaria por infracción dos deberes profesionais e deontolóxicos, por quebrantamento das obrigacións corporativas e por aqueles feitos que figuren tipificados como infracción nestes estatutos, así como no Estatuto xeral da avogacía española.

2. As facultades disciplinarias da autoridade xudicial sobre as persoas profesionais da avogacía axustaranse ao disposto nas leis procesuais.

As sancións ou correccións disciplinarias que lle impoñan os tribunais ao profesional da avogacía faranse constar no seu expediente persoal.

3. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar no expediente persoal da persoa colexiada ou no particular da sociedade profesional.

Artigo 95. Réxime disciplinario aplicable ás persoas colexiadas non exercentes

As persoas colexiadas non exercentes quedan sometidas ao réxime disciplinario recollido nestes estatutos en todo aquilo que lles sexa de aplicación en relación coa súa actuación colexial, así como no Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 96. Potestade disciplinaria

A potestade disciplinaria sobre os profesionais da avogacía e as sociedades profesionais exercerao o Colexio cando no seu ámbito territorial se cometese a infracción, salvo que recaia sobre membros da Xunta de Goberno ou conselleiros do Consello Xeral da Avogacía Española ou do Consello da Avogacía Galega; nese caso, observaraseo previsto no Estatuto xeral da avogacía española e nas demais normas aplicables.

CAPÍTULO II

Infraccións e sancións dos profesionais da avogacía

Artigo 97. Infraccións

Son infraccións disciplinarias as condutas que se corresponden coas recollidas nos artigos 124, 125 e 126 do Estatuto xeral da avogacía española e clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 98. Infraccións moi graves

Constitúen infraccións moi graves dos profesionais da avogacía:

a) A condena en sentenza firme en delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión.

b) A condena en sentenza firme a penas graves conforme o artigo 33.2 do Código penal.

c) O exercicio da profesión con vulneración de resolucións administrativas ou xudiciais firmes de inhabilitación ou prohibición do exercicio profesional.

d) A colaboración ou o encubrimento do intrusionismo profesional.

e) O exercicio da profesión incorrendo en causa de incompatibilidade.

f) A vulneración do deber de segredo profesional cando a concreta infracción non estea tipificada de forma específica.

g) A renuncia ou o abandono da defensa que lle fose confiada, cando se cause indefensión ao cliente.

h) A negativa inxustificada a realizar as intervencións profesionais que se establezan por lei ou, en supostos extraordinarios e de urxente necesidade, polo Colexio.

i) A defensa de intereses contrapostos cos do propio avogado ou cos do despacho de que forme parte ou co cal colabore.

j) A retención ou apropiación de cantidades correspondentes ao cliente e recibidas por calquera concepto.

k) A apropiación ou retención de documentos ou arquivos relativos a clientes do despacho en que estivese integrado previamente, salvo autorización expresa do cliente.

l) O quebrantamento das sancións impostas.

m) A publicidade de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos establecidos no artigo 20.2.c) do Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 99. Infraccións graves

Son infraccións graves dos profesionais da avogacía:

a) A vulneración dos deberes deontolóxicos nos casos seguintes:

I) A infracción dos deberes de confidencialidade e das prohibicións que protexen as comunicacións entre profesionais nos termos establecidos no artigo 23 do Estatuto xeral da avogacía española.

II) O incumprimento dos compromisos formalizados entre compañeiros, verbalmente ou por escrito, no exercicio das súas funcións profesionais.

III) A falta de respecto debido ou a realización de alusións persoais de menosprezo ou descrédito, no exercicio da profesión, a outro profesional da avogacía ou ao seu cliente.

IV) A indución inxustificada ao cliente a non aboar os honorarios devindicados por un compañeiro en caso de substitución ou cambio de profesional da avogacía.

V) A retención de documentación dun cliente contra as suas expresas instrucións.

VI) A falta de remisión da documentación correspondente ao profesional da avogacía que o/a substitúa na xestión dun asunto.

VII) A citación dun profesional da avogacía como testemuña de feitos relacionados coa súa actuación profesional.

b) A publicidade de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos do artigo 20 do Estatuto xeral da avogacía española, salvo o previsto no artigo 98.m) en relación co artigo 20.2.c) do dito estatuto, cuxa infracción terá a consideración de moi grave.

c) O incumprimento dos deberes de identificación e información que se recollen nos artigos 48 e 49 do Estatuto xeral da avogacía española e no artigo 21 do Código deontolóxico da avogacía española.

d) O incumprimento das obrigacións en materia de reclamacións recollidas no artigo 52 do Estatuto xeral da avogacía española.

e) A falta do respecto debido a quen interveña na Administración de xustiza.

f) A falta de pagamento das cotas colexiais, sen prexuízo da baixa no Colexio por este motivo.

g) A falta do respecto debido ou a incomparecencia inxustificada ás citacións efectuadas, baixo apercibimento, polos membros dos órganos corporativos ou de goberno da avogacía no exercicio das súas funcións.

h) A falta de cumprimento das súas funcións como membros de órganos de goberno corporativo, que impida ou dificulte o seu correcto funcionamento.

i) A condena penal firme pola comisión de delitos leves dolosos como consecuencia do exercicio da profesión.

j) A defensa de intereses en conflito cos doutros clientes do profesional da avogacía ou despacho de que forme parte ou co cal colabore, en vulneración do establecido no artigo 51 do Estatuto xeral da avogacía española.

k) O incumprimento da obrigación de comunicar a substitución na dirección profesional dun asunto ao compañeiro substituído, nos termos previstos no artigo 60 do Estatuto xeral da avogacía Española.

l) A relación ou comunicación coa parte contraria cando lle conste que está representada ou asistida por outro profesional da avogacía, salvo a súa autorización expresa.

m) O abuso da circunstancia de ser o único profesional da avogacía interveniente, causando unha lesión inxusta.

n) A incomparecencia inxustificada a calquera dilixencia xudicial, sempre que cause un prexuízo aos intereses cuxa defensa lle fose confiada.

ñ) O pagamento, cobramento, exixencia ou aceptación de comisións ou doutro tipo de compensación doutro profesional da avogacía ou de calquera persoa, infrinxindo as normas legais sobre competencia ou as reguladoras da deontoloxía profesional.

o) A negativa ou o atraso inxustificado a render contas da encarga profesional ou a facer a correspondente liquidación de honorarios e gastos que lle sexa exixida polo cliente.

p) A compensación de honorarios con fondos do cliente que non fosen recibidos como provisión, sen o seu consentimento.

q) A falsa atribución dunha encarga profesional.

r) A embriaguez ou o consumo de drogas cando afecten o exercicio da profesión.

s) A falta de contratación de seguro ou garantía cando a obrigación de contar co dito réxime de garantía para cubrir as responsabilidades por razón do exercicio profesional así estea prevista por lei.

t) Os demais actos ou omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión e ás regras que a gobernan, conforme o establecido no Estatuto xeral da avogacía española e noutras normas legais ou regulamentarias.

u) Os actos e omisións descritos no artigo anterior, cando non teñan a entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

Artigo 100. Infraccións leves

Son infraccións leves dos profesionais da avogacía:

a) Ofender levemente, en calquera comunicación privada oral ou escrita, o profesional da avogacía da parte contraria, sempre que non transcendese a ofensa.

b) Comprometer, nas súas comunicacións e manifestacións co profesional da avogacía da parte contraria, o propio cliente con comentarios ou manifestacións que poden causarlle desprestixio.

c) Impugnar reiterada e inxustificadamente os honorarios doutros profesionais da avogacía.

d) Non atender coa debida dilixencia as visitas, comunicacións escritas ou telefónicas doutros profesionais da avogacía.

e) Non comunicar oportunamente ao Colexio o cambio de domicilio profesional ou calquera outra circunstancia persoal que afecte a súa relación con aquel.

f) Non consignar no primeiro escrito ou actuación a súa identificación, o Colexio a que estea incorporado e o número de colexiado.

g) Tratar de forma incorrecta, faltar ao respecto ou darlle ordes particulares ao persoal do Colexio.

h) Calquera outro incumprimento que estea previsto no Estatuto xeral da avogacía española ou no Código deontolóxico da avogacía española cando non constitúa infracción grave ou moi grave.

i) Os demais actos e omisións que constitúan ofensa leve á dignidade profesional ou ás obrigacións que a profesión impón, e ás regras que a gobernan, conforme o establecido no Estatuto xeral e noutras normas legais.

Artigo 101. Sancións

1. Pola comisión de infraccións moi graves, atendendo a criterios de proporcionalidade, poderá imporse a expulsión do Colexio ou a suspensión do exercicio da avogacía por prazo superior a un ano sen exceder os dous.

2. Pola comisión de infraccións graves, poderá imporse a sanción de suspensión do exercicio da avogacía por un prazo superior a quince días sen exceder un ano, ou multa pecuniaria por importe de entre 1.001 e 10.000 euros.

3. Pola comisión de infraccións leves, poderá imporse a sanción de apercibimento escrito, ou suspensión do exercicio da avogacía por un prazo non superior a quince días, ou multa pecuniaria por importe de ata 1.000 euros.

4. A Xunta de Goberno poderá establecer na resolución que poña fin ao procedemento disciplinario, ademais da sanción de suspensión no exercicio da avogacía que corresponda, se media petición expresa do expedientado, a sanción de multa alternativa á suspensión imposta, tomando en consideración os seguintes criterios:

a) A gravidade dos feitos.

b) O grao de culpabilidade ou persistencia na conduta infractora.

c) A natureza dos prexuízos causados.

d) A reincidencia.

Na resolución en que se estableza a multa alternativa fixarase o prazo para o seu aboamento, que en ningún caso poderá superar quince días desde a súa notificación.

Se o sancionado non fai efectivo voluntariamente o pagamento da multa alternativa no prazo establecido na resolución, a multa alternativa quedará automaticamente sen efecto e manterase a imposición da correspondente sanción de suspensión no exercicio da avogacía fixada na resolución.

En ningún caso a imposición da multa alternativa poderá resultar máis beneficiosa para o infractor que o cumprimento das normas vulneradas.

5. A imposición de calquera sanción gardará a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada. Para tal fin, considerarase, en todo caso, a existencia de reincidencia e reiteración, e terase especialmente en conta a natureza e a entidade dos prexuízos causados a terceiros ou á profesión.

Artigo 102. Infraccións e sancións na prestación do servizo de asistencia xurídica gratuíta

1. Ademais das infraccións establecidas anteriormente, serán sancionables, en canto constitúen medidas disciplinarias que resultan precisas na súa aplicación como consecuencia da vulneración das normas reguladoras da quenda de oficio e de asistencia a detidos e presos, as seguintes:

a) Infraccións moi graves:

I) A percepción de honorarios do/da cliente de quenda de oficio sen ter dereito a iso.

II) A ocultación de causas de incompatibilidade para acceder á quenda de oficio e asistencia ao/á detido/a.

III) A presentación do parte de asistencia a garda sen tela realizada efectivamente.

IV) A non comparecencia, estando de garda, nos centros de detención, xulgado ou Fiscalía de Menores, unha vez requirido/a para iso, dentro do prazo legalmente establecido.

V) A falta de asistencia, sen causa xustificada, a unha vista ou actuación procesual de análoga natureza.

VI) A substitución nunha actuación concernente á quenda do oficio por un/unha letrado/a que non estea dado/a de alta na quenda de oficio ou asistencia correspondente.

VII) A reincidencia na mesma falta grave dúas veces no prazo dun ano.

b) Infraccións graves:

I) Estar dado/a de alta na quenda de oficio nun partido xudicial onde non se exerza a actividade profesional principal.

II) Non comunicar a percepción de custas de contrario nos procedementos asignados en quenda de oficio.

III) A renuncia inxustificada ás designacións de garda tres veces consecutivas ou cinco alternas no prazo dun ano.

IV) A desatención do servizo ou a imposibilidade de localización do avogado ou avogada durante o período de garda por causa que lle sexa imputable.

V) As substitucións sistemáticas do/da letrado/a designado/a de oficio por outro/a compañeiro/a que estea adscrito/a á quenda.

VI) Realizar servizos de garda ou asumir a defensa nun procedemento sen estar designado/a pola quenda de oficio ou pola quenda de asistencias ao/á detido/a.

VII) O incumprimento inxustificado da encarga contida na designación realizada polo Colexio da Avogacía en materia de asistencia xurídica gratuíta.

VIII) A reincidencia na mesma falta leve dúas veces no prazo de seis meses.

c) Infraccións leves:

I) A non comunicación dun cambio de garda.

II) Non atender coa dilixencia debida os asuntos derivados da quenda de oficio cando o incumprimento non constitúa infracción grave ou moi grave.

III) Calquera outra infracción recollida nas normas reguladoras que afectan a quenda de oficio e que non estean tipificadas como infracción moi grave ou grave.

2. As infraccións serán sancionadas conforme o seguinte:

a) As infraccións moi graves serán sancionadas coa exclusión do servizo da quenda de oficio por un prazo dun a dous anos. Acordarase ademais, se procede, a restitución das cantidades percibidas indebidamente.

b) As infraccións graves serán sancionadas coa exclusión do servizo da quenda de oficio por un prazo mínimo de seis (6) meses e inferior a un ano. Acordarase ademais, se procede, a restitución das cantidades percibidas indebidamente.

c) As infraccións leves serán sancionadas con apercibimento por escrito. Tamén se poderá impor a exclusión do servizo da quenda de oficio por un prazo inferior a seis (6) meses.

3. Incoado un expediente disciplinario como consecuencia dunha denuncia formulada por un/unha usuario/a dos servizos de asistencia xurídica gratuíta, cando a gravidade do feito denunciado o aconselle, poderá acordarse a separación cautelar do servizo do profesional da avogacía presuntamente responsable, por un período máximo de seis meses ata que o expediente disciplinario se resolva.

CAPÍTULO III

Infraccións e sancións correspondentes ás sociedades profesionais

Artigo 103. Regra xeral

1. As sociedades profesionais poderán ser sancionadas conforme o establecido no Estatuto xeral da avogacía española, así como nestes estatutos, polas infraccións cometidas polos profesionais da avogacía que as integran, cando resulte acreditada a súa responsabilidade concorrente, como partícipes ou encubridores, na comisión das ditas infraccións. Presumirase que existe esa responsabilidade concorrente cando as infraccións as cometesen, por conta e en proveito da sociedade profesional, os seus administradores, ou quen, seguindo as súas instrucións, a represente. Nestes supostos, considerarase a infracción da sociedade profesional como da mesma clase que a cometida polo profesional da avogacía para efectos de aplicar a sanción correspondente.

2. Igualmente, poderán ser sancionadas as sociedades profesionais pola realización de condutas directamente imputables á sociedade, que estean tipificadas como infraccións para os profesionais da avogacía.

Artigo 104. Infraccións moi graves

É infracción moi grave das sociedades profesionais a falta dun seguro en vigor ou garantía equivalente que cubra a responsabilidade en que poidan incorrer no exercicio das súas actividades, cando a obrigación de contar co dito réxime de garantía así estea prevista por lei.

Artigo 105. Infraccións graves

Constitúe infracción grave das sociedades profesionais a falta de presentación para a súa inscrición no Rexistro do Colexio, no prazo establecido, dos cambios de socios e administradores ou de calquera modificación do contrato social que deba ser obxecto de inscrición, así como a falta de pagamento das cargas previstas colexialmente.

Artigo 106. Infraccións leves

O atraso non superior a un mes no cumprimento das obrigacións a que se refire o artigo anterior conceptuarase como infracción leve.

Artigo 107. Sancións

1. Pola comisión da infracción moi grave conforme o establecido nestes estatutos, a sociedade será dada de baixa no Rexistro do Colexio.

2. As infraccións graves, atendendo a criterios de proporcionalidade, serán sancionadas con apercibimento e multa pecuniaria por importe de entre 1.501 e 15.000 euros.

3. As infraccións leves, atendendo a criterios de proporcionalidade, serán sancionadas con apercibimento ou multa pecuniaria por importe de entre 300 e 1.500 euros.

CAPÍTULO IV

Réxime disciplinario das titorías de prácticas externas dos cursos
ou másteres de acceso á profesión

Artigo 108. Responsabilidade disciplinaria dos avogados e avogadas titores de prácticas externas dos cursos ou másteres de acceso á profesión

1. Os avogados e as avogadas titores de prácticas externas están suxeitos á responsabilidade disciplinaria polo incumprimento das obrigacións previstas no Estatuto xeral da avogacía española, conforme o establecido neste artigo.

2. O Colexio exercerá a potestade disciplinaria sobre os profesionais da avogacía que exerzan como titores en relación coas prácticas externas do máster de acceso á profesión de cuxa organización participa.

3. Son infraccións graves do/da profesional da avogacía titor/a:

a) Incumprir o plan de formación da entidade responsable das prácticas externas ou a súa normativa reguladora.

b) Incumprir as instrucións facilitadas pola Dirección do curso ou máster ou a normativa que regule a titoría.

c) Encomendar ao alumnado tarefas alleas ao exercicio da Avogacía.

d) Faltar ao respecto ou á consideración debida ao alumnado.

e) Non prestar apoio e asistencia ao alumnado durante todo o período de prácticas externas nin proporcionarlle os medios materiais indispensables para o desenvolvemento das prácticas.

f) Non redactar a memoria explicativa das actividades desenvolvidas que debe ser revisada pola persoa responsable do equipo de titoría.

g) Non manter a condición de profesional da avogacía durante o desempeño da súa función titora.

h) Non dar traslado ao centro organizador das prácticas externas do comportamento do alumnado que considere contrario ás normas deontolóxicas e estatutarias da profesión.

4. Son infraccións leves do/da profesional titor ou titora:

a) Non coordinar coa persoa responsable do equipo de titoría a súa actividade titorial no desenvolvemento das prácticas externas ou non facilitarlle a información que este lle requira.

b) Non entrevistarse co alumnado coa periodicidade establecida na normativa reguladora de cada período de prácticas.

c) Non manter unha conduta exemplar durante o desenvolvemento do seu labor titorial.

5. As infraccións graves serán sancionadas con inhabilitación de ata tres (3) anos para exercer a titoría en calquera curso ou máster de acceso, así como a perda dos recoñecementos, incentivos ou vantaxes obtidos polo desempeño do seu cargo de titor/a.

6. As infraccións leves poderán ser sancionadas con apercibimento verbal ou reprensión privada, apercibimento por escrito ou multa de ata 500 euros.

7. A sanción graduarase en función da gravidade e efectos do feito, a intencionalidade, duración, habitualidade ou reiteración da conduta.

CAPÍTULO V

Procedemento sancionador

Artigo 109. Procedemento sancionador

1. As sancións disciplinarias só se poderán impor en virtude de procedemento instruído para o efecto no cal se lle garantan a peresoa interesada os dereitos a ser notificada dos feitos que se lle imputan, formular alegacións e utilizar os medios de defensa admitidos polo ordenamento xurídico que resulten procedentes.

2. O procedemento iniciarase de oficio, por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa ou como consecuencia de denuncia.

3. Con anterioridade ao acordo de iniciación, o órgano competente poderá abrir un período de información previa co fin de determinar se procede ou non iniciar o procedemento sancionador. No caso en que se acorde o seu inicio, deberase nomear un/unha instrutor/a de entre os membros da Xunta de Goberno, da Comisión Deontolóxica, colexiados que formasen parte da Xunta de Goberno ou con máis de dez anos de exercicio.

4. O procedemento tramitarase de conformidade co establecido na lexislación administrativa básica e normas que a desenvolvan, así como no disposto pola normativa autonómica e corporativa. O prazo máximo en que se debe ditar e notificar a resolución expresa será o previsto nas leis, salvo que se poida establecer outro diferente por norma regulamentaria.

5. No non previsto nestes estatutos, o procedemento tramitarase de conformidade co establecido no Regulamento de procedemento disciplinario do Consello Xeral da Avogacía Española e demais normativa corporativa.

Artigo 110. Execución e efectos

1. As sancións disciplinarias serán executivas unha vez que sexan firmes en vía administrativa.

2. As sancións producirán efecto no ámbito de todos os colexios de avogados de España, e será competente para executalas o órgano que as impoña, que terá preceptivamente que comunicalas ao Consello Xeral da Avogacía Española para que este poida informar a todos os colexios e consellos autonómicos.

3. Cando a sanción for imposta por un Colexio distinto do de incorporación, este deberá prestarlle a colaboración precisa para a execución da sanción. Esta colaboración poderá ser regulada por convenio entre colexios.

Artigo 111. Extinción da responsabilidade disciplinaria das persoas colexiadas

1. A responsabilidade disciplinaria das persoas colexiadas extínguese polo cumprimento da sanción, o falecemento, a prescrición da infracción e a prescrición da sanción.

No suposto en que a sanción imposta sexa a de expulsión do Colexio, deberá observarse o que establece o artigo 13 do Estatuto xeral da avogacía española en materia de rehabilitación.

2. Se, durante a tramitación do procedemento disciplinario, se produce o falecemento do/da inculpado/a, ditarase resolución en que se declare extinguida a responsabilidade e se arquiven as actuacións.

3. A baixa no Colexio ou o pase a situación de non exercente non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante a alta, aínda que poida determinar a imposibilidade de executar a sanción que se acorde.

En tal caso, concluirase o procedemento disciplinario mediante a resolución que proceda e a sanción ou o procedemento quedará en suspenso para ser cumprida ou continuar a tramitación, respectivamente, se causa novamente alta no Colexio ou noutro colexio da avogacía.

Artigo 112. Prescrición das infraccións e sancións

1. As infraccións e as sancións correspondentes prescribirán:

a) Se son moi graves, ao tres anos.

b) Se son graves, aos dous anos.

c) Se son leves, aos seis meses.

2. O prazo de prescrición das infraccións contarase desde que a infracción se cometese e interromperase pola notificación á persoa colexiada do acordo de incoación do expediente disciplinario.

3. O prazo de prescrición das sancións por falta de execución comezará a contar o día seguinte ao daquel en que poida ser executada a resolución sancionadora, ou desde a data do quebrantamento do cumprimento da sanción, de se producir este.

Artigo 113. Cancelación da anotación das sancións no expediente persoal do profesional da avogacía

1. A anotación das sancións no expediente persoal do colexiado cancelarase cando transcorresen os seguintes prazos sen que aquel incorrise en nova responsabilidade disciplinaria: seis meses en caso de sancións de apercibimento, suspensión do exercicio da avogacía por un prazo non superior a quince días, ou multa pecuniaria de ata 1.000 euros; un ano en caso de sanción de suspensión superior a quince días sen exceder un ano, ou multa pecuniaria entre 1.001 e 10.000 euros; tres anos en caso de sanción de suspensión por prazo superior a un ano sen exceder os dous anos; e cinco anos en caso de expulsión.

2. Estes prazos computaranse desde o día seguinte ao do cumprimento da sanción.

3. A cancelación da anotación poderá facerse de oficio ou por petición dos sancionados.

Artigo 114. Extinción da responsabilidade disciplinaria das sociedades profesionais e cancelación da anotación das sancións no seu expediente particular

1. A responsabilidade disciplinaria das sociedades profesionais no caso de falta de pagamento das correspondentes cargas colexiais extinguirase cando se aboasen na súa totalidade as debidas.

2. A anotación das sancións no expediente particular da sociedade profesional cancelarase cando transcorresen os seguintes prazos: seis meses en caso de multa pecuniaria de 300 ata 1.500 euros; un ano en caso de multa pecuniaria entre 1.501 e 15.000 euros.

Estes prazos computaranse desde o día seguinte ao do cumprimento da sanción.

A cancelación da anotación poderá facerse de oficio ou por petición da sociedade sancionada.

TÍTULO IX

Modificación dos estatutos

Artigo 115. A modificación dos estatutos

1. A modificación destes estatutos será competencia da xunta xeral extraordinaria nos termos e cos requisitos que prevé o Estatuto xeral da avogacía española, por proposta da Xunta de Goberno ou dun grupo de colexiados e colexiadas que representen, polo menos, o dez por cento do censo colexial.

2. O proxecto de reforma, que deberá conter o texto articulado proposto, será posto de manifesto pola Xunta de Goberno ao censo colexial por un período de dous meses, durante o cal se poderán presentar emendas e alegacións, co texto alternativo que se propoña e a súa motivación.

3. Transcorrido o período a que se refire o número anterior, a Xunta de Goberno convocará, no prazo dun mes, a xunta xeral extraordinaria, que se desenvolverá de acordo co seguinte:

a) A realización deberá de ter lugar no prazo de dous meses contados desde a convocatoria.

b) Coa convocatoria porase á disposición do censo colexial as alegacións e emendas presentadas, que serán as únicas que se someterán a debate e votación.

4. Para a válida constitución da Xunta Xeral requirirase en primeira convocatoria un quórum do vinte por cento das persoas colexiadas, e en segunda convocatoria non será preciso un quórum específico.

5. Na xunta xeral, o decano ou a decana ou membro da Xunta de Goberno que esta designe defenderá o proxecto, se este for iniciativa dela; noutro caso, farao a persoa colexiada designada polas promotoras do proxecto, que o defenderá, e a continuación o mesmo sucederá coas emendas. Finalizadas as quendas de intervención, abriranse quendas a favor e en contra, de forma alternativa por cada emenda presentada, e a continuación someterase a votación; cada unha delas será aprobada se reúne o voto favorable da maioría dos asistentes.

6. Finalizada a quenda de emendas, o texto definitivo do proxecto será sometido a votación e resultará aprobado se reúne o voto favorable da maioría dos asistentes. O voto será persoal e directo, e non se permitira a delegación de voto.

7. O texto definitivo aprobado remitirase ao Consello Xeral da Avogacía Española para a súa aprobación de conformidade co disposto no artigo 70 do Estatuto xeral da avogacía española, ao Consello da Avogacía Galega para a emisión de informe, e seguidamente á consellería competente da Xunta de Galicia para os efectos da súa aprobación definitiva –logo de cualificación de legalidade–, da inscrición no Rexistro de Colexios e da publicación no Diario Oficial de Galicia.

TÍTULO X

Cambio de denominación, disolución e liquidación do Colexio

Artigo 116. Cambio de denominación, disolución e liquidación do colexio

1. O cambio de denominación e a disolución do Colexio poderán ser acordados en xunta xeral extraordinaria convocada especialmente para o efecto pola Xunta de Goberno ou cando o soliciten a metade máis un dos integrantes exercentes do Colexio.

2. A Xunta Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria se concorren colexiados que supoñan a metade máis un do censo colexial con dereito a voto.

De non se acadar o dito quórum, poderá constituírse en segunda convocatoria se concorren colexiados que supoñan o 25 % do censo colexial con dereito a voto.

Ambas as convocatorias se poderán realizar de maneira conxunta nun anuncio único, e deberá mediar entre elas, polo menos, un prazo de 24 horas.

3. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos presentes e non se permitira a delegación do voto.

4. No suposto de aprobarse a disolución, a mesma Xunta Xeral proverá o conveniente en canto á liquidación, determinando o número de liquidadores, e designará as persoas colexiadas que deban actuar como tales, así como as atribucións que lles corresponderán como liquidadores, o procedemento que cómpre seguir e o destino do remanente, de existir tras a finalización das súas operacións.

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nestes estatutos serán de aplicación o disposto no Estatuto xeral da avogacía española, as leis de colexios profesionais autonómica e estatal e as demais disposicións ditadas ao abeiro do artigo 36 da Constitución española. Os regulamentos e acordos corporativos aprobados baixo a vixencia do texto anterior continuarán aplicándose en canto non se opoñan a estes estatutos.

Disposición adicional segunda

Habilítase expresamente a Xunta de Goberno para introducir as modificacións estatutarias que eventualmente sexan requiridas polo Consello Xeral da Avogacía Española e o órgano competente da Xunta de Galicia en trámite de cualificación da súa legalidade.

Disposición transitoria

Con carácter xeral, os procedementos en tramitación na data de entrada en vigor destes estatutos proseguirán ata a súa terminación conforme a normativa a teor da cal se iniciasen.