DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 25 de agosto de 2023 Páx. 50305

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 14 de agosto de 2023 pola que se modifica a Orde do 15 de marzo de 2016, reguladora de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento de débedas que correspondan a ingresos de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 20.5 a posibilidade de aprazar ou fraccionar as cantidades debidas á Facenda da Comunidade Autónoma, nos casos e cos procedementos que regulamentariamente se establezan. Así mesmo, prevé a posibilidade de exceptuar garantías cando sexan inferiores á cifra que fixe a Consellería de Facenda.

En canto aos tributos propios, a Lei 58/2003, do 26 de decembro, xeral tributaria, nos seus artigos 65 e 82 regula esta materia dunha forma similar, en canto á posibilidade de aprazar ou fraccionar débedas nos termos que se fixan regulamentariamente e á posibilidade de fixar unha contía inferior á cal estaría dispensada a execución de garantías.

A presente orde ten como obxecto manter a finalidade última da exención prevista na normativa na tramitación de aprazamentos ou fraccionamentos de pagamento, incrementando o seu importe de 30.000 a 50.000 euros. O seu obxectivo principal é outorgar facilidades de pagamento ás persoas obrigadas tributarias para o cumprimento das súas obrigas de dereito público ante as súas dificultades económico-financeiras de carácter transitorio.

O actual contexto económico, derivado tanto da invasión rusa de Ucraína como do choque da oferta que vén sufrindo a economía europea asociado á escalada dos prezos da enerxía, favoreceu un incremento de prezos que xera enormes dificultades nas nosas economías domésticas e sectores económicos. En consecuencia, faise cada vez máis necesario fomentar estas facilidades de pagamento para as persoas obrigadas.

Partindo do contexto anterior, e tendo en conta o tempo transcorrido desde a aprobación do límite actualmente vixente, considérase necesario actualizar tal importe, elevando o límite da citada exención da obrigación de achegar garantías. Deste xeito, as persoas obrigadas tributarias verán así reducidas tanto as cargas administrativas como as económicas que supoñen as formalizacións destas garantías.

A presente orde está composta dun artigo único que modifica a Orde do 15 de marzo de 2016, reguladora de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento de débedas que correspondan a ingresos de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia, para incrementar o referido límite actualmente vixente, unha disposición transitoria e unha disposición derradeira para regular o momento da súa entrada en vigor.

A presente norma responde aos principios de boa regulación previstos na normativa vixente. Así, a orde atende aos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que, de conformidade co disposto no artigo 103.1. da Constitución española, deben presidir a actuación administrativa e adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e mais aos principios de simplicidade e accesibilidade recollidos tamén no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Deste xeito, en aplicación dos principios de necesidade e eficacia, a norma persegue un interese xeral, que é outorgar facilidades de pagamento ás persoas obrigadas tributarias para o cumprimento das súas obrigas de dereito público ante as súas dificultades económico-financeiras de carácter transitorio. En cumprimento, ademais, dos principios de accesibilidade, de transparencia e de proporcionalidade, identifícanse claramente os obxectivos perseguidos coa norma e esta é o instrumento máis adecuado para conseguilos, pois contén a regulación imprescindible para atender a necesidade referida. En aplicación do principio de eficiencia, a norma racionaliza a xestión dos recursos públicos e, en virtude dos principios de simplicidade e de seguridade xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico, recolle as modificacións necesarias, é a canle adecuada para facelo e xera un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e certo, co obxectivo de que sexan fáciles o seu coñecemento e a súa comprensión.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, entre os que cabe destacar a publicación do texto para alegacións no Portal de transparencia e goberno aberto e a emisión dos informes preceptivos.

En aplicación do disposto no artigo 82.2.a) da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, no artigo 7 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 15 de marzo de 2016, reguladora de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento de débedas que correspondan a ingresos de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o artigo 4, que queda redactado como segue:

«Non se exixirán garantías para as solicitudes de aprazamento e fraccionamento de pagamento de débedas que constitúan ingresos de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto os tributos cedidos, cando o seu importe en conxunto non exceda 50.000 euros e se atopen tanto en período voluntario como en período executivo de pagamento, sen prexuízo do mantemento, neste último caso, das trabas existentes sobre bens e dereitos da persoa debedora no momento da presentación da solicitude.

Para os efectos da determinación da contía, acumularanse no momento da solicitude tanto as débedas a que se refire a propia solicitude como calquera outra da mesma persoa debedora para as que conste que se solicitou e non resolveu o aprazamento-fraccionamento, así como o importe dos vencementos pendentes de ingreso das débedas aprazadas ou fraccionadas, salvo que estean debidamente garantidas».

Disposición transitoria única

As solicitudes de aprazamento e fraccionamento pendentes de resolución no momento da entrada en vigor da presente orde seguirán rexéndose polo establecido na normativa vixente na data de presentación da correspondente solicitude.

Disposición derradeira única

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2023

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública